- A infraestrutura, que forma parte da Rede de Albergues Xuvenís de Galicia, recibe 4000 euros pola iniciativa ‘Acreditación de turismo accesible’ e a mesma cantidade pola ‘Instalación do fotovoltaica de consumo directo’
O Albergue Bela Muxía, pertencente á Rede de Albergues Xuvenís de Galicia, vén de gañar 8000 euros nas axudas convocadas pola Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ), para a posta en marcha de proxectos centrados na sustentabilidade e a accesibilidade.
En concreto, este albergue foi premiado con 4000 euros na categoría de accesibilidade co proxecto “Acreditación de turismo accesible” e con outros 4000 na modalidade de sustentabilidade coa “Instalación fotovoltaica de consumo directo”, que pretende poñer en marcha un sistema propio de produción de enerxía mediante o uso de renovables (solar fotovoltaica) para reducir o consumo eléctrico e a dependencia da rede, diminuír as emisións de CO2 e a pegada do carbono.
A REAJ destina 24.000 euros para que os albergues da rede poidan acometer proxectos nas súas instalacións. Un importe de 12.000 euros para tres iniciativas cun obxectivo sustentable e a mesma contía para outros tres proxectos que procuren a integración de todas as persoas e faciliten o seu acceso ao movemento alberguista coa eliminación de barreiras e co fomento a igualdade de oportunidades.
Outros participantes
A estas liñas de axuda tamén optaron albergues de toda a xeografía española como El Casar de la Inesa (Toledo), os albergues Inturjoven de Andalucía, os albergues Mar i Vent de Piles (Valencia), Mare de Deu del Lledó (Castellón), El Callejón (Valladolid) e Argentina de Benicassim (Castellón).
Cómpre lembrar que entre os principais obxectivos da REAJ encóntranse o fomento da mobilidade xuvenil, a protección do medio ambiente, a igualdade de oportunidades e o entendemento entre culturas e a paz. Para iso cada ano pon en marcha multitude de programas sociais e medioambientais. Un deles é esta nova iniciativa de axudas á sustentabilidade e accesibilidade.