Segunda edición do ‘Xuventude Mentoring’ de formación e mentorización de mozos para a transición da vida académica á laboral

27 Xun 2022

A Xunta abre a convocatoria para que as mozas e mozos de Galicia participen na segunda edición do programa Xuventude Mentoring formación e mentorización, desde o ámbito da educación non formal e co obxectivo de favorecer a súa empregabilidade. O Goberno galego inviste 500.000 euros nesta iniciativa, cofinanciada pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e polo Fondo Social Europeo, que este ano beneficiará 250 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que acaban de rematar os seus estudos para facer posible unha efectiva transición da vida académica ao mercado laboral.

Todo aquel que queira participar no programa pode inscribirse de xeito telemático nesta ligazón. As mozas e mozos participantes deben estar inscritos no Sistema nacional de Garantía Xuvenil. Desde o 27 de xuño e ata o 1 de agosto recibiranse as solicitudes das mozas e mozos que lles gustaría formar parte deste programa.

Durante tres meses recibirán formación, asesoramento e desfrutarán de diferentes actividades, como visitas a empresas ou conferencias, para axudarlles a impulsar a súa rede de contactos e achegarlles máis oportunidades laborais.

Nesta segunda edición de Xuventude Mentoring contarase de novo coa colaboración do Consorcio Inteuniversitario de Galicia (Cixug) para que esta transición sexa acorde non só ás demandas e necesidades laborais, senón tamén se axuste á realidade académica. Así mesmo, oprograma estará aberto á participación de máis entidades sociais, empresas, asociacións empresariais ou clústeres, a través da firma dun modelo de adhesión como entidade colaboradora en materia de difusión e promoción do programa, achega de mentores e/ou colaboración nas actividades formativas e de capacitación.

O programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo na Iniciativa de Emprego Xuvenil, nun 80%, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, para o período 2014-2020, no eixe prioritario 1B, prioridade de investimento 8.2, obxectivo específico 8.2.1, medida 8.2.1.1.

Primeira edición

A primeira edición deste programa tivo uns resultados moi satisfactorios despois de que o 60% dos mozos participantes encontraran traballo ou ampliaran a súa formación. Ademais, formaron parte da iniciativa 150 mentores e asináronse acordos de adhesión con 20 entidades colaboradoras.

+ Máis información