Programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional 2021

23 Abr 2021

Queres participar nun proxecto de voluntariado na comunidade autónoma de Galicia?
Tes interese por coñecer e preservar a nosa biodiversidade e espazos naturais?

Non perdas esta oportunidade!

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de poñer en marcha, para 2021, un novo programa de voluntariado ambiental, de carácter interxeracional e totalmente gratuíto para as persoas voluntarias, que se desenvolverá durante as fins de semana entre os meses de maio e setembro. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a protección e conservación do medio ambiente, incidindo desde unha perspectiva de sensibilización e educación ambiental.

Están programadas 20 actividades con 228 prazas nos seguintes espazos naturais:

Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: lla de Ons

Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: Illas Cíes

Parque Nacional marítimo-terreste das Illas Atlánticas de Galicia: Illa de Cortegada

Parque Nacional marítimo-terreste das Illas Atlánticas de Galicia: Illa de Sálvora

Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán

Parque Natural O Invernadeiro

Parque Natural Serra da Enciña da Lastra

Parque Natural Monte Aloia

Parque Natural Fragas do Eume

Parque Natural e Reserva da Biosfera de Baixa Limia-Serra do Xurés

Reserva da Biosfera Terras do Miño Mondoñedo

Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras do Burón Ribadeo

Xeoparque de O Courel

ZEC Ancares-Courel

ZEC Canón do Sil


Nestes espazos, as persoas voluntarias desenvolverán actividades de apoio na:

- Preservación, limpeza e conservación nos espazos naturais sinalados
- Investigación (catalogación de flora e fauna de Galicia)
- Sensibilización e formación en materia de medio natural

O programa desenvolverase con todas as garantía de seguridade e saúde fronte a Covid-19, polo que as prazas serán limitadas a 10 ou 12 persoas por acción, en función das quendas sinaladas no cadro adxunto, ofrecéndose un total de 228 prazas. A Xunta de Galicia cubrirá os gastos de desprazamento (autobús e/ou barco), manutención, aloxamento, seguros e actividades formativas, a partir do punto de encontro en Santiago de Compostela, na parada de autobuses que hai diante da estación de tren. Cada participante deberá levar os útiles de aseo persoal e toalla así como calzado e roupa axeitada para actividades ao aire libre.

Os requisitos de participación serán os seguintes:

- Ter 18 anos cumpridos.
- Residir na comunidade autónoma de Galicia.
- Cumprimentar o formulario de participación na web de voluntariado, www.voluntariadogalego.org  

As persoas voluntarias poderán participar nunha, algunhas, ou en todas as accións programadas. A selección realizarase por rigoroso orde de inscrición. En todo caso, se o grupo de persoas apuntadas nunha actividade excede do máximo permitido para cada zona, pasarán a unha lista de reserva para o caso de que queden prazas vacantes.

Máis información en: erasmus.xuventude@xunta.gal

Teléfono: 881 999 567

voluntariado@xunta.gal

Teléfono Solidario 900 400 800

https://voluntariadogalego.org/novas/programa-de-voluntariado-ambiental-interxeracional-2021