En portada (1118)

A Xunta e a Asociación de Festivais de Galicia asinaron un protocolo de colaboración para ofrecer vantaxes ás persoas mozas usuarias do Carné Xove. En concreto, ofrecerase un 15% de desconto nas primeiras entradas dos seguintes eventos que forman parte da citada Asociación: Son Rías Baixas, SinSal, 17ºRibeira Sacra, Underfest, Vive Nigrán, Barbeira Season Fest, Wos Festival e Revenidas. A sinatura tivo lugar esta semana entre a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o secretario da entidade, Carlos Alberto Montilla Cortizo.

Para facer efectivo o desconto nas plataformas de adquisición de entradas, os usuarios do Carné Xove deberán poñer o código: CARNEXOVEFESTIVAIS segundo se indique na información de cada festival. Así mesmo, no momento de entrar ao evento deberán presentar o seu carné xove acreditativo e debidamente activado. O acordo farase efectivo a partir do xoves 3 de febreiro, de maneira que será a partir dese momento cando as mozas e mozos poderán comezar a empregar o seu desconto nos diferentes festivais con entradas xa á venda.

Os detalles concretos sobre as condicións para cada un dos citados festivais adheridos ao Carné Xove poderanse consultar no seguinte enlace:
http://xuventude.xunta.es/images/carneXove/guia/Anexo_Festivais.pdf

Ademais da Asociación de Festivais de Galicia, a Xunta mantén convenios de adhesión con outras entidades para ofrecer vantaxes ás persoas mozas. Exemplo diso é o convenio co Clúster de Turismo de Galicia que permite a concesión de descontos en máis de medio cento de establecementos de servizos turísticos, hospedaxe, tendas, ou balnearios. Así mesmo, tamén se ofrecen descontos nos establecementos adheridos á Federación Galega de Xoves Empresarios (Fegaxe-Aje Galicia).


O Goberno galego enviou de xeito gratuíto o Carné Xove o pasado ano ás 400.000 mozas e mozos de entre 12 e 30 anos de idade. Ademais, este carné pasou a ser indefinido e só precisa ser activado para beneficiarse destes convenios e das demais vantaxes das que dispón ao ser recoñecido en toda España e nos 40 países europeos adheridos a esta identificación.

Podes consultar no seguinte enlace todos os descontos que ofrece o Carné Xove: http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/2334-establecementos-adheridos

O Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca axudas á mocidade para a adquisición de vivenda nos centros históricos

A contía da axuda para a adquisición de vivenda será de ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e de 10.800 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.
En todo caso, no suposto de vivendas situadas nun ámbito declarado Área Rexurbe, a contía da axuda será de 15.000 euros por vivenda.
As contías e as bases están publicadas no DOG do 15 de marzo de 2021.

As solicitudes tramitaranse en https://sede.xunta.gal/portada co procedemento VI400A
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro de 2022
Máis información no DOG do 28 de xaneiro de 2022 e en http://igvs.xunta.gal/

A Consellería de Emprego e Igualdade convoca o Plan Galicia emprega de incentivos á contratación por conta allea, á formación e ao emprego con apoio a través de dous programas:

Programa I: Incentivos á contratación por conta allea e á formación (procedemento TR342C):
1. Incentivos á contratación indefinida inicial, por medio da cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
2. Incentivos á contratación temporal, por medio da cal se proporcionará unha subvención para a contratación temporal de persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
3. Incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos só no caso das persoas mozas, mulleres e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
4. Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial só no caso das persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

Programa II: Emprego con apoio (procedemento TR342A).
Consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas, do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais características.

A contratación indefinidas dunha persoa desempregada moza menor de 30 anos terá un incentivo de 6.000 euros.
A contratación temporais dunha persoa desempregada moza menor de 30 anos terá un incentivo de 3.000 euros.
As transformacións de contratos temporais en indefinidos terá un incentivo de 2.000 euros cando a persoa traballadora contratada sexa unha persoa moza.

Entidades beneficiarias
- Persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea.
- Asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro

As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal a través dos formularios TR342C e TR342A.
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro de 2022.
Máis información no DOG do 28 de xaneiro de 2022 e en https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/es/?option=com_content&view=article&id=218

A páxina web bus.gal vén de mellorar o buscador para facilitar a planificación  da túa viaxe en autobús. Nesta páxina dispós de información actualizada dos servizos de transporte vixentes en cada momento, así como dos descontos que se ofrecen nalgunhas liñas por ser titular do Carné Xove. (Instrucións buscador)

 

Tamén podes consultar no seguinte enlace as entidades adheridas, as liñas de transporte e os descontos e condicións aplicables para as persoas titulares do Carné Xove.

http://xuventude.xunta.es/images/carneXove/guia/Transporte_por_Provincias_e_Alsa.pdf

 

 

O Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca axudas a persoas menores de 35 anos para a adquisición de vivendas protexidas.

Requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.
b) Ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda protexida.

A contía da axuda para a adquisición de vivenda será a seguinte:
a) No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.
En Galicia considéranse municipios de prezo máximo superior A Coruña, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.
b) No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.
En todo caso, as axudas terán o límite do 20 % do prezo de compra da vivenda.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o o 30 de setembro de 2022.
As solicitudes están dispoñibles en http://sede.xunta.es co procedemento VI420C
Máis información no DOG do 21 de xaneiro de 2022 e en http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada
As bases están publicadas no DOG do 23 de xullo de 2021

Queres crear unha cooperativa xuvenil?

A Consellería de Emprego e Igualdade convoca o Programa Aprol-economía social con axudas para fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais.

Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR802G).

Este programa busca fomentar a incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou en proba.
Poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados en Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, entre outros colectivos, a persoas menores de 30 anos (ou menores de 35 anos cando se trate de persoas con discapacidade) que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.
Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000 €
Por cada mozo ou moza incorporada como persoa socia traballadora ou de traballo a proba a subvención ascenderá a 600 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.
A contía da subvención ascenderá un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil*.

Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J).

Dirixido ao fomento do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas.
A contía da subvención ascenderá un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil*.

Persoas e entidades beneficiarias
a) As cooperativas e sociedades laborais que contraten ou incorporen socios/as.
b) As persoas desempregadas que formen unha cooperativa.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro de 2022.
As solicitudes tramitaranse na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal/ cos formularios TR802G e TR802J.
Máis información no DOG do 21 de xaneiro de 2022 e en https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/es/?option=com_content&view=article&id=228 

*Consideranse cooperativas xuvenís as constituídas maioritariamente por persoas socias traballadoras menores de 30 anos, ou 35 se se trata de persoas con discapacidade.

Novo concurso! Novos premios co #CarnéXove! Chega o premio especial Carné Xove do #XuventudeCrea! A través do Instagram de @xuventudegalicia, entra na ligazón da bio, sigue as instrucións, vota a túa candidatura favorita e optarás a gañar un pack de regalos publicitarios do Carné Xove no sorteo que celebraremos o próximo día 21 de xaneiro. 

 

Máis información nas bases: Versión galego | Versión castelán

 Xa está aberta a convocatoria para unha nova edición do Parlamento Xove!!!

 

Parlamentoxovecabecera

 

O Parlamento Xove é unha competición na que os diversos equipos inscritos investigarán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, "a favor" ou "en contra’" en relación á cuestión formulada.

O obxectivo deste programa é potenciar as habilidades individuais e en grupo, entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Así mesmo, Parlamento Xove fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.

O programa, que acada con esta a súa 13ª edición, estrutúrase en tres categorías: ESO, Bacharelato e Universidades. Como novidade este ano, esta última categoría terá tamén unha fase previa clasificatoria.

O tema de debate da fase clasificatoria para as tres categorías será: Debería existir unha regulación para ser youtuber ou influencer que garanta que desempeñen as súas funcións correctamente?

PREMIOS
Os premios serán unha viaxe valorada en 5.000 € para cada un dos equipos gañadores das categorías escolares e en 2.500 € para o equipo gañador da categoría universitaria. Así mesmo, contarán cunha mención especial e cun agasallo os/as mellores oradores/as e os mellores artigos de investigación en cada unha das categorías.

REGULAMENTO E INSCRICIÓN:

Descarga o Regulamento do programa para a coñecer todo o necesario sobre o proceso de inscrición e a competición: (PDF)

Tamén está dispoñible o Regulamento en castelánparlamaentoxoveregualmebto

O Formulario de participación estará aberto ata o 17 de xaneiro de 2022:  

+ Formulario de participación ESO/Bach

+ Formulario de participación Universidade

 

ParlamentoxovecontactaConsulta as túas dúbidas no correo parlamentoxove.xuventude@xunta.gal ou nos teléfonos 981 545 702 e 981 544 645.

 

Máis información en http://xuventude.xunta.es/parlamento-xove

A exposición itinerante "Xuventude Crea, máis dunha década. Unha mirada ao pasado, unha mirada ao futuro" chega á Cidade da Cultura

O Museo Centro Gaiás acolle a exposición Xuventude Crea, máis dunha década. Unha mirada ao pasado, unha mirada ao futuro, que repasa os máis de dez anos de vida dun programa que busca recoñecer e dar visibilidade á innovación da xente nova de Galicia en 14 disciplinas diferentes.

A exposición reúne unha selección de 29 pezas dos creadores e creadoras que presentaron os seus proxectos ao abeiro de Xuventude Crea, durante os máis de dez anos de vida do certame. A escolma de proxectos que conforman esta exposición abrangue diversas disciplinas, 6 das 14 especialidades que forman parte do programa:

Moda
Graffiti
Banda deseñada
Artes plásticas (pintura e escultura)
Fotografía
Deseño de xoias

Trátase así dunha mostra multidisciplinar e multixeracional que crea unha liña do tempo a través das obras do artistas que pasaron polo programa en 12 anos.

A exposición, que ten carácter itinerante, está conformada por diferentes traballos de mozas e mozos galegos en seis destas disciplinas nunha iniciativa da Xunta de Galicia que promove o talento e a creatividade da mocidade galega. A exhibición pódese ver cada mes nun concello diferente. Así, na capital galega permanecerá durante todo o mes de decembro.

Son 12 as localizacións que percorrerá a mostra itinerante, que tivo como primeiro destino Ribeira no mes de maio; e, a continuación, Lalín, onde estivo en xuño; Vigo, en xullo; Tui, en agosto; Pontevedra, en setembro; Lugo, en outubro; Ourense, en novembro; e, por último, Santiago de Compostela. De cara ao 2022 especificaranse as datas nas que recalará nas súas seguintes paradas: as cidades da Coruña e Ferrol, Noia e Chantada.

Datas: do 14 de decembro ao 23 de xaneiro.
Lugar: Museo Centro Gaiás. Andar 0. Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Horario: de luns a domingo de 10.00 a 20.00 horas.

A Xunta de Galicia premia algunhas das traxectorias e os proxectos emprendidos pola xuventude galega máis destacados a través do certame Talento Mozo. Promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Politica Social, estes galardóns buscan recoñecer e dar visibilidade ao enxeño e capacidade da mocidade en cinco modalidades: Ciencia, Cultura e creación, Deporte, Empresa e Rural.

Os premios Talento Mozo alcanzan este ano a súa segunda edición, que permitiu a Xuventude premiar as mellores candidaturas de 2020 e 2021 cunha dotación económica de 5000 euros por categoría.

No DOG do 13 de decembro de 2021 publícase a resolución do xurado dos premios Talento Mozo Galicia 2021 que premian a:

Natalia Barreiro Piñeiro, na modalidade de Ciencia
Lucía Seoane López, na modalidade de Rural
Susana Rodríguez Gacio, na modalidade de Deporte
Sofía Prosper Díaz-Mor, na modalidade de Empresa
Alberto Miguélez Rouco, na modalidade de Cultura e Creación


Natalia Barreiro Piñeiro doutorouse en Medicina Molecular en 2018 con sobresaínte cum laude no Centro Singular de Investigación en Química Biológica y Materiales Moleculares (CiQUS) da USC, onde exerce como investigadora e onde ten participado en diferentes proxectos que deron lugar a tres artigos en revistas científicas de impacto vencellados a un sistema de expresión e purificación de proteínas denominado IC-Tagging que presenta múltiples aplicacións e está desenvolto e patentado polo laboratorio de José Martínez Costas. Actualmente participa no proxecto de desenvolvemento dunha vacina contra SARS-CoV-2 financiado polo Instituto de Salud Carlos III, sendo un dos 10 proxectos de vacina contra o coronavirus que hai en España, Fondo Supera COVID do banco Santander, a Iniciativa Europea de Vacunas (EVI), ademais de diferentes fontes de financiación privada. Este proxecto recibiu o II International Zendal Award en saúde humana que outorga a empresa ZENDAL.

Lucía Seoane López é a artífice do proxecto empresarial Artesanía do Caurel, unha proposta para visibilizar a necesidade e a posibilidade real de emprender no rural pola xuventude de maneira creativa, innovadora e sostible, empregando os recursos proporcionados pola natureza, como é a madeira. A iniciativa desta lucense é unha clara aposta pola visibilización dos oficios artesáns, a dinamización social e cultural dos traballadores manuais da madeira cos que aínda conta a zona e que foi parte da economía da zona nos tempos pasados.

Susana Rodríguez Gacio naceu cunha discapacidade visual moi severa debido á condición xenética de albinismo oculocutáneo, o que non lle impediu empezar con só 4 anos a dar os seus primeiros pasos na natación e, máis tarde, no atletismo nas modalidades de carreira e salto de lonxitude. Sen embargo, foi no triatlón de competición na modalidade na que acadou os seus maiores éxitos deportivos, entre os que destacan o primeiro posto no Campionato do Mundo de Paratriatlón en Auckland (2012), Gold Coast (2018) e Lausanne (2019); primeiro posto no Campionato de Europa de Paratriatlón en Kitzbühel (2014) e Valencia (2019); o quinto posto nos Xogos Paralímpicos de Rio de Janeiro; e o medalla de ouro nos Xogos Paralímpicos de Tokio 2020 en triatlón. Ademais, actualmente é a número 1 do ránking mundial de Paratriatlón na categoría PTVI para deportistas con discapacidade visual.

O proxecto IUVIA, creado por Sofía Prosper Díaz-Mor e encadrada na industria 4.0, consiste nunha descentralización dos servicios da nube, centrada na privacidade dixital dos usuarios e usuarias e na súa soberanía tecnolóxica. Consta dun microservidor que se pode ter na casa e na oficina e permite aloxar de maneira fácil e segura o email, contactos, calendario e almacenamento. Premiado pola Axencia Española de Protección de Datos coma iniciativa de investigación científico-técnica cun enfoque estritamente práctico, permite aos traballadores compartir información e editar documentos de xeito colaborativo tendo a información na oficina ou noutro lugar seguro, sen precisar de terceiros que almacenen e procesen a información. Isto permite ao proxecto ter un impacto positivo en relación á crise económica derivada da COVID-19, xa que que pode permitir aumentar produtividade sen perder os requisitos de privacidade, así como achegar traballadores ao rural, cun acceso a súa propia nube de traballo.

O coruñés Alberto Miguélez Rouco obtivo o Premio extraordinario de fin de grao en piano cunha nota media global de 9,16, e máis tarde rematou o seu segundo grao profesional no Conservatorio Profesional de Música da Coruña na especialidade de clave. Tras estudar na Schola Cantorum Basliensis de Basilea, en Suíza, e na UNED, mantén unha intensa actividade como solista, realizando concertos en numerosos países como España, Suíza, Francia, Alemaña, Austria, Bélxica, Italia, Noruega, Eslovenia, Estados Unidos e Portugal. Ademais, participou como coralista en diversas agrupacións profesionais, orquestras e academias musicais, e recibiu varios premios.