O Xuventude Galicia Net presenta o emprendemento como unha posibilidade de futuro para a mocidade galega

05 Mai 2012

O director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, percorrerán hoxe as instalacións do Pazo de Congresos

A xornada de hoxe sábado contará cun bloque temático no que se abordará o emprendemento como unha opción viable de futuro para a mocidade galega

A AMTEGA participa na décimo terceira edición de Xuventude Galicia Net cun stand onde se ofrecerá información sobre os proxectos que está a impulsar para acercar as novas tecnoloxías ás empresas e cidadán galegos xgn

Presentarase o programa Voluntariado Dixital aos asistentes co obxectivo de captar novos voluntarios e voluntarias que poidan difundir os beneficios das novas tecnoloxías no conxunto da sociedade galega

Para rematar a xornada, a partir das 21,00 horas comezará a noite de cine temática, que estará ambientada no film ‘A guerra das Galaxias’

A XIII edición do Xuventude Galicia Net, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar, está a facer fincapé nun dos aspectos que máis preocupación lle supón á xuventude: o desemprego. Por iso, a xornada de hoxe sábado contará cun bloque temático no que se abordará o emprendemento como unha opción viable de futuro para a mocidade galega.

Neste sentido, organizarase unha mesa redonda na que profesionais de diferentes ámbitos falarán sobre emprendemento. Universidade, grande empresa de base tecnolóxica e pequena startup en proceso de expansión xuntaranse nunha mesma sala para compartir co público as súas visións sobre o autoemprego, emprendedores e saídas laborais, que darán paso a un pequeno coloquio co público. Simultaneamente a esta mesa redonda, terá lugar unha charla de Juan Gestal de Pix Fans, un blog de videoxogos.

Así mesmo haberá unha actividade de ‘SpeedNetworking’ que consistirá en roldas de cinco minutos de duración nas que os interlocutores se irán coñecendo fugazmente; un concurso titulado ‘Startup mocidade emprendedora’, no que a xente pode votar en Facebook aos proxectos máis salientables e, xa na XGN, os tres proxectos máis votados terán que facer un “pitching” (exposición do proxecto) ante un xurado composto por expertos que decidirán cal é o mellor proxecto.

O director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, percorreron as instalacións do Pazo de Congresos, onde interactuaron cos participantes da intranet e visitaron os stands da zona exterior do recinto, destacando a presenza de participantes do programa de Voluntariado Dixital, un programa conxunto dos dous departamentos posto en marcha meses atrás e que ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías aos colectivos máis afectados pola fenda dixital.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, está a participar activamente no encontro Xuventude Galicia Net, difundindo as iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para achegar a tecnoloxía ao maior número posible de persoas e empresas e integrar as TIC en todos os ámbitos da sociedade

Unha das últimas iniciativas desenvolvidas pola Axencia en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar é o Programa de Voluntariado Dixital, que terá presenza neste encontro grazas á participación de 17 voluntarios dixitais. A súa función centrarase en colaborar cos organizadores ante cuestións de funcionamento e tecnolóxicas que poidan xurdir e dirixidas especialmente ás persoas con discapacidade, nenos e nenas participantes no encontro.

Calquera persoa que acuda ao encontro poderá solicitar o apoio dixital dalgún dos voluntarios que se identificarán cun chaleco e chapa identificativa do programa voluntariado dixital.

Para darlle a visibilidade aos proxectos da Administración autonómica en materia de novas tecnoloxías a Amtega conta cun stand, onde se ofrece información sobre as iniciativas orientadas a achegar as novas tecnoloxías ás empresas como o Centro Demostrador TIC, así como as actuacións de impulso do uso das TIC por parte de toda a cidadanía, a través da Rede de Aulas para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica Rede CeMIT.

Ademais durante a xornada de hoxe o Software Libre centrará a parte formativa de Xuventude Galicia Net cunha conferencia na que AGASOL, Asociación Galega de Software Libre, e colaborador da Amtega, que informará aos asistentes sobre as oportunidades laborais que hai detrás do mesmo, proxectos das súas empresas relacionados co software libre, como “emprender + software libre”.

Programación
A segunda xornada da XIII edición de Xuventude Galicia Net arrancou coa conferencia do profesor da IE Bussiness School, Enrique Dans. Actualiza un dos blogs máis influentes da blogosfera hispana e é considerado unha das persoas máis influentes da rede.

A situación económica mundial faise presente nesta edición prestando especial atención ao emprendemento como saída laboral. Para isto cóntase nesta xornada coa presenza de Javier Megías, asesor da Comisión Europea, consultor en estratexias innovadoras para empresas e startup, especializado en modelos de negocio.

A mañá do sábado seguiu coa ponencia ‘Software Libre e Emprendemento’, por parte de Luis Alberto Fernández e Xavier Castaño, xerente e vicepresidente de Agasol, na que estes relatores relacionados co software libre lle contarán aos asistentes as oportunidades laborais que hai detrás do mesmo.

Os xogos de rol terán unha gran presenza na XGN a través de xogos coma Warhammer, Magic ou YuGi Oh, que contarán cos seus propios torneos para deleite dos participantes na XIII edición da Xuventude Galicia Net.

Ás ponencias da tarde darán comezo co Rubén Bastón, un dos profesionais de referencia no mundo social media en Galicia e en España. É o directivo máis novo da multinacional Elogia.

Para rematar a xornada a partir das 21,00 horas comezará a noite de cine temática, que estará ambientada no film ‘A guerra das Galaxias’, e proxectaranse interrumpidamente as seis películas que compoñen esta serie cinamatográfica.