O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas (USC, UDC e UVigo), organizan a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022) que se celebrará o vindeiro 4 de febreiro.
A OIG 2022 desenvolverase de xeito presencial, sempre que a situación sanitaria o permita, e de maneira simultánea en tres sedes: A Coruña, Santiago e Ourense (Facultade de Informática da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo).
As persoas participantes deberán resolver unha serie de problemas mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.
Este concurso de programación está orientado a estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e grao medio que non teñan máis de 20 anos o 1 de xullo de 2022.
Permitirá seleccionar a dous representantes galegos para que participen na Olimpíada Informática Española, que se celebrará en abril de 2022. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto de 2022 en Indonesia. A inscrición a cada unha das sedes aínda non está aberta, pero si está aberta unha pre-inscrición que dará preferencia para a elección de sede na inscrición final.
O vindeiro venres 26 de novembro dará comezo un curso de preparación para os participantes da OIG 2022, formación organizada pola academia Leagues of Code. O curso, de balde grazas a un acordo establecido coa Olimpíada Informática Española (OIE), “permitirá aos inscritos nesta proba galega adestrarse para o campionato durante varias semanas”, explica o CPEIG, lembrando que a actividade formativa é apta para todos os niveis, mesmo para os participantes que xamais se tiveran iniciado en programación.
O curso contará cunha proba de nivel, e en función do seu resultado o alumno será asignado a un grupo adaptado aos seus coñecementos previos.
A formación comporase de clases e exercicios semanais. As clases serán a través de Zoom durante as fines de semana. Trataranse os algoritmos e estruturas de datos e usarase o C++ como linguaxe de programación. “Os exercicios semanais serán través da plataforma Codeforces para aprender a escribir un código propio e resolver problemas interesantes”, engadiu o colexio