Aperturas gratuítas do Museo do Videoxogo de Cangas

02 Nov 2021

A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia anunciou un acordo co Concello de Cangas do Morrazo (onde ten a súa sede a fundación) grazas ao cal o Museo do Videoxogo (MUVI) oferta “un horario de visitas continuo, semanal e gratuíto”.

O acordo foi subscrito pola entidade impulsada polos irmáns Jacobo e Galo Martínez, por unha banda, e a Concellería de Cultura e a Alcaldía de Cangas, pola outra. Grazas a esta novidade, engaden os creadores do museo, “os valores e a visión do MUVI acerca dos videoxogos poderán chegar a tempo completo e de balde a toda a poboación”. Farano ademais de “xeito transversal, inclusivo, rigoroso e con amplo transfondo cultural”.

O sábado 6 de novembro ás 16:30 horas levarase a cabo un acto no MUVI de Cangas que marcará o inicio do horario regular do MUVI: tódolos sábados de 16:30 a 20:00. O acto inaugural contará coa presencia de personalidades do Consistorio, e incluirá unha mostra extensa de videoxogos interactivos, acompañada de música en directo.

http://muvi.gal/