En portada (1164)

A Consellería de Política Social e Xuventude organiza, dentro do Plan de formación de Xuventude e Voluntariado 2022, o curso “Condución sostible, eficiente e segura”, dirixido a mozas e mozos de 16 a 35 anos, cuxo obxectivo principal é formar sobre a mobilidade nos vehículos de uso persoal neses tres ámbitos: sostibilidade, eficiencia e seguridade.

Nesta formación que terá lugar o 10 de xullo, de 9 a 15 horas, na Escola de condución e transportes de Galicia (Teixeiro, A Coruña), o alumnado recibirá unhas nocións teóricas básicas sobre consumo enerxético eficiente, sobre as diferenzas entre motores de combustión e os eléctricos, así como sobre a condución autónoma e os seus sistemas de seguridade. Ademais, mediante o método de simulacións, as alumnas e alumnos terán a oportunidade de aprender técnicas de condución ante situacións de emerxencia.

Nas catro horas de duración da parte práctica do curso, o alumnado realizará unha serie de manobras en pista que lle axudarán a entender de forma eficiente e segura o mellor uso dos vehículos con motor térmico, híbrido ou eléctrico.

Máis información e inscrición: https://formacion.voluntariadogalego.org/

A Consellería de Política Social ven de elaborar o documento que recolle as recomendacións hixiénico-sanitarias para o desenvolvemento das actividades da Campaña de verán da Xunta de Galicia 2022, así como das actividades de ocio educativo e tempo libre na nosa comunidade autónoma.

Trátase de ofrecer pautas sobre as medidas recomendadas para evitar xerar riscos de propagación da COVID-19 que inclúen directrices, de carácter voluntario, sobre o uso da máscara nas actividades e outras medidas de protección, así como indicacións relativas a que facer ante sintomatoloxía compatible coa COVID-19.

O documento de recomendacións foi supervisado polas autoridades sanitarias competentes.

Podes descargar o documento pinchando aquí:

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou esta mañá no hotel Bela Fisterra, ao carón da praia Langosteira, os minicampamentos de verán, que este ano celebrarán a súa terceira edición. A inscrición para as 600 prazas ofertadas pode facerse aquí e pechará cinco días antes do inicio de cada quenda ou, no seu caso, ata completarse.


Os minicampamentos Coñece Galicia están dirixidos a nenos e nenas de entre 10 e 14 anos. A súa programación serve para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte dos máis novos, así como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo. Co obxectivo de facelos máis accesibles, o Goberno galego aplicará descontos do 50% ás familias numerosas ou monoparentais e do 25% a todos os usuarios do Carné Xove.


Así mesmo, Fabiola García subliñou que os minicampamentos teñen un dobre obxectivo: por unha banda, ofrecer unha opción de lecer activo ás mozas e mozos galegos, coa particularidade de que son estadías de cinco días de duración; e, por outra, axudar a dinamizar o sector hostaleiro. Trátase, engadiu, de ofrecer “un verán tranquilo e un verán seguro” ás familias e aos seus fillos.


Ademais do minicampamento Descubrindo a Bela Fiserra, onde os participantes poderán gozar de actividades náuticas como surf ou kaiak, así como saídas a espazos singulares como a Fervenza do Ézaro, o programa ofrece outras doce propostas distribuídas por toda a xeografía galega, que inclúen gincanas, xeoaventura, rastrexo de fauna ou tiro con arco, entre outras actividades.


Na provincia da Coruña, ademais do de Fisterra, terán lugar dous minicampamentos: Valdoviño Mariño, con actividades náuticas e de multiaventura, e Náutica e audiovisual en Sada. Na de Pontevedra desenvolveranse Aventura en Paradanta, no concello de Covelo; O noso rural, en Lalín; e Natura, no Salnés. Ourense, pola súa banda, ofrecerá as iniciativas Somérxete na natureza, na Pobra de Trives; e Acción no Arnoia, en Allariz; e Lugo, A conquista de Foz; Eco-Verán, en Monforte; Aventura na montaña, en Cervantes; A descuberta da Pobra do Brollón; e Xeocampamento nas montañas do Courel, en Folgoso do Courel.


Estas localizacións súmanse ás ofertadas nos campamentos e nos campos de voluntariado que, xunto aos minicampamentos, integran a maior programación da Campaña de Verán da historia de Galicia que chegará en 2022 a máis de 10.800 prazas.

Para máis información do programa e do formulario de inscrición, consulte este enlace: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran

O equipo de Correspondentes Xuvenís do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela participaron o día 27 de maio nun acto promocional da tarxeta de transporte Xente Nova.

No acto participaron tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o alcalde de Santiago de Compostela Xosé Sánchez Bugallo, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e a Directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel.

Esta é a crónica que nos envían Zaira Martínez, Pablo Barriuso e Martín Pardo.

"O venres, 27 de maio, celebrouse o primeiro aniversario da tarxeta xente nova. Unha inicitiva promovida na nosa comunidade autónoma, que facilita o transporte interurbano entre a mocidade (4 a 21 anos) de xeito gratuito, cun total de 60 viaxes mensuais. Ademais, tamén permite a viaxe gratuíta nos barcos dos servizos, Cangas-Vigo e Moaña así coma no tren metropolitano en Ferrol.

Para cubrir a noticia os correspondentes xuvenís do IES Plurilingüe Rosalía de Castro acudimos a San Caetano e baixamos no autobús, acompañados polo presidente da Xunta e doutros asistentes ao evento, ata estación intermodal onde se desenvolveu o acto.

Cabe destacar o discurso de participación da nosa compañeira, Lucía Sobrado Louzao, que resaltou a importancia desta iniciativa para dar autonomía e liberdade de movimento á mocidade, así como igualdade de oportunidades económicas nas diferentes familias.

Por último o presidente da Xunta, Alfono Rueda Valenzuela, pechou o acto, agradecendo a participación de todos e todas e, asegurando a continuidade desta iniciativa, xa que entende que é deber da administración asegurar e e facer máis doada a vida das mozas e mozos de Galicia".

 

A Dirección Xeral de Xuventude e a Secretaría Xeral de Política Lingüística entregaron os premios da edición 2022 do certame literario en liña Lingua de namorar cuxo obxectivo é “fomentar a lingua galega nas relacións entre iguais, nomeadamente a través das tecnoloxías da comunicación, e da transmisión do afecto entre a mocidade”.

A gañadora da categoría A, de 14 a 19 anos, foi Carmen Fernández (Ourense), coa mensaxe Á flor baixo a neve. Lucas Paz (A Coruña) e Laura Sande (A Coruña) recibiron o segundo e terceiro premio con Amor contraditorio e Desde Vilamor ata Fisterra, respectivamente.

Na categoría B, de 20 a 35 anos, os gañadores foron, do primeiro ao terceiro, Pedro Rodríguez (Nigrán, Pontevedra), con O amor de iglú; Ania Ferreira (Vigo, Pontevedra), con Dúas partes que son unha; e Andrea López (Pantón, Lugo), con Filautía.

A premiada na categoría C, vixente desde 2021 para idades de 14 a 35 anos e exclusiva para Instagram, foi Sofía Muñiz (Cambados, Pontevedra) con #Pulsión.

Os premiados e premiadas recibiron, segundo o posto acadado, un patinete eléctrico Youin You-Go L, un tocadiscos Nevir retro e un reloxo intelixente con esfera curvada 2.5 D, ademais dun lote de libros de literatura e poesía galega e un diploma.

Aquí podes disfrutar as mensaxes gañadoras: http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar

A Consellería de Política Social convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado durante o ano 2022 nas seguintes áreas:

a) Área de sensibilización: o obxectivo dos proxectos desta área será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como:
- Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das entidades de acción voluntaria, así como á promoción e captación de voluntariado.
- Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións.
- Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación: autonómico, provincial, local ou comarcal.
b) Área de formación: persegue unha modernización e adaptación permanente das entidades de acción voluntaria á realidade social a través destas liñas fundamentais:
- Formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.
- Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades como, por exemplo, o deseño e mantemento de páxinas web.
c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando, de xeito transversal, as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado.

Beneficiarias:
Entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2022, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, e que se desenvolvan dentro das áreas de intervención que prevé a Estratexia de acción voluntaria 2016-2018, actualmente prorrogada.

Requisitos:
a) Que as entidades de acción voluntaria de carácter privado estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias.
c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

As solicitudes presentaranse en http://sede.xunta.es co procedemento BS508B
prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 6 de xuño de 2022.
Máis información no DOG do 5 de maio de 2022 e en www.voluntariadogalego.org 

A Liga Xunta de Galicia de Break é un programa consistente nun circuíto de competición composto por un total de 10 eventos espallados por toda a xeografía galega.

Breaking, deporte olímpico!
O Breaking debutará como deporte olímpico nos Xogos de París 2024. Este proceso de inclusión do Break no programa olímpico, ven enmarcado nunha clara tendencia de expansión dos deportes urbanos por todo o mundo, xa que o Skate, o BMX e o Basket 3x3 tamén teñen o seu debut como deportes olímpicos nos Xogos de Tokyo 2021.

Poderán participar na liga, en calquera dos formatos e categorías de competición previstas, todas as persoas que teñan 6 ou máis anos. A Liga vai dirixida a practicantes de Break de iniciación e tamén a avanzados, que poderán participar nas correspondentes categorías diferenciadas por nivel técnico.

Categoría Iniciación
Poderán participar na Categoría Iniciación todas as persoas que comezan a practicar Break e non teñen experiencia no ámbito competitivo.

Categoría Intermedia
Poderán participar na Categoría Intermedia todas as persoas que acadaran entre o 1º e o 20º posto do Ranking 1vs1 na 1ª Liga de Break do 2021.

Categoría Avanzada
Poderán participar na Categoría de nivel Avanzado todas as persoas con nivel técnico medio-alto e con experiencia previa no ámbito competitivo.

Participa e compite en varios eventos para sumar puntos no Ranking!
As competicións de liga contemplan 3 categorías (Iniciación, Intermedia e Avanzada) para o formato 1vs1 (individual). O formato 2vs2 (parellas) será aberto no tocante ás categorías (participantes das 3 categorías poderán formar parella e competir xuntos/as).

Formatos de competición
Individual: Formato de competición un contra un dividida e 3 categorías; a) Iniciación, b) Intermedia, c) Avanzada.
Parellas: Formato dous contra dous de categoría aberta (poden formar parella competidores/as de diferentes categorías).

As 10 sedes da Liga: Viveiro, Pontedeume, Santiago de Compostela, Noia, Porto do Son, Lalín, Pontevedra, Ourense, Vigo e Verín

Datas:

BREAK2

Premios:
Establécense 3 premios para aqueles/as deportistas que ao finalizar a liga acaden os 3 primeiros postos do Ranking por Categoría (1vs1).

Categoría Iniciación
1º Posto: Trofeo
2º Posto: Trofeo
3º Posto: Trofeo

Categoría Intermedia
1º Posto: Trofeo
2º Posto: Trofeo
3º Posto: Trofeo

Categoría Avanzada
1º Posto: Trofeo + Compensación económica de 300€
2º Posto: Trofeo + Compensación económica de 200€
3º Posto: Trofeo + Compensación económica de 100€

Sexas principiante ou avanzado, participa na Liga Xunta de Galicia de Break!
Aquí podes inscribirte e consultar o regulamento: https://ligaxuntabreak.org/

Mensaxes gañadoras do concurso Lingua de Namorar 2022! Parabéns ás persoas gañadoras:

Na categoría A:
1º premio: "Á flor baixo a neve", de Carmen Fernández Margusino
2º premio: "Amor contraditorio", de Lucas Paz González
3º premio: "Desde Vilamor ata Fisterra", de Laura Sande Vázquez

Na categoría B:
1º premio: "O amor de iglú", de Pedro Rodríguez Villar
2º premio: "Dúas partes que son unha", de Ania Ferreira Longueira
3º premio: "Filautía", de Andrea López Otero

Na categoría C: #Pulsión, de Sofía Muñoz Somoza, @sofi.mso


Mensaxes gañadoras da categoría A

1º premio: Á flor baixo a neve, de Carmen Fernández Margusino (Ourense)

A ti, que non es capaz de dicilo.
A ti, que nunca escoitaches un silencio tan forte cando tantas palabras necesitabas.
A ti, que es unha flor sepultada baixo a neve,
en espera dunha primavera que só ti podes facer chegar.
A min, aínda que agora non o sinto, algún día o poderei dicir.
quérote,
quérome.

2º premio: Amor contraditorio, de Lucas Paz González (A Coruña)

Amor monta cabalo e cingue armadura.
Peito lustroso e semblante gallardo;
no seu cavilar absorto cabalga
altivo guerreiro das causas soadas.

Fóra da poesía, Amor murcho camiña descalzo,
roupa esfarrapada viste o seu corpo,
ferro luxado rodea os seus pulsos,
vencido guerreiro das causas perdidas.

Dualidade do amor: plenitude e carencia.

3º premio: Desde Vilamor ata Fisterra, de Laura Sande Vázquez (A Coruña)

Tiña unha ditosa sensación
que acelerou o meu corazón,
desde Vilamor ata Fisterra
nunha ruta de amor pola nosa terra.

Din que as palabras son levadas polo vento
mais díxenche “quérote, amor” cando facía bo tempo,
unha esdrúxula e unha aguda que non son tan graves
seguidas dun sorriso e unha chave.

Mensaxes gañadoras da categoría B

1º premio: O amor de iglú, de Pedro Rodríguez Villar (Pontevedra)

O nórdico refúxianos cando cae a noite,
fóra del hai medos, desilusións, fracasos
e unha chea de palabras moribundas
que saen canda as lúas novas.

No interior estamos a salvo
co abrazo dos nosos corpos nus
nun refuxio de amor de iglús
e a ilusión brotando dun bico
que nos calma
no bule bule de erratas da vida.

2º premio: Dúas partes que son unha, de Ania Ferreira Longueira (Vigo)

Unha vez perdinte nun poema,
entón busquei onde poderiamos atoparnos.
Estariamos nunha aliteración
na anáfora da palabra amor,
talvez
na antítese do medo
sinestesia duns ollos falando,
pleonasmo nos erros,
circunloquio para irnos
onde comezamos.

Pero non, aquí estás:
es o espazo en branco,
a sílaba perdida
das palabras que non podo rematar.

3o premio: Filautía, de Andrea López Otero (Lugo)

Existe
Todo aquilo que somos,
dentro deste corpo aloumiñante.
En min
persoal e venturosa
fausta
nun mundo poderoso
nunha mente fría
que non deixa de ferver.
Existe
Un suspiro mainiño;
a forza da vertixe
un ollar devagar.
Rotundos e incandescentes,
fogosos
finitos
os pensamentos do /eu/

Eu
que a cada espazo
de tempo
veloz
lenta
viva
/eu/
me quero

Na categoría C do concurso a mensaxe que resultou gañadora ao recibir o maior número de "gústame" a seguinte:

Sofía Muñoz Somoza (Cambados, Pontevedra) @sofi.mso

#Pulsión
Na congregación de mensaxes atemporais conflúe a secuencia de pulsións que aviva o
itinerario compartido.

Grazas tamén a todas as persoas que participastes no concurso e puxestes en valor a nosa lingua

Como cada ano, o 17 de abril conmemórase o Día Europeo da Información Xuvenil. A Axencia Europea da Información e o Asesoramento Xuvenil (ERYICA) declarou esta data no 1983 para subliñar os servizos de atención á xente nova en materia de información, apoio e formación.

Este ano a efeméride cobra maior importancia por estarmos no Ano Europeo da Xuventude. Neste sentido, na publicación que fai o INJUVE destácase o papel dos traballadores e traballadoras da información xuvenil entre a mocidade, axudándolles a participaren de xeito activo na sociedade. Por outro lado, o Portal Europeo da Xuventude promove actividades e interaccións entre a mocidade europea para dinamizar este ano xuvenil.

En Galicia, a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, volve difundir unha infografía que recolle todos os puntos que integran a rede galega de información xuvenil: 12 Espazos Xoves, máis de 230 OMIX (oficinas municipais de información xuvenil), os Servizos provinciais de Xuventude (A Coruña, Lugo, Vigo e Ourense) e as oficinas locais de Pontevedra e Ferrol, o Centro coordinador de Información xuvenil (Santiago de Compostela)l e unha rede de case 500 mozos e mozas correspondentes xuvenís (en 60 centros de ensino secundario) e 112 correspondentes universitarios/as (nos 7 campus universitarios).

Nestes tempos cobra aínda máis importancia a modalidade de información dixital. Aquí cómpre citar a nosa páxina web http://xuventude.xunta.es, a nosa canle de whatsapp e os nosos perfís nas principais redes sociais, incluíndo o perfil de @xuventudegalicia e os perfís dos Espazos Xoves.

O obxectivo desta rede é achegar a toda a mocidade información sobre temas do seu interese como ocio xuvenil, emprego, formación, emancipación, voluntariado, axudas económicas ou certames creativos. Estes contidos han de proporcionarse de xeito que sirvan para que a xuventude coñeza as súas oportunidades e mellore a súa autonomía, buscando así a súa participación como membros activos da sociedade.

Carta Europea de Información Xuvenil

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pon en marcha para 2022 a segunda edición do programa de voluntariado ambiental, de carácter interxeracional e totalmente gratuito para as persoas voluntarias, que se desenvolverá durante as fins de semana, a partir do 29 de abril, prolongándose ata o mes de setembro. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a protección e conservación do medio ambiente, incidindo desde unha perspectiva de sensibilización e educación ambiental.

Están programadas 20 actividades, ampliándose a oferta a 270 prazas nos seguintes espazos naturais:

• Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: lla de Ons
• Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: Illas Cíes
• Parque Nacional marítimo-terreste das Illas Atlánticas de Galicia: Illa de Cortegada
• Parque Nacional marítimo-terreste das Illas Atlánticas de Galicia: Illa de Sálvora
• Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán
• Parque Natural O Invernadeiro
• Parque Natural Serra da Enciña da Lastra
• Parque Natural Monte Aloia
• Parque Natural Fragas do Eume
• Parque Natural e Reserva da Biosfera de Baixa Limia-Serra do Xurés
• Reserva da Biosfera Terras do Miño Mondoñedo
• Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo
• Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras do Burón Ribadeo
• Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel
• Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá

Nestes espazos, as persoas voluntarias desenvolverán actividades de:
- Preservación, limpeza e conservación
- Investigación (catalogación de flora e fauna de Galicia)
- Sensibilización e formación

A Xunta de Galicia cubrirá os gastos de desprazamento (autobús desde Santiago de Compostela e/ou barco), manutención, aloxamento, seguros e actividades formativas. Cada participante deberá levar os úteis de aseo persoal e toalla así como calzado e roupa axeitada para actividades ao aire libre.

O programa desenvolverase con todas as garantía de seguridade e saúde polo que as prazas serán limitadas a 10 ou 15 por acción.

Requisitos de participación
Os requisitos de participación son os seguintes:

- Ter 18 anos cumpridos
- Residir na comunidade autónoma de Galicia
- Cumprimentar o formulario de inscrición

O prazo de inscrición comezará o día 18 de abril ás 12.00 horas na web de Voluntariado https://voluntariadogalego.org/

Para ampliar as posibilidades de participación das persoas interesadas, cada persoa voluntaria poderá anotarse en dúas accións como máximo.

Se o grupo de persoas inscritas nunha actividade excede do máximo permitido para cada zona, a selección realizarase por rigoroso orde de inscrición. 

Máis información en:
programas.xuventude@xunta.gal
881 999 567