Máis de 600 mozos e mozas participan nunha xornada sobre emprego, emprendemento e participación da mocidade en Ferrol

04 Mai 2012

A secretaria xeral da Consellería de Traballo e Benestar, Cristina Ortiz, inaugurou hoxe a xornada ‘Inicia e emprende o camiño do teu futuro’, na que participou a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz

Na xornada de hoxe os mozos e mozas puideron atopar resposta ás súas inquedanzas formativas, laborais e emprendedoras

Cristina Ortiz explicou que na coxuntura económica actual as fórmulas que están a demostrar maior resistencia son a iniciativa empresarial e o autoemprego

Ana María Díaz lembrou que nesta lexislatura son xa máis de 30.000 os galegos e galegas que recibiron formación certificable

Consellería de Traballo e Benestar organizou hoxe en Ferrol unha xornada enmarcada no Programa Conecta, na que participaron máis de 600 mozos e mozas. A mesma centrouse no emprego, o empredemento e a participación da mocidade na sociedade, baixo o título ‘Inicia e emprende o camiño do teu futuro’. En total, realizaranse dez mostras ao longo de toda Galicia e incluirán ponencias, mesas redondas, stands e actividades paralelas.FERROL

A secretaria xeral da Consellería de Traballo e Benestar, Cristina Ortiz, acompañada do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, foi a encargada de inaugurar este encontro. Na súa intervención indicou que esta xornada quere dar resposta ás dúbidas e inquedanzas da mocidade ferrolá en relación ao mercado laboral, a formación e o emprendemento.

Ortiz engadiu que para a Xunta a xuventude é unha “prioridade absoluta” e que, co obxectivo de crear e mellorar as súas oportunidades de presente e futuro, o departamento autonómico puxo en marcha o primeiro Plan Estratéxico de Xuventude, que pon o acento en materia de emprego, aspecto que engloba preto da metade do investimento total do plan, con actuacións como o desenvolvemento de ferramentas e mecanismos de información e orientación laboral, nas que se inscribe esta xornada.

Cristina Ortiz explicou que na coxuntura económica actual as fórmulas que están a demostrar maior resistencia son a iniciativa empresarial e o autoemprego, un feito que, si se engade a creatividade propia da xuventude, constitúe “excelentes oportunidades para xerar emprego e devolver a nosa economía á senda do crecemento”.

No eido da participación, a secretaria xeral indicou que na Consellería se están a levar a cabo iniciativas que fomentan tanto a participación como o emprendedurismo e permiten o desenvolvemento integral das capacidades dos mozos e amosan as vantaxes do traballo en equipo.

Formación certificable
Doutra banda, no decurso da xornada, a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, ofreceu un relatorio sobre formación certificable e indicou que esta permite aos alumnos dispoñer dun certificado con carácter oficial e validez estatal, que, ao mesmo tempo, ten efectos académicos no eido do sistema educativo e profesionais recoñecidos na lexislación vixente.

A directora xeral apuntou que Traballo e Benestar busca deste xeito ofertar unha formación axustada ás necesidades do mercado laboral e ás esixencias de competitividade das empresas.

Así, a Xunta, no marco do Diálogo Social, está a facer unha importante aposta por unha formación para o emprego cos máximos niveis de calidade e excelencia. De feito, ao longo desta lexislatura xa son máis os 30.000 galegos e galegas que recibiron formación certificable.

Programa Conecta
O Programa Conecta xorde como elemento de enlace entre a mocidade e o movemento asociativo para converterse nunha ferramenta de conexión entre o colectivo xuvenil e as variables que lles poden ser de interese. Ten por obxectivo ofrecer oportunidades para a xuventude e motivar a súa participación activa na sociedade.

Na xornada de hoxe en Ferrol os mozos e mozas puideron atopar resposta ás súas inquedanzas formativas, laborais e emprendedoras. Esta mostra celebrouse xa en Santiago e Vila de Cruces (Pontevedra) e continuará o seu percorrido en Ourense, Burela, Ribeira, Melide, Ponteceso e Marín, para rematar na Coruña.