Polos creativos

27 Abr 2022

A Consellería de Educación crea o programa de innovación educativa Polos creativos.

Os Polos creativos desenvolveranse en espazos físicos creados nos centros educativos, dotados dun equipamento especializado, cun deseño modular e innovador, e organizados didacticamente para o fomento da creatividade e a formación do alumnado nun contexto de aprendizaxe competencial. Está baseado na aprendizaxe activa e manipulativa, a aprendizaxe baseada no deseño, a solución de problemas e a aprendizaxe entre iguais.

Estes espazos funcionarán como núcleos dinamizadores no marco da Estratexia Educación Dixital 2030, de maneira que poderán albergar actividades de tipo obradoiro tanto para o profesorado como para o alumnado e, de ser o caso, as familias, desde unha óptica de aprendizaxe conxunta e comunitaria. Así mesmo, poderán desenvolver proxectos mediante a experimentación, o prototipado e a construción. Tamén poden albergar prácticas de investigación e proxectos baseados na abordaxe de problemas reais que inclúan a innovación e fabricación a pequena escala.

Funcionarán como centro de actividades en que se traballe a intelixencia artificial e outras tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, realidade virtual e impresión 3D, tecnoloxías de control computerizado e fabricación aditiva, mecanizado de diferentes materiais, electromecánica, robótica e microcontroladores, entre outras.

Serán, por tanto, espazos abertos ás comunidades locais para favorecer o desenvolvemento de competencias dixitais e científico-tecnolóxicas e artísticas do conxunto da cidadanía, polo que ofertarán actividades formativas para os diversos colectivos. En concreto, facilitará a solución conxunta de problemas coa participación de alumnado, profesorado e familias, e fomentará especialmente aquelas accións que impliquen a participación de nais e pais xunto cos seus fillos e fillas en actividades tanto de formación como de creación.

Poderán participar nos Polos creativos aqueles centros docentes públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que impartan ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e/ou bacharelato.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto con carácter permanente.

Todo o procedemento de solicitude realizarase a través da aplicación informática https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos/

Máis información no DOG do 27 de abril de 2022