A programación das Letras Galegas 2021 contará con medio cento de actividades para divulgar o legado de Xela Arias
Propostas no eido educativo
Desde o punto de vista académico, manteranse este ano citas habituais como a Xornada do Día das Letras Galegas.
Os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia impulsan iniciativas e elaboran recursos para dar a coñecer a autora homenaxeada, a súa obra e o seu compromiso coa lingua galega. Unidades didácticas, calendarios, marcapáxinas, crebacabezas, presentacións, xincanas, exposicións, festivais, pasapalabras, vídeos, podcast, telexornais, cancións ou videopoemas son algunas das propostas que se van desenvolver en colexios e institutos de toda Galicia.
Neste contexto, dous dos centros de referencia na vida de Xela Arias súmanse á homenaxe de xeito especial. O IES Xelmírez II de Santiago de Compostela, no que a autora exerceu a docencia, prepara unha xornada que celebrará o 18 de maio coa participación de María Xesús Nogueira e de Fernando Abreu. Pola súa banda, o IES Castelao de Vigo ten en axenda oito citas que estenden a celebración neste centro no que estudou a poeta do 16 de abril ao 21 de maio, con lecturas de poemas, actuacións musicais, relatorios e charlas-coloquios arredor de Xela Arias, obradoiros e conferencias, que lle achegarán ao alumnado a figura, vida e obra da poeta, da man de moitas persoas das que mellor a coñeceron.
A programación das Letras Galegas 2021 incluirá tamén certames de relato, de debuxo, de podcast, banda deseñada, fotografía e mesmo o concurso de rap en galego Lingua de Rapear, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para a dinamización lingüística entre a xente moza. Tamén se apostará por accións de fomento da lectura e o coñecemento da obra de Xela Arias entre os máis novos, dentro e fóra do ámbito educativo.
Exposicións en distintos puntos de Galicia
No eido artístico, a Xunta promove iniciativas como a exposición Xela Arias. Asinamos ser libres, que fará parada en dez concellos galegos difundindo detalles da vida, obra e o contexto histórico no que viviu a homenaxeada; ou Aquela nena de Sarria, que recalará na Biblioteca de Lugo e repasará as súas orixes e a súa infancia nesta vila lucense. Tamén se promoverá, da man do seu fillo Darío Gil, outra mostra fotográfica con preto de medio cento de pezas titulada Tigres coma cabalos inspirado no poemario da autora. Chegará ás cidades de Vigo e Santiago e irá acompañada dunha reedición do poemario en formato catálogo expositivo. Ademais, a Biblioteca de Galicia celebrará o Día da Letras Galegas cunha exposición na que se dará a coñecer o fondo bibliográfico que custodia da autora e haberá tamén distintas mostras bibliográficas pola rede de bibliotecas públicas.
De maneira virtual, tamén se celebrará a iniciativa Xela Arias. Fotogalerías. Retratos de autor. Trátase dunha proposta que se poderá ver no Portal da Lingua Galega, que ofrecerá a partir de abril unha fotogalería con preto de 30 imaxes da poeta de Xulio Gil, autor dalgúns dos retratos máis coñecidos de Xela Arias. Estas imaxes completaranse cunha fotogalería inédita da infancia e adolescencia da autora para que o profesorado e o alumnado dos centros escolares galegos poidan utilizalas.
Máis accións en formato dixital
Un dos aspectos salientables é que haberá unha forte presenza dixital ou audiovisual, tendo en conta o actual contexto sanitario. Como o proxecto Vencerse é cousa de se tratar, que inclúe un espectáculo poético-musical que fai realidade o desexo de Xela Arias de levar ao escenario a súa derradeira obra Intempériome, un proxecto que nunca puido ver cumprido.
A Cidade da Cultura acollerá en maio unha actividade de lectura participativa para difundir nas redes a obra de Xela Arias coa que se realizará unha peza auduovisual para visibilizar nas redes sociais. Tamén destaca a elaboración e difusión dunha trintena de pílulas audiovisuais arredor de Xela Arias con testemuños de familiares, amigos e persoeiros da cultura galega ou un novidoso proxecto de videomapping que proxectará versos e imaxes da autora en 25 edificios e emprazamentos significativos de toda Galicia. Ademais, o Portal das Palabras, o web da RAG, así como o do Consello da Cultura Galega ou da CRTVG incluirán contidos específicos no universo vital e literario de Xela Arias.
Tamén haberá propostas musicais. Entre outras, o 16 de maio terá lugar o tradicional Concerto das Letras Galegas promovido polo Consello da Cultura Galega que unirá textos e música a cargo de PicoAmperio e Laura LaMontagne, nunha proposta estética audiovisual innovadora. Co apoio da Xunta, a Banda da Loba lanza un novo EP Hasme Oír, que verá a luz no mes de abril.
Toda a programación pode consultarse no Portal da Lingua e en cultura.gal