O campo de voluntariado ‘Centinelas do mar’ da Xunta impulsa o uso de drons para limpar o litoral galego

12 Ago 2022

A Xunta de Galicia impulsa o uso de drons para a recollida de residuos no litoral da nosa comunidade a través do campo de voluntariado Centinelas do mar, unha actividade totalmente novidosa este ano que se celebra en Sanxenxo. Ata alí se achegou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel.

Os mozos, de entre 18 e 30 anos, recoñecerán a zona mediante drons para logo achegar-se por mar a recoller os residuos. Esta limpeza mellorará o acceso ás zonas máis complicadas da costa e evitará que o lixo chegue ás praias

Os voluntarios poderán gozar tamén das festas de San Roque, patrón da localidade de Portonovo, que comezarán este domingo coa tradicional sardiñada

Durante o seu encontro cos voluntarios, Cristina Pichel destacou a importancia de manter limpas as costas e praias de Galicia. Así, puxo en valor este campo de voluntariado, impulsado polo Goberno galego, como un excelente medio para conseguilo. Neste sentido, lembrou que esta experiencia, ademais de concienciar aos máis novos sobre o coidado da natureza, lles achegará habilidades fundamentais para o seu desenvolvemento.


Este programa é un dos nove novos campos de voluntariado que forman parte da campaña de verán do Executivo autonómico, que conta coa maior oferta da historia. Baixo o lema O verán que queres contar, ofrece máis de 10.800 prazas, que inclúen tamén campamentos, minicampamentos Coñece Galicia e prazas para a organización de actividades por parte de entidades sociais.