Gran travesía do ocio alternativo

grantravesiadeocioalternativoAproveitar a masiva utilización das novas tecnoloxías por parte dos xóvenes para (re)descubrirlles formas aproveitar o tempo libre. Esa é a base do proxecto “Gran travesía do ocio alternativo” que a Asociación Galega de Monitores (AGM) desenvolveu co apoio do programa Iniciativa Xove, da dirección xeral de Xuventude.

A entidade, que conta con preto de setecentos socios, utilizou as posibilidades de participación que ofrecen á mocidade tanto para participar na proposta, desde a propia organización das actividades ata a súa execución final.

O froito desta iniciativa é considerable. Ademais de fomentar a participación xuvenil e ofrecer novas posibilidades de lecer, favorece a formación, demostra que no sector do tempo libre hai posibilidades de emprendemento e autoemprego, e á vez facilita coñecer o patrimonio da zona, neste caso a Ría de Vigo, entre outros aspectos.

Durante unha fin de semana enteira, a “Gran travesía do ocio alternativo” ofreceu varias actividades a modo de circuíto, que os participantes puideron secundar no seu conxunto ou escollendo só as que máis lles interesasen.

Asi, arrancando desde a praia viguesa do Vao, a primeira proposta foi unha ruta de caiac de mar ata a praia de Melide. Preto desta última, acudiron á Furna do Lago para practicar espeleoloxía. E, aínda na mañá do sábado, tiveron tempo para unha boa dose de escalada nas paredes de Donón.

Tras o xantar dese día, foi o momento do sendeirismo, no monte do Facho, o emblemático conxunto monumental do Hío, a mámoa de Chan da Arquiña e os muíños do río da Fraga, xa na parte norte da ría.

Esta saída sendeirista proseguiu o domingo pola mañá, xusto antes de cruzar a nado a ría baixo a ponte de Rande e despois emprender un roteiro de BTT cara o monte do Vixiador, e despois Peinador, o campus de Vigo e o monte do Galiñeiro, ata o Parque Natural de Aloia.