Os días 4 e 5 de marzo celebrouse a fase clasificatoria na categoría da ESO do programa Parlamento Xove no Centro Residencial Docente de Culleredo. Participaron máis de 90 mozas e mozos de 3º e 4º da ESO de 20 centros de toda Galicia.
O tema a debate foi: Debería existir unha regulación para ser youtuber ou influencer que garanta que desempeñen as súas funcións correctamente?
As mozas e mozos participantes, que recibiron unha formación durante o mes de febreiro, coñeceron cinco minutos antes do debate se tiñan que defender a postura a favor ou en contra.
Os centros da ESO que participaron nesta fase clasificatoria son:
2 equipos do CPR Plurilingüe Sagrada familia 1 (Vilagarcía)
2 equipos do CPR Maristas a Inmaculada 1 (Lugo)
CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña)
Colexio Internacional SEK-Atlántico (Poio)
CPR Santiago Apóstol (Soutomaior)
Colexio Maristas Cristo Rei (A Coruña)
CPR San José de Cluny (Santiago)
CPR Plurilingüe San José Fec (Lugo)
IES A Xunqueira II (Pontevedra)
Colexio La Salle (Santiago)
CPR Plurilingüe Santa María (Ourense)
Mª Inmaculada Carmelitas Vedruna (Vigo)
IES Rafael Puga Ramón (A Coruña)
CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar)
IES Salvaterra de Miño
CPR Plurilingüe Compañía de María (Cangas)
IES Miguel Ángel González Estévez (Vilagarcía)
CPR Eduardo Pondal (Cangas)
IES A Pinguela (Monforte)
IES AS Mariñas (Betanzos)
Desta fase clasificatoria sairon oito equipos que pasarán á fase final que terá lugar no mes de maio. Estos equipos son:
CPR Plurilingüe Sagrada Familia 1 de Vilagarcía
CPR Maristas A Inmaculada 1 de Lugo
CPR Santiago Apostol de Soutomaior
CPR San José de Cluny de Santiago
Mª Inmaculada Carmelitas Vedruna de Vigo
IES Rafael Puga Ramón da A Coruña
IES Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía
IES A Pinguela de Monforte
E as tres persoas mozas seleccionadas como mellores oradores/as polos equipos de xurado foron:
Lucas Rodríguez Kawalski de Mª Inmaculada Carmelitas Vedruna
Ana Varela Pose do IES Rafael Puga Ramón
Noa Santiago Falcón do IES Miguel Ángel González Estévez
Os premios desta edición serán unha viaxe valorada en 5.000 euros para cada un dos equipos gañadores das categorías escolares e en 2.500 para o equipo gañador da categoría universitaria. Así mesmo, contarán cunha mención especial e cun agasallo os mellores oradores e os mellores artigos de investigación en cada unha das categorías.
Podes ver os debates na canle de Youtube da Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado:
O día 12 de marzo desenvolverase a fase clasificatoria da categoría de Bacharelato e o 26 de marzo será a quenda da categoria Universidade, que tamén poderás seguir na canle de Youtube de Xuventude.
#CarnéXoveStories arrinca coñecendo a Alejandro Reiriz Pouseu, @pozila, premiado no Xuventude Crea, na modalidade de Artes Plásticas pola súa obra “Galicia esperta e herbas ledas”.
Desfruta aquí da CarnéXoveStories de Alejandro Reiriz Pouseu
Galicia esperta e herbas ledas de Alejandro Reiriz Pouseu, 3º premio compartido da modalidade de Artes Plásticas de Xuventude Crea
O xurado do concurso Lingua de namorar 2022 reuniuse o mércores 30 de marzo para elixir as mensaxes gañadoras das categorías A e B, de entre aquelas mensaxes que resultaron máis votadas polo público. Son as seguintes:
Mensaxes gañadoras da categoría A
1o premio: Á flor baixo a neve, de Carmen Fernández Margusino (Ourense)
A ti, que non es capaz de dicilo.
A ti, que nunca escoitaches un silencio tan forte cando tantas palabras necesitabas.
A ti, que es unha flor sepultada baixo a neve,
en espera dunha primavera que só ti podes facer chegar.
A min, aínda que agora non o sinto, algún día o poderei dicir.
quérote,
quérome.
2o premio: Amor contraditorio, de Lucas Paz González (A Coruña)
Amor monta cabalo e cingue armadura.
Peito lustroso e semblante gallardo;
no seu cavilar absorto cabalga
altivo guerreiro das causas soadas.
Fóra da poesía, Amor murcho camiña descalzo,
roupa esfarrapada viste o seu corpo,
ferro luxado rodea os seus pulsos,
vencido guerreiro das causas perdidas.
Dualidade do amor: plenitude e carencia.
3o premio: Desde Vilamor ata Fisterra, de Laura Sande Vázquez (A Coruña)
Tiña unha ditosa sensación
que acelerou o meu corazón,
desde Vilamor ata Fisterra
nunha ruta de amor pola nosa terra.
Din que as palabras son levadas polo vento
mais díxenche “quérote, amor” cando facía bo tempo,
unha esdrúxula e unha aguda que non son tan graves
seguidas dun sorriso e unha chave.
Mensaxes gañadoras da categoría B
1o premio: O amor de iglú, de Pedro Rodríguez Villar (Pontevedra)
O nórdico refúxianos cando cae a noite,
fóra del hai medos, desilusións, fracasos
e unha chea de palabras moribundas
que saen canda as lúas novas.
No interior estamos a salvo
co abrazo dos nosos corpos nus
nun refuxio de amor de iglús
e a ilusión brotando dun bico
que nos calma
no bule bule de erratas da vida.
2o premio: Dúas partes que son unha, de Ania Ferreira Longueira (Vigo)
Unha vez perdinte nun poema,
entón busquei onde poderiamos atoparnos.
Estariamos nunha aliteración
na anáfora da palabra amor,
talvez
na antítese do medo
sinestesia duns ollos falando,
pleonasmo nos erros,
circunloquio para irnos
onde comezamos.
Pero non, aquí estás:
es o espazo en branco,
a sílaba perdida
das palabras que non podo rematar.
3o premio: Filautía, de Andrea López Otero (Lugo)
Existe
Todo aquilo que somos,
dentro deste corpo aloumiñante.
En min
persoal e venturosa
fausta
nun mundo poderoso
nunha mente fría
que non deixa de ferver.
Existe
Un suspiro mainiño;
a forza da vertixe
un ollar devagar.
Rotundos e incandescentes,
fogosos
finitos
os pensamentos do /eu/
Eu
que a cada espazo
de tempo
veloz
lenta
viva
/eu/
me quero
O xurado de Lingua de namorar 2022 preseleccionou, na súa xuntanza do 30 de marzo, seis mensaxes participantes na categoría C do concurso, mensaxes que pasaron á fase de votación pública en IG, da que resultou gañadora ao recibir o maior número de "gústame" a seguinte:
Sofía Muñoz Somoza (Cambados, Pontevedra)
@sofi.mso
#Pulsión
Na congregación de mensaxes atemporais conflúe a secuencia de pulsións que aviva o
itinerario compartido.
O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.
O mural de Julio César, na Rolda da Muralla de Lugo, realizado polo grafitero Diego As, foi elixido como o mellor Graffiti do mundo 2021. Así o decidiu a comunidade Street Art Cities, recibindo máis de 60.000 votos para erixirse como a obra máis votada.
O sétimo posto foi para o artista ourensá Mon Devane e o décimo para a artista de Baiona Lula Goce
As Estrelas do Camiño, de Mon Devane
Mon Devane é o autor do mural de Xermán Arias, en Triacastela, que foi seleccionado como sétimo mellor Graffiti do mundo.
Un tributo a todas as mulleres, homes e familias que sofren o cancro de mama en primeira persoa. Esa é a obra de Lula Goce, pintada sobre a fachada dun edificio localizado no municipio de Aranda de Douro (Burgos), que está seleccionada como o décimo mellor Graffiti do mundo.
Desde a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado apostamos polo Graffiti como unha das especialidade artística dos Premios anuais Xuventude Crea, premios nos que poden participar mozos ou mozas galegos/as ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.
O 2022 é o Ano Europeo da Xuventude. Con motivo desta celebración, a Unión Europea vén de poñer en marcha unha páxina web oficial onde se recollerán as iniciativas que os países membros vaian facendo arredor desta temática.
O obxectivo é chegar con ela tanto á comunidade xuvenil como aos traballadores deste eido. A páxina irase actualizando segundo se vaian elaborando iniciativas novas.
TELÉFONO DA MULLER: 900 400 273
As 24 horas do día.
NON deixa rastro na factura
Teléfono para toda España 016 Tamén atende as 24 horas do día e non deixa rastro na factura
WhatsApp no número 600 000 016
Violencia de xénero: "Todo acto violento baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se produce na vida pública coma na privada".
Artigo1º da Declaración sobre a eliminación da violencia cara a muller. Asamblea Xeral da Onu 1993
Sabías que o teu carné xove inclúe un seguro de viaxe gratuíto?.
As características principais das garantías de asistencia son as seguintes:
Asistencia por accidente ou enfermidades durante a viaxe.
- Repatriación ou transporte sanitario de feridos ou enfermos.
- Transporte dos acompañantes.
- Inmobilizacións nun hotel.
- Repatriación ou transporte do asegurado falecido.
- Pago ou reembolso dos gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización no estranxeiro.
- Regreso anticipado por falecemento ou hospitalización dun familiar en España do asegurado.
- Servizos de información para viaxes ao estranxeiro.
- Anticipo de gastos de hospitalización no estranxeiro.
- Localización de intérprete en caso de accidente ou enfermidade no estranxeiro.
- Servizo de información sobre asistencia médica.
- Servizo de trámites administrativos para hospitalización.
- Billete de ida e volta para un familiar.
- Gastos de aloxamento para un familiar.
Asistencia por danos á equipaxe.
- Envío e/o reenvío de obxectos esquecidos e/o roubados no transcurso da viaxe.
- Roubos e danos á equipaxe.
- Retraso na entrega de equipaxe.
- Gastos de reposición da documentación de viaxe.
- Roubo na caixa forte do hotel.
- Roubo das chaves da vivenda habitual do asegurado.
Asistencia por retraso dos medios de transporte.
- Retraso na saída da viaxe.
- Cancelación da viaxe por folga.
- Perda da conexión por retrasos.
- Perda do medio de transporte por accidente "in itinere".
- Retraso por "over booking".
Asistencia por responsabilidade civil
- Responsabilidade civil no estranxeiro.
- Anticipo de gastos de defensa legal no estranxeiro.
- Anticipo de fianza xudicial no estranxeiro.
- Servizo de información legal.
- Procura de representante legal no estranxeiro.
- Obtención de salvocondutos.
Para consultar polo miúdo as coberturas e exclusións do seguro descarga o pdf coas coberturas.
A Xunta de Galicia, en colaboración coas Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, impulsará puntos de información xuvenil itinerantes co obxectivo de achegar os recursos, programas e axudas existentes en materia de xuventude aos universitarios galegos. Este novo servizo comezará mañá mesmo e irá emprazándose polas diferentes facultades dos campus galegos ao longo dos vindeiros meses.
Coa finalidade de continuar achegando información á mocidade, o Goberno galego desenvolve esta nova iniciativa, coa que pretende asesorar aos estudantes das tres universidades galegas. Neste punto, tamén se habilitará a activación do Carné Xove, que a Administración autonómica fixo chegar á casa duns 400.000 mozas e mozos.
Na Universidade da Coruña comezará mañá a ofrecerse o servizo. No campus da cidade herculina estará no Edificio Xoana Capdevielle, e no de Ferrol, no de Apoio ao Estudo. Pola súa banda, na Universidade de Santiago tamén empezará a funcionar mañá o punto de información, na facultade de Ciencias da Comunicación da capital galega; e en Lugo, o mércores na facultade de Formación do Profesorado.
Por último, na Universidade de Vigo haberá un punto de información o mércores na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. O xoves estará na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo. Estes puntos funcionarán en horario de mañá, de 10.30 a 14.30 horas, un día ao mes en cada campus, salvo na época estival.
A Xunta e a Asociación de Festivais de Galicia asinaron un protocolo de colaboración para ofrecer vantaxes ás persoas mozas usuarias do Carné Xove. En concreto, ofrecerase un 15% de desconto nas primeiras entradas dos seguintes eventos que forman parte da citada Asociación: Son Rías Baixas, SinSal, 17ºRibeira Sacra, Underfest, Vive Nigrán, Barbeira Season Fest, Wos Festival e Revenidas. A sinatura tivo lugar esta semana entre a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o secretario da entidade, Carlos Alberto Montilla Cortizo.
Para facer efectivo o desconto nas plataformas de adquisición de entradas, os usuarios do Carné Xove deberán poñer o código: CARNEXOVEFESTIVAIS segundo se indique na información de cada festival. Así mesmo, no momento de entrar ao evento deberán presentar o seu carné xove acreditativo e debidamente activado. O acordo farase efectivo a partir do xoves 3 de febreiro, de maneira que será a partir dese momento cando as mozas e mozos poderán comezar a empregar o seu desconto nos diferentes festivais con entradas xa á venda.
Os detalles concretos sobre as condicións para cada un dos citados festivais adheridos ao Carné Xove poderanse consultar no seguinte enlace:
http://xuventude.xunta.es/images/carneXove/guia/Anexo_Festivais.pdf
Ademais da Asociación de Festivais de Galicia, a Xunta mantén convenios de adhesión con outras entidades para ofrecer vantaxes ás persoas mozas. Exemplo diso é o convenio co Clúster de Turismo de Galicia que permite a concesión de descontos en máis de medio cento de establecementos de servizos turísticos, hospedaxe, tendas, ou balnearios. Así mesmo, tamén se ofrecen descontos nos establecementos adheridos á Federación Galega de Xoves Empresarios (Fegaxe-Aje Galicia).
O Goberno galego enviou de xeito gratuíto o Carné Xove o pasado ano ás 400.000 mozas e mozos de entre 12 e 30 anos de idade. Ademais, este carné pasou a ser indefinido e só precisa ser activado para beneficiarse destes convenios e das demais vantaxes das que dispón ao ser recoñecido en toda España e nos 40 países europeos adheridos a esta identificación.
Podes consultar no seguinte enlace todos os descontos que ofrece o Carné Xove: http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/2334-establecementos-adheridos
A páxina web bus.gal vén de mellorar o buscador para facilitar a planificación da túa viaxe en autobús. Nesta páxina dispós de información actualizada dos servizos de transporte vixentes en cada momento, así como dos descontos que se ofrecen nalgunhas liñas por ser titular do Carné Xove. (Instrucións buscador)
Tamén podes consultar no seguinte enlace as entidades adheridas, as liñas de transporte e os descontos e condicións aplicables para as persoas titulares do Carné Xove.
http://xuventude.xunta.es/images/carneXove/guia/Transporte_por_Provincias_e_Alsa.pdf