A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado publica no DOG do 31 de xullo de 2020 a resolución das axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove do ano 2020
A Consellería de Política Social e a Consellería de Cultura e Turismo poñen en marcha o programa “Coñece Galicia”. Trátase dunha iniciativa lúdico formativa para desenvolver en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega en estancias de cinco días, de luns a venres, que sirva tanto para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.
Este programa forma parte da oferta da Campaña de Verán da Xunta de Galicia deste 2020 e é, de feito, unha das principais novidades para completar a oferta de campamentos tras a necesaria adaptación das actividades ao novo escenario provocado pola Covid-19.
Ofrécense distintas alternativas de participación nos meses de xullo e agosto de 2020, cunha oferta total de 533 prazas, distribuídas nun total de 14 programas e instalacións diferentes.
Toda a información no seguinte enlace:
RESULTADO DE SORTEO
Prazo para presentar a documentación: 13 de xullo (incluido)
Gustouche o noso #TalentoMozoOnline? Perdícheste algún dos directos?
Recorda que podes ver todas as charlas no noso IGTV: https://www.instagram.com/xuventudegalicia/channel/
O día 25 de xuño abre o prazo para inscribirse nun dos 29 campos de voluntariado que oferta a Xunta de Galicia dentro da campaña O verán que necesitas. Poranse á disposición dos maiores de 18 anos da comunidade un total de 348 prazas repartidas en campos adaptados ao novo escenario provocado pola crise sanitaria da covid-19.
A situación provocada pola emerxencia sanitaria derivada da covid-19 fai moi necesario ofertar á mocidade un recurso de educación non formal para o tempo de lecer. Os campos de voluntariado son actividades encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a tolerancia e a solidariedade. Polo tanto, permitiralles beneficiarse, coas máximas garantías de prevención e hixiene, dunha experiencia enriquecedora.
Así mesmo, este ano hai tres novidades principais nesta iniciativa: os campos serán de ámbito autonómico con prazas só para mozos e mozas de Galicia; a convivencia será dun máximo de 12 persoas participantes, máis o equipo técnico; e as actividades desenvolveranse baixo as medidas de prevención e seguridade ditadas polas autoridades sanitarias.
Desta maneira, das 348 prazas que oferta o Goberno galego, 108 encóntranse nos 9 campos de voluntariado que se celebrarán na provincia de Pontevedra; 96 distribúense entre as oito iniciativas que haberá na Coruña; e tanto en Lugo como en Ourense celebraranse seis campos, isto é, 72 prazas en cada provincia.
Nova oferta
Destes 29 campos de voluntariado, 12 deles son novos este ano. A provincia de Lugo contará con catro novas iniciativas: dúas baixo o nome Os Campos do camiño, un no municipio de Palas de Rei e outro en Triacastela; Castro de Vilalonga, en Castro de Rei; e Alejandrina Álvarez en Ribas de Sil. A de Coruña terá tres novos: A Ciadella, no concello de Sobrado dos Monxes; Encaixe no camiño, en Camariñas; e o campo de voluntariado Amicos, en Boiro.
En Pontevedra os novos campos celebraranse en Lalín, baixo o nome de Tradición en verde; en Salvaterra de Miño, titulado Monte Castelo; e en Campo Lameiro, con a Idade de Bronce. Pola súa banda, Ourense poderá contar este ano con O noso rural, a nosa istoria, en Ribadavia; e Pereiro, en O Pereiro de Aguiar.
Como solicitar praza
O prazo desta convocatoria ábrese o 25 de xuño ás 16,00 h e pecharase 3 días antes do inicio de cada campo. As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por orde de recepción. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña, que estará dispoñible na páxina web http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran, onde se pode consultar toda a información sobre esta actividade. A cota de inscrición para todos os campos é de 110 euros; con desconto dun 25% por Carné Xove, familia numerosa ou monoparental.
O Servizo de Prevención da Dependencia, da Dirección xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, convoca Campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade
Persoas destinatarias:
As que teñan recoñecida a condición de persoa con discapacidade, unha idade comprendida entre os 11 e os 45 anos e presenten calquera tipo de limitación e / ou necesidade especial.
Convócanse 132 prazas con un prezo de 125 euros nas seguintes quendas:
Requisitos:
- Ter recoñecida unha porcentaxe de discapacidade igual ou superior ao 33%.
- Ter unha idade comprendida entre os 11 e os 45 anos. Ter cumprida a idade mínima establecida ao inicio da quenda e non superar a máxima ao seu remate.
- Estar empadroados nalgún concello de Galicia.
- Non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
- Non presentar trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade.
- Ter unha capacidade mínima de comunicación e de participación nas actividades que se van desenvolver.
- Ter unha mobilidade acorde coas características da instalación que solicita.
Non se admitirá a entrada aos campamentos se o participante:
- É diagnosticado positivo por COVID-19 segundo os criterios médicos vixentes.
- Presenta calquera sintomatoloxía (tos, febre, dificultade ao respirar) que poida estar asociada co COVID-19 durante os 14 días previos á súa participación.
- Estivese en contacto estreito ou compartindo espazo sen gardar a distancia interpersoal con algunha persoa afectada por COVID-19 nos 14 días previos á súa participación.
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o día 30 de xuño de 2020.
As solicitudes, acompañadas da documentación requirida, presentaranse por calquera dos medios establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas e dirixiranse á:
Consellería de Política Social.
Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade
Edificio administrativo San Caetano, s/n.
15781 Santiago de Compostela.
Solicitude, informe médico e demais documentación:
https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/campamentos-de-veran-especificos-para-persoas-con-discapacidade-2020
Máis información
Teléfonos:
981 547 437, 981 546 737, 981 544 640,
Correo electrónico: autonomiapersoal.sxps@xunta.gal
Nos servizos de Dependencia e Autonomía Persoal das xefaturas territoriais situados en:
A Coruña
Rúa Concepción Arenal, nº 7-9 - 15006 A Coruña.
Teléfono 881 881 528.
Lugo
Rúa Serra de Ancares, nº 68 baixo - 27003.Lugo.
Teléfono 982 889 132.
Ourense
Rúa Sáenz Díez, nº 33 - 32003 Ourense.
Teléfono 988 386 178.
Vigo
Rúa Concepción Arenal, nº 8, 1º andar - 36201 Vigo.
Teléfono 986 817 217.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou a campaña de verán para este 2020, que baixo o nome O verán que necesitas pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos de verán. A proposta de actividades, que comezarán na segunda quincena de xullo e se prolongarán ata comezos do mes de setembro, inclúe campamentos de verán, campos de voluntariado, e como novidade, minicampamentos e prazas en residencia xuvenís.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) do 15 de xuño publica a orde que rexe a solicitude de praza para os campamentos en Galicia. Deste xeito, o prazo de solicitude abrirá mañá martes e terá unha duración de sete días hábiles. A conselleira destacou que o número de prazas é inferior á de anos anteriores debido á limitación do aforo establecido polas autoridades sanitarias por mor da covid-19, pero que se conseguiu acadar unha cifra relevante grazas á incorporación de instalación como as diferentes residencias de tempo libre de Galicia.
Entre as novidades deste ano está o incremento da variedade das actividades con campamentos de cociña no Centro Superior de Hostalería de Galicia, campamentos vinculados ao ámbito aeronáutico, á tecnoloxía ou ao coidado do medio ambiente, a posibilidade de que entidades xuvenís e grupos de mozas e mozos poidan realizar actividades propias en residencias xuvenís de Lugo e Ourense e minicampamentos de cinco días, de luns a venres, en establecementos turíticos.
Así mesmo, Fabiola García sinalou que un ano máis poderán participar todas as mozas e mozos de Galicia con independencia das súas capacidades ou necesidades especiais. Neste sentido, lembrou que existe unha convocatoria específica para as persoas con discapacidade de entre 11 e 40 anos dotada este ano con 132 prazas.
Protocolo específico
A conselleira asegurou que este programa pretende agradecer a nenos e pais o esforzo realizado durante os últimos meses de confinamento. Baixo o nome O verán que necesitas, esta campaña permitirá darlle as familias un servizo de conciliación atendendo sempre ás medidas de hixiene e seguridade que require actual situación.
Por iso, esta decisión foi consensuada co Comité Clínico, o cal ve viable a súa realización sempre que se garantan as medidas establecidas polas autoridades sanitarias como a redución do aforo nas instalacións para garantir o distanciamento de 1,5 metros, o reforzo do persoal monitor, que permitirá traballar en grupos máis reducidos nas actividades e o incremento das medidas hixiénico sanitarias.
Máis información: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca a Campaña de verán 2020
Poden solicitar a súa participación nas actividades ofertadas nesta convocatoria as persoas mozas residentes en Galicia.
Requisitos:
- Idade mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2020:
As persoas nacidas no ano 2002 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
As persoas nacidas no ano 2011 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.
- Para ser admitido/a no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio nin sintomatoloxía compatible co COVID-19.
- Saber nadar para os campamentos que inclúan na súa programación actividades de auga.
- Ningunha persoa participante poderá ser admitida en máis dun campamento por ano. A praza adxudicada será intransferible.
Prazas de inclusión: As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán participar nesta convocatoria cumprindo os seguintes requisitos:
a) Facer constar a súa condición na solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios, se os precisar.
b) Que no certificado de recoñecemento de discapacidade non se recolla a necesidade de axuda de terceira persoa.
c) Ter capacidade de integración nun grupo e que as súas limitacións e/ou necesidades especiais lles permitan participar e beneficiarse das actividades que se van desenvolver no destino que soliciten.
En función do tipo de discapacidade, poderá exceptuarse, de ser o caso, o requisito de saber nadar. Neste suposto, a persoa menor con discapacidade non poderá participar nas actividades de auga.
As persoas menores en situación de tutela ou garda pola Administración e que se atopen en acollemento residencial poderán participar nesta convocatoria e deberán indicar esta condición no anexo de solicitude, marcando o recadro correspondente.
Tipos de solicitude:
As solicitudes poderán presentarse de forma individual ou múltiple
- As persoas que presenten unha solicitude individual de prazas deben utilizar o formulario BS303A
- As persoas con discapacidade que opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión deben utilizar o formulario BS303G
- As persoas que presenten unha solicitude múltiple deben empregar o formulario BS303F
- As persoas con discapacidade que presenten unha solicitude múltiple para prazas reservadas para inclusión deben utilizar o formulario BS303H
A solicitude múltiple admitirase para o suposto de dous/dúas, tres e ata catro irmáns/ás. As persoas menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar tamén se poderán incluír na solicitude múltiple, equiparándose a súa situación a dos/as irmáns/as.
Prazas ofertadas:
Prazas reservada para inclusión: http://xuventude.xunta.es/images/accion_de_veran/2020/ANEXO_I_B.pdf
Prazas xerais: http://xuventude.xunta.es/images/accion_de_veran/2020/ANEXO_I_A.pdf
Descontos:
As familias numerosas e familias monoparentais terán un desconto do 50 %
As persoas usuarias do Carné xove gozarán dun desconto do 25 %
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 25 de xuño de 2020
Máis información no DOG do 15 de xuño de 2020 e en http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran
A Consellería de Política Social vén de actualizar o documento que recolle as recomendacións e medidas para o desenvolvemento das actividades de educación non formal, ocio educativo e tempo libre adaptadas á situación derivada da crise sanitaria da Covid-19, para o ano 2021.
Trátase de ofrecer pautas para a adaptación das citadas actividades ao escenario actual, de favorecer o coñecemento e correcta aplicación das debidas medidas hixiénico-sanitarias e tamén co fin de establecer un protocolo de actuación que permita dar unha resposta ante un posible caso infeccioso por COVID-19.
O documento de recomendacións foi elaborado e actualizado coa colaboración dun grupo de traballo con representantes do sector e supervisado polas autoridades sanitarias competentes.
Podes descargar o documento pinchando aquí: