Xuventude leva a cabo en Ferrol unha mostra sobre emprendemento e talento xuvenil na que xa se poden inscribir os interesados

28 Abr 2012

‘Inicia e emprende; o camiño do teu futuro’ é a consigna desta mostra na que os mozos e mozas atoparán resposta ás súas inquedanzas formativas, laborais e emprendedoras

Esta iniciativa, enmarcada no Programa Conecta, ten por obxectivo ofrecer oportunidades para a xuventude e motivar a súa participación activa na sociedade

A iniciativa percorrerá os concellos de Santiago, Vila de Cruces, Ferrol, Ourense, Burela, Melide, Marín, Ribeira, Ponteceso e A Coruña

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, desenvolverá o próximo 4 de maio en Ferrol unha mostra sobre emprendemento e talento xuvenil no marco do programa Conecta. Os interesados xa poden incribirse na web ‘www.xuventude.net’. En total, realizaranse dez mostras ao longo de toda Galicia e incluirán ponencias, mesas redondas, stands e actividades paralelas.

Esta iniciativa xorde como elemento de enlace entre a mocidade e o movemento asociativo para converterse nunha ferramenta de conexión entre o colectivo xuvenil e as variables que lles poden ser de interese. Ten por obxectivo ofrecer oportunidades para a xuventude e motivar a súa participación activa na sociedade.

Cada unha destas mostras terá un tema definido e complementario coas demais, todos eles vinculados aos eixos (educación, emprego, creatividade e espírito emprendedor, vivenda, saúde e deporte, voluntariado e solidariedade, información xuvenil, participación e mobilidade) do Plan Estratéxico Xuventude 2013.

‘Inicia e emprende; o camiño do teu futuro’ é a consigna da mostra que se celebrará en Ferrol sobre ‘Iniciativa e Emprendemento’ na que os mozos e mozas atoparán resposta ás súas inquedanzas formativas, laborais e emprendedoras. A mesma contará con diversos ponentes como directores de recursos humans ou directores de tempo libre.

A promoción e potenciación do movemento asociativo vinculado á xuventude é unha prioridade clave para a Dirección Xeral, entendendo a participación como mecanismo de aprendizaxe non formal, opción de ocio educativo e de desenvolvemento de actitudes cívicas e persoais determinantes para o futuro do colectivo xuvenil.

Esta mostra celebrouse xa en Santiago e Vila de Cruces (Pontevedra) e continuará o séu percorrido en Ourense, Burela, Ribeira, Melide, Ponteceso e Marín, para rematar na Coruña.