En portada (1159)

A mocidade galega, unha vez máis, ten a oportunidade de participar activamente no proceso de elaboración do novo Plan Estratéxico de Xuventude 2022-2027, posto en marcha pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, co fin de deseñar a folla de ruta das políticas galegas en materia de xuventude dos vindeiros anos.

Todas as mozas e mozos galegos, nomeadamente con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, poden facernos chegar a súa opinión contestando un cuestionario, anónimo e voluntario, no que se responderá sobre diversas cuestións que axudarán a deseñar políticas xuvenís adaptadas ás necesidades reais da mocidade galega.

O cuestionario de participación estará dispoñible nesta web de Xuventude ata o 30 de setembro de 2022.

 A túa participación é importante! Responde ao cuestionario aquí.

  • A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou esta nova iniciativa o 22 de xullo no Espazo Xove de Noia
  • Contará como ferramenta principal cun mapa de recursos que aglutinará todas as iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para a mocidade en ámbitos como a educación, o emprego, a igualdade, a vivenda ou o lecer
  • O Goberno galego conta cunha ampla rede de iniciativas destinadas a darlle oportunidades á xuventude como o programa Xuventude Mentoring, o Xuventude Crea, o Carné Xove ou as actividades promovidas por parte da rede de Espazos Xoves de Galicia, entre outros
  • Esta oficina virtual de asesoramento estará dispoñible dende hoxe na páxina web de Xuventude

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou a creación dunha oficina virtual de asesoramento e orientación para a mocidade que aglutinará os recursos postos a disposición por parte dos distintos departamentos do Goberno autonómico. Esta nova iniciativa presentouse esta mañá no Espazo Xove de Noia e durante o acto tamén participaron distintos representantes e técnicos que traballan neste ámbito.

Fabiola García sinalou que esta iniciativa, dispoñible dende hoxe mesmo na páxina web de Xuventude, terá como principal ferramenta un mapa de recursos que recompilará os programas postos en marcha polos distintos departamentos do Goberno galego para a mocidade en ámbitos como a educación, o emprego, a igualdade, a mobilidade, a vivenda ou o lecer. Ademais, esta oficina conta tamén cunha canle electrónica de asesoramento individualizado para todos os mozos de Galicia.

Durante a presentación, a conselleira lembrou que a Xunta pon a disposición da xuventude programas e iniciativas que lle permitan impulsar novos proxectos e conseguir todo aquilo que se propoñan. Exemplo disto é o Xuventude Mentoring, que conseguiu que 200 mozos tivesen a súa primeira experiencia laboral o pasado ano; o programa Xuventude Crea, que premia as creacións artísticas da mocidade en 14 disciplinas distintas; o Carné Xove, que leva décadas ofrecendo descontos á xuventude, ou os propios Espazos Xoves, que lle ofrecen propostas de ocio, formación e participación.

Finalmente, Fabiola García aproveitou para resaltar o papel de asociacións xuvenís e entidades locais como colaboradoras fundamentais do Executivo autonómico para darlle máis facilidades á xuventude. Neste sentido, comprometeuse a seguir traballando para garantir que a mocidade poida seguir desenvolvendo todo o seu potencial.

 

A Consellería de Política Social e Xuventude convoca a adxudicación de prazas e de bolsas nas súas residencias xuvenís de Ourense, Lugo e Vigo.

Modalidades de prazas:
a) Prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes (BS303B).
b) Prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes colaboradoras bolseiras (BS303C).
c) Prazas en residencias xuvenís para persoas traballadoras (BS303D).

Convocatoria de prazas para o curso académico 2022/23: 

cadroo1

Do total de prazas resérvase un 9 % para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen e/ou para persoas mozas con expediente de protección aberto. A distribución de prazas para esta reserva é a seguinte:

cadroo2


Requisitos xerais:
- Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.
- Non ter perdido a condición de residente por causa imputable a persoa solicitante.
- Ter os 16 anos cumpridos e non superar os 30, na data do 31 de decembro de 2022. As persoas colaboradoras bolseiras terán que ter os 18 anos cumpridos.

A mocidade estudante que solicite praza de residencia, ademais:
- Cursar estudos de formación profesional ou ciclos formativos, de bacharelato, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente ou ben, mentres non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios, estudos universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nunha facultade ou escola universitaria ou estudos superiores en ensinanzas artísticas.
Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios, nos cales a persoa solicitante non obteña a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia habitual.
- Que no concello onde radique a súa residencia habitual non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar o/a solicitante.

As persoas estudantes que soliciten prazas nas residencias e a concesión de bolsas como colaboradoras deberán reunir os seguintes requisitos específicos:
- Ter os 18 anos cumpridos e non superar os 30 a data 31 de decembro de 2022.
- Ter unha renda media familiar inferior ao 150% do indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem) do ano en curso.

A mocidade traballadora tamén deberán cumprir os seguintes:
- Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.
- No caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida terá que ter unha duración mínima de 3 meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
- No caso de ser unha persoa traballadora por conta propia, será necesario que estea dada de alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria.

Prezo:
a) Habitación dobre: 324 € por residente e mes.
b) Habitación cuádrupla: 250 € por residente e mes.

Período de estadía:
O período máximo de estadía das persoas beneficiarias será de 11 meses e estará comprendido no período establecido para o curso académico 2021-2022, exceptúanse os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.
As persoas beneficiarias que teñan a condición de estudantes, iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia coincidindo co curso académico no que estiveran matriculadas (respectando sempre o período máximo antes indicado) e en todo caso concluirán a súa estadía co remate dos estudos desenvolvidos.
En calquera caso as persoas beneficiarias deberán iniciar a súa estadía na residencia como prazo máximo o 31 de outubro.

Prazo de presentación das solicitudes: Estará aberto ata o 16 de agosto de 2022.

Solicitudes:
As solicitudes están dispoñibles na sede electrónica da xunta https://sede.xunta.es, entrando no procedemento BS303B para estudantes, BS303C para persoas colaboradoras bolseiras e BS303D para traballadores/as.

Máis información no DOG do 15 de xullo de 2022

Lugo: http://reaj.com/albergues/residencia-juvenil-lug-ii/
Ourense: http://reaj.com/albergues/residencia-juvenil-florentino-lopez-cuevillas/
Vigo: http://reaj.com/albergues/residencia-juvenil-altamar/

Se resides en Galicia e tes entre 16 e 30 anos podes participar no certame Xuventude Crea que un ano máis convoca a Consellería de Política Social e Xuventude.

Podes participar na seguintes especialidades:
Artes plásticas, Arte urbana, Banda deseñada, Cociña, Creación de videoxogos, Danza moderna, Deseño de xoias, Fotografía, Moda, Música, Novela curta, Poesía e Teatro.

Novidades de Xuventude Crea 2022:
- Incorporación da modalidade de música clásica dentro da especialidade de música.
- A especialidade de graffiti pasa a converterse en arte urbana, co obxectivo de dar cabida ás diferentes expresións artísticas no eido do muralismo.

Como participar?
- Salvo no caso das especialidades de teatro, música, arte urbana, creación de videoxogos, cociña e danza moderna, a participación será sempre a título individual.
- Cada persoa participante poderá presentar unha obra por especialidade ou por modalidade.
- Tes que presentar a solicitude de participación coa túa Chave 365 na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.es co código BS310Q

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 5 de agosto de 2022.

Premios por cada unha das especialidades:
- Un primeiro premio de 3.000 €.
- Un segundo premio de 1.500 €.
- Un terceiro premio de 1.000 €.
- Un premio especial de 1.000 € para a modalidade de música clásica da especialidade de música.

Máis información en http://xuventude.xunta.es/xuventude-crea

DOG do 5 de xullo de 2022

A Xunta abre a convocatoria para que as mozas e mozos de Galicia participen na segunda edición do programa Xuventude Mentoring formación e mentorización, desde o ámbito da educación non formal e co obxectivo de favorecer a súa empregabilidade. O Goberno galego inviste 500.000 euros nesta iniciativa, cofinanciada pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e polo Fondo Social Europeo, que este ano beneficiará 250 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que acaban de rematar os seus estudos para facer posible unha efectiva transición da vida académica ao mercado laboral.

Todo aquel que queira participar no programa pode inscribirse de xeito telemático nesta ligazón. As mozas e mozos participantes deben estar inscritos no Sistema nacional de Garantía Xuvenil. Desde o 27 de xuño e ata o 1 de agosto recibiranse as solicitudes das mozas e mozos que lles gustaría formar parte deste programa.

Durante tres meses recibirán formación, asesoramento e desfrutarán de diferentes actividades, como visitas a empresas ou conferencias, para axudarlles a impulsar a súa rede de contactos e achegarlles máis oportunidades laborais.

Nesta segunda edición de Xuventude Mentoring contarase de novo coa colaboración do Consorcio Inteuniversitario de Galicia (Cixug) para que esta transición sexa acorde non só ás demandas e necesidades laborais, senón tamén se axuste á realidade académica. Así mesmo, oprograma estará aberto á participación de máis entidades sociais, empresas, asociacións empresariais ou clústeres, a través da firma dun modelo de adhesión como entidade colaboradora en materia de difusión e promoción do programa, achega de mentores e/ou colaboración nas actividades formativas e de capacitación.

O programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo na Iniciativa de Emprego Xuvenil, nun 80%, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, para o período 2014-2020, no eixe prioritario 1B, prioridade de investimento 8.2, obxectivo específico 8.2.1, medida 8.2.1.1.

Primeira edición

A primeira edición deste programa tivo uns resultados moi satisfactorios despois de que o 60% dos mozos participantes encontraran traballo ou ampliaran a súa formación. Ademais, formaron parte da iniciativa 150 mentores e asináronse acordos de adhesión con 20 entidades colaboradoras.

+ Máis información

A Consellería de Política Social e Xuventude organiza, dentro do Plan de formación de Xuventude e Voluntariado 2022, o curso “Condución sostible, eficiente e segura”, dirixido a mozas e mozos de 16 a 35 anos, cuxo obxectivo principal é formar sobre a mobilidade nos vehículos de uso persoal neses tres ámbitos: sostibilidade, eficiencia e seguridade.

Nesta formación que terá lugar o 10 de xullo, de 9 a 15 horas, na Escola de condución e transportes de Galicia (Teixeiro, A Coruña), o alumnado recibirá unhas nocións teóricas básicas sobre consumo enerxético eficiente, sobre as diferenzas entre motores de combustión e os eléctricos, así como sobre a condución autónoma e os seus sistemas de seguridade. Ademais, mediante o método de simulacións, as alumnas e alumnos terán a oportunidade de aprender técnicas de condución ante situacións de emerxencia.

Nas catro horas de duración da parte práctica do curso, o alumnado realizará unha serie de manobras en pista que lle axudarán a entender de forma eficiente e segura o mellor uso dos vehículos con motor térmico, híbrido ou eléctrico.

Máis información e inscrición: https://formacion.voluntariadogalego.org/

A Consellería de Política Social ven de elaborar o documento que recolle as recomendacións hixiénico-sanitarias para o desenvolvemento das actividades da Campaña de verán da Xunta de Galicia 2022, así como das actividades de ocio educativo e tempo libre na nosa comunidade autónoma.

Trátase de ofrecer pautas sobre as medidas recomendadas para evitar xerar riscos de propagación da COVID-19 que inclúen directrices, de carácter voluntario, sobre o uso da máscara nas actividades e outras medidas de protección, así como indicacións relativas a que facer ante sintomatoloxía compatible coa COVID-19.

O documento de recomendacións foi supervisado polas autoridades sanitarias competentes.

Podes descargar o documento pinchando aquí:

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou esta mañá no hotel Bela Fisterra, ao carón da praia Langosteira, os minicampamentos de verán, que este ano celebrarán a súa terceira edición. A inscrición para as 600 prazas ofertadas pode facerse aquí e pechará cinco días antes do inicio de cada quenda ou, no seu caso, ata completarse.


Os minicampamentos Coñece Galicia están dirixidos a nenos e nenas de entre 10 e 14 anos. A súa programación serve para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte dos máis novos, así como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo. Co obxectivo de facelos máis accesibles, o Goberno galego aplicará descontos do 50% ás familias numerosas ou monoparentais e do 25% a todos os usuarios do Carné Xove.


Así mesmo, Fabiola García subliñou que os minicampamentos teñen un dobre obxectivo: por unha banda, ofrecer unha opción de lecer activo ás mozas e mozos galegos, coa particularidade de que son estadías de cinco días de duración; e, por outra, axudar a dinamizar o sector hostaleiro. Trátase, engadiu, de ofrecer “un verán tranquilo e un verán seguro” ás familias e aos seus fillos.


Ademais do minicampamento Descubrindo a Bela Fiserra, onde os participantes poderán gozar de actividades náuticas como surf ou kaiak, así como saídas a espazos singulares como a Fervenza do Ézaro, o programa ofrece outras doce propostas distribuídas por toda a xeografía galega, que inclúen gincanas, xeoaventura, rastrexo de fauna ou tiro con arco, entre outras actividades.


Na provincia da Coruña, ademais do de Fisterra, terán lugar dous minicampamentos: Valdoviño Mariño, con actividades náuticas e de multiaventura, e Náutica e audiovisual en Sada. Na de Pontevedra desenvolveranse Aventura en Paradanta, no concello de Covelo; O noso rural, en Lalín; e Natura, no Salnés. Ourense, pola súa banda, ofrecerá as iniciativas Somérxete na natureza, na Pobra de Trives; e Acción no Arnoia, en Allariz; e Lugo, A conquista de Foz; Eco-Verán, en Monforte; Aventura na montaña, en Cervantes; A descuberta da Pobra do Brollón; e Xeocampamento nas montañas do Courel, en Folgoso do Courel.


Estas localizacións súmanse ás ofertadas nos campamentos e nos campos de voluntariado que, xunto aos minicampamentos, integran a maior programación da Campaña de Verán da historia de Galicia que chegará en 2022 a máis de 10.800 prazas.

Para máis información do programa e do formulario de inscrición, consulte este enlace: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran

O equipo de Correspondentes Xuvenís do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela participaron o día 27 de maio nun acto promocional da tarxeta de transporte Xente Nova.

No acto participaron tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o alcalde de Santiago de Compostela Xosé Sánchez Bugallo, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e a Directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel.

Esta é a crónica que nos envían Zaira Martínez, Pablo Barriuso e Martín Pardo.

"O venres, 27 de maio, celebrouse o primeiro aniversario da tarxeta xente nova. Unha inicitiva promovida na nosa comunidade autónoma, que facilita o transporte interurbano entre a mocidade (4 a 21 anos) de xeito gratuito, cun total de 60 viaxes mensuais. Ademais, tamén permite a viaxe gratuíta nos barcos dos servizos, Cangas-Vigo e Moaña así coma no tren metropolitano en Ferrol.

Para cubrir a noticia os correspondentes xuvenís do IES Plurilingüe Rosalía de Castro acudimos a San Caetano e baixamos no autobús, acompañados polo presidente da Xunta e doutros asistentes ao evento, ata estación intermodal onde se desenvolveu o acto.

Cabe destacar o discurso de participación da nosa compañeira, Lucía Sobrado Louzao, que resaltou a importancia desta iniciativa para dar autonomía e liberdade de movimento á mocidade, así como igualdade de oportunidades económicas nas diferentes familias.

Por último o presidente da Xunta, Alfono Rueda Valenzuela, pechou o acto, agradecendo a participación de todos e todas e, asegurando a continuidade desta iniciativa, xa que entende que é deber da administración asegurar e e facer máis doada a vida das mozas e mozos de Galicia".

 

A Dirección Xeral de Xuventude e a Secretaría Xeral de Política Lingüística entregaron os premios da edición 2022 do certame literario en liña Lingua de namorar cuxo obxectivo é “fomentar a lingua galega nas relacións entre iguais, nomeadamente a través das tecnoloxías da comunicación, e da transmisión do afecto entre a mocidade”.

A gañadora da categoría A, de 14 a 19 anos, foi Carmen Fernández (Ourense), coa mensaxe Á flor baixo a neve. Lucas Paz (A Coruña) e Laura Sande (A Coruña) recibiron o segundo e terceiro premio con Amor contraditorio e Desde Vilamor ata Fisterra, respectivamente.

Na categoría B, de 20 a 35 anos, os gañadores foron, do primeiro ao terceiro, Pedro Rodríguez (Nigrán, Pontevedra), con O amor de iglú; Ania Ferreira (Vigo, Pontevedra), con Dúas partes que son unha; e Andrea López (Pantón, Lugo), con Filautía.

A premiada na categoría C, vixente desde 2021 para idades de 14 a 35 anos e exclusiva para Instagram, foi Sofía Muñiz (Cambados, Pontevedra) con #Pulsión.

Os premiados e premiadas recibiron, segundo o posto acadado, un patinete eléctrico Youin You-Go L, un tocadiscos Nevir retro e un reloxo intelixente con esfera curvada 2.5 D, ademais dun lote de libros de literatura e poesía galega e un diploma.

Aquí podes disfrutar as mensaxes gañadoras: http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar