En portada (1164)

  • Trátase de estadías de cinco días de duración, de luns a venres, que se distribúen en 30 quendas
  • Os mozos estarán aloxados en establecementos hostaleiros para axudar a dinamizar o sector
  • Aplícanse descontos ás familias numerosas, monoparentais e aos usuarios do Carné Xove
  • Con este programa a proposta estival da Xunta, O verán que mereces, que tamén inclúe campamentos e campos de voluntariado, ofrecerá un total de máis de 7.800 prazas
     

A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada polo alcalde de Valdoviño, Alberto González, presentou esta mañá no hotel A Roda, na praia de Meirás do concello de Valdoviño, os minicampamentos de verán, que este ano celebrarán a súa segunda edición tras o éxito de acollida do ano pasado. A inscrición para as 600 prazas ofertadas, 67 máis que o ano 2020, pode facerse desde hoxe na web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pechará cinco días antes do inicio de cada quenda ou, no seu caso, ata completarse.

Esta iniciativa, sinalou Fabiola García, ten un dobre obxectivo: por unha banda, ofrecer unha opción de lecer activo ás mozas e mozos galegos, coa particularidade de que son estadías rápidas de cinco días de duración; e, por outra, axudar a dinamizar o sector hostaleiro, que tanto sufriu este ano. Trátase, engadiu, de ofrecer “un verán tranquilo e un verán seguro” ás familias e aos mozos que participen na campaña estival da Xunta, que este ano se desenvolverá baixo o lema “O verán que mereces”.

Dirixida a nenos e nenas de entre 10 e 14 anos, serve tanto para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo. Co obxectivo de facer máis accesibles os minicampamentos, a Xunta aplicará descontos do 50% ás familias numerosas ou monoparentais e do 25% a todos os usuarios do Carné Xove, que chegará de forma gratuíta aos domicilios das 400.000 mozas e mozos galegos.

Paddle surf, gincanas e xeoaventura

Ademais de Valdoviño Mariño, onde os participantes poderán gozar de actividades náuticas como surf, paddle surf ou kayak, así como roteiros e xogos fóra da auga, o programa ofrece outras doce propostas distribuídas por toda a xeografía galega, que inclúen gincanas, xeoaventura, rastrexo de fauna ou tiro con arco, entre outras actividades. Así, na provincia da Coruña, Teo acollerá Actividades multiaventura e de inmersión e coñecemento do patrimonio natural e cultural a ten Teocio; e na de Pontevedra desenvolveranse Aventura en Paradanta, no concello de Covelo; O noso rural II, en Lalín; Natura II, no Salnés; e Natureza e mar, en Bueu. Ourense, pola súa banda, ofrecerá as iniciativas Somérxete na natureza, na Pobra de Trives; e Acción no Arnoia, en Allariz; e Lugo, A conquista de Foz; Eco-Verán, en Monforte; Aventura na montaña, en Cervantes; A descuberta da Pobra do Brollón; e Xeocampamento nas montañas do Courel, en Folgoso do Courel.

Estas localizacións súmanse ás ofertadas nos campamentos e nos campos de voluntariado que, xunto aos minicampamentos, integran a programación da Campaña de Verán, que chegará en 2021 a máis de 7.800 beneficiarios. En todos eles manteranse as medidas de protección fronte á covid-19 postas en marcha o ano pasado, que inclúen a redución do aforo, a incorporación escalonada das rapazas e rapaces, o reforzo do persoal monitor e o incremento das medidas hixiénicos-sanitarias.

Máis información e inscricións: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran

Amplíase o prazo ata o día 24 de setembro para que os centros educativos soliciten o programa Correspondentes Xuvenís da Dirección Xeral de Xuventude, participación e Voluntariado para o curso 2021/2022.

A Consellería de Educación convoca o Plan Proxecta+ en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial pero que ademais estean comprometidos coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

Un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que fomenten o papel activo do alumnado ante os desafíos sociais, económicos e medioambientais da sociedade actual e do futuro e poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.

ponteareas ies barral

Neste curso escolar ofrécense 42 programas educativos, entre os que está Correspondentes Xuvenís

Correspondentes xuvenís é un programa que pretende contar cunha antena informativa en cada centro educativo. Será o alumnado quen se responsabilice de recoller a información que se lles envíe desde Xuventude, Espazo Xove ou OMIX do seu concello e de difundila entre o resto do alumnado do centro, contando co apoio do persoal do centro coordinador de información xuvenil e co profesorado participante no programa.

O prazo para solicitar o programa a través do Plan Proxecta estará aberto ata o 24 de setembro de 2021 !!!

A partir da vindeira semana, o Centro sociocomunitario de A Coruña e a Residencia Altamar de Vigo súmanse aos puntos de activación xa habilitados polo territorio galego. Deste xeito, serán 36 os lugares onde as mozas e mozos poderán activar o carné, 12 deles na provincia da Coruña, cinco en Lugo, sete en Ourense e 12 na provincia de Pontevedra. Con estas novas localizacións, o Goberno galego procura axilizar o servizo de activación desta iniciativa, que está a ter un grande éxito entre a mocidade.

Esta tarxeta, vixente desde hai máis de tres décadas en Galicia, é por primeira 100% gratuíta e ilimitada. Isto quere dicir que a Xunta de Galicia está a enviar de oficio o Carné Xove ao domicilio dos 400.000 galegos e galegas de entre 12 e 30 anos sen necesidade de solicitalo, de que paguen ningunha taxa nin tampouco de renovalo, posto que xa non ten data de caducidade como ata o de agora, senón que estará en vigor ata que a persoa cumpra os 31 anos.

Se as mozas e mozos xa tiñan o carné antes de que se lles enviara á casa, simplemente recibirán un novo coa imaxe actualizada da tarxeta e xa estará listo para utilizar. Aqueles que non tiñan Carné Xove con anterioridade, o que deberán facer é activalo nalgún dos puntos habilitados en toda a Comunidade para completar un número de identificación. Este é o único proceso que necesitarán facer para gozar de todas vantaxes do Carné Xove de xeito ilimitado ata o máximo de idade. É importante sinalar que o prazo para activalo, dun mes, é flexible.

Máis información sobre o carné xove en: http://xuventude.xunta.es/carnes-para-a-mocidade/carne-xove

Reforzo dos puntos de activación do Carné Xove

  • A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou hoxe co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González, un convenio de colaboración no Hotel Meliá María Pita da Coruña
  • O Goberno galego está a enviar o Carné Xove, que xa é gratuíto e indefinido, ao 100% das mozas e mozos de entre 12 e 30 anos

A Xunta de Galicia e o Clúster de Turismo ofrecerán co Carné Xove un desconto do 10% en medio cento de establecementos turísticos da comunidade. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asinou hoxe co presidente deste organismo, Cesáreo González, un convenio de colaboración no Hotel Meliá María Pita, na Coruña, polo que unhas 400.000 persoas de entre 12 e 30 anos terán vantaxes na hospedaxe, na compra de produtos ou na adquisición de servizos turísticos en hoteis, casas rurais, cámpings ou balnearios.

Trátase dunha das iniciativas postas en marcha polo Goberno galego o pasado mes de decembro para dar continuidade a este carné con tanta tradición na Comunidade e que inclúe descontos no ámbito cultural, no aloxamento, nos transportes, no comercio ou no ensino. Unhas vantaxes que son recoñecidas en toda España e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo.

Fabiola García sinalou, entre outras novidades desta axuda, que pasará a ser gratuíta, indefinida e accesible ao 100% da xuventude galega. Así mesmo, a Xunta porá en marcha unha aplicación móbil que permitirá ter acceso a un listado de descontos e promocións xeolocalizados e ofreceranse descontos no establecementos locais adheridos á Federación Galega de Xoves Empresarios.

Establecementos adheridos

Os establecementos que ofrecerán descontos na provincia da Coruña serán: Altavela Servicios Náuticos (Sada), Casa Rural Muiño Das Cañotas (Cariño), Casa Lourán (Monfero), Casas Do Campo (Monfero), Hotel Hesperia A Coruña Centro (A Coruña), Grandes Pequeñas Casas (Santiago de Compostela), Hotel La Terraza (Miño), Hotel Alda El Suizo (Ferrol), Entre Os Ríos Casa Rural (A Pobra do Caramiñal), Vertigo Aventura (Lousame), Asociación Profesional De Guías De Turismo De Galicia (Santiago), Meliá Maria Pita (A Coruña), Hotel Oca Insua (Cee), Hotel Tryp Santiago (Santiago) e Viaxes Galitur (Ferrol).

En Lugo os establecementos dispoñibles: O Tumbin Ponte Dos Santos Restaurante (Ribadeo), Aisi Art (Ribadeo), Isla Nova Hotel (Foz), Duerming Villa De Sarria (Sarria), Hotel Pazo De Berbetoros (Portomarín), Balneario Do Río Pambre (Palas de Rei) e Hotel O Val De Naseiro (Viveiro).

Na provincia de Ourense faranse descontos en: apartamentos Ribeira Sacra (Parada de Sil), Xuresactivo Experiencias (Lobios), Adegas Celme (Castrelo de Miño), Complexo Turístico Do Couto Mixto (Baltar), Hotel O Balcón Da Ribeira (Parada de Sil) e Carrioza Aloxamento (Parada de Sil).

Por último, en Pontevedra atópanse os seguinte establecementos: Casa Rodiño (Meaño), Señorío De Rubiós (As Neves), Hotel Montemar (O Grove), Camping Muiñeira (O Grove), Essenzial Home Galicia (O Grove), Hotel Tryp Los Galeones (Vigo), Hotel Peregrina (Portonovo), Galiwonders (Pontevedra), Hotel Sena (Caldas de Reis), Viajes Fisterra Slu (Sanxenxo), Albergue Rincón Del Peregrino (O Porriño), Adrenalicia Parque De Paintball (O Grove), Alecrin Actividades Y Aventura (Vigo), Camping Liméns (Cangas), Hotel Ría Mar (Meaño), Hotel Gaivota (Sanxenxo), Hotel O Castro (O Grove) e Paris Dakart Área Recreativa (Sanxenxo).

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado abre un prazo para solicitar o uso de instalacións xuvenís para a realización de programas de ocio educativo e tempo libre durante a campaña de verán 2021 para colectivos xuvenís.

Servizos ofertados:
a) Servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.
b) Material, excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación e que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.
c) Xerencia e persoal de servizo.

Quendas:

quendas

Tarifas: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160408/AnuncioG0425-010416-0001_gl.html

Entidades e grupos destinatarios:
1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.
2. Os consellos locais e municipais de xuventude.
3. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa xuventude.
4. Grupos de persoas mozas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

As solicitudes presentaranse en https://sede.xunta.es co procedemento BS304A
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de maio de 2021.
Máis información no DOG do 19 de maio de 2021 e en http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran/oferta-concertada

RESOLUCIÓN. Adxudicación do uso de instalacións xuvenís: DOG do 21 de xuño de 2021

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca a Campaña de verán 2021 cun programa de actividades cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do lecer e o tempo libre

Poden solicitar a súa participación nas actividades ofertadas nesta convocatoria as persoas mozas residentes en Galicia.

Requisitos:
- Idade mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2021:
As persoas nacidas no ano 2003 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
As persoas nacidas no ano 2012 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.
- Para ser admitido/a no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio nin sintomatoloxía compatible co COVID-19.
- Saber nadar para os campamentos que inclúan na súa programación actividades de auga.
- Ningunha persoa participante poderá ser admitida en máis dun campamento por ano. A praza adxudicada será intransferible.

Prazas de inclusión: As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán participar nesta convocatoria cumprindo os seguintes requisitos:
a) Facer constar a súa condición na solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios, se os precisar.
b) Que no certificado de recoñecemento de discapacidade non se recolla a necesidade de axuda de terceira persoa.
c) Ter capacidade de integración nun grupo e que as súas limitacións e/ou necesidades especiais lles permitan participar e beneficiarse das actividades que se van desenvolver no destino que soliciten.
En función do tipo de discapacidade, poderá exceptuarse, de ser o caso, o requisito de saber nadar. Neste suposto, a persoa menor con discapacidade non poderá participar nas actividades de auga.

As persoas menores en situación de tutela ou garda pola Administración e que se atopen en acollemento residencial poderán participar nesta convocatoria e deberán indicar esta condición no anexo de solicitude, marcando o recadro correspondente.

Tipos de solicitude:
As solicitudes poderán presentarse de forma individual ou múltiple
- As persoas que presenten unha solicitude individual de prazas deben utilizar o formulario BS303A
- As persoas con discapacidade que opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión deben utilizar o formulario BS303G
- As persoas que presenten unha solicitude múltiple deben empregar o formulario BS303F
- As persoas con discapacidade que presenten unha solicitude múltiple para prazas reservadas para inclusión deben utilizar o formulario BS303H

A solicitude múltiple admitirase para o suposto de dous/dúas, tres e ata catro irmáns/ás. As persoas menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar tamén se poderán incluír na solicitude múltiple, equiparándose a súa situación a dos/as irmáns/as.

Oferta de prazas tanto para inclusión como prazas xerais: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran/anexos-accion-de-veran

Descontos:
As familias numerosas e familias monoparentais terán un desconto do 50 %
As persoas usuarias do Carné xove gozarán dun desconto do 25 %

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de maio de 2021

Máis información no DOG do 19 de maio de 2021 e en http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran

A Conselleira de Política Social, Fabiola García, sinala que a campaña de verán ofrecerá un "lecer seguro" á mocidade galega tras os esforzos realizados no último ano.

- Contará con 7.830 prazas, mil máis que o ano pasado
- Haberá 185 prazas destinadas a persoas con discapacidade de entre 11 e 41 anos e outras 60 a menores tutelados
- O prazo de solicitude será de sete días hábiles e comezará o xoves 20 de maio, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia
- Incorpóranse catro novas sedes de campamentos: Bande, Parada de Sil, Cabana de Bergantiños e Silleda
- Recupéranse os intercambios bilaterais con outras Comunidades Autónomas que se suspenderan o ano pasado por mor da pandemia
- Súmanse 13 novos campos de voluntariado ata chegar a un total de 40

O lema da campaña será ‘O verán que mereces’ para agradecer o comportamento exemplar da mocidade galega durante os últimos meses de pandemia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que a campaña de verán ofrecerá un “lecer seguro” á mocidade galega tras os esforzos realizados no último ano. Así o manifestou durante a presentación do programa de actividades que se desenvolverá nos meses de xullo, agosto e setembro e que porá á disposición da xuventude galega un total de 7.830 prazas, mil máis que o ano pasado.

O prazo para pedir solicitude será de sete días hábiles e comezará o vindeiro xoves 20 de maio, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Fabiola García sinalou que, como cada edición, inclúense tamén prazas reservadas para persoas con discapacidade de entre 11 e 41 anos —un total de 185—, así como para rapaces tutelados —outras 60 prazas—. Dentro da oferta desta campaña figuran campamentos para nenas e nenos de 9 a 17 anos, intercambios con outras comunidades autónomas, campos de voluntariado para maiores de 18 anos e minicampamentos ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos.

Durante a presentación, realizada no campamento xuvenil Virxe de Loreto, en Porto do Son, a conselleira destacou tres novidades da campaña deste ano. Por un lado, incorpóranse catro novas instalacións de campamentos: Bande, Parada de Sil, Cabana de Bergantiños e Silleda; recupérase o programa de intercambios bilaterais que se suspendera o ano pasado por mor da pandemia; e sumaranse 13 novos campos de voluntariado, ata chegar a un total de 40.

‘O verán que mereces’

O Goberno galego manterá este ano o protocolo específico fixado no ano pasado para os campamentos de verán. Fabiola García apuntou que Galicia apostou polos campamentos de verán cando ninguén o facía e logrouse realizar unha campaña sen ningún caso positivo. Por este motivo, continuarase a implantar medidas a redución do aforo, a incorporación escalonada das rapazas e rapaces, o reforzo do persoal monitor ou o incremento das medidas hixiénicos-sanitarias.

A conselleira puxo en valor os esforzos realizados pola xuventude galega durante este último ano. “Lonxe dos estereotipos que a perseguen, hai unha mocidade responsable, consciente e comprometida”, apuntou. Por todo iso, esta campaña de verán ten por lema ‘O verán que mereces’, como recompensa por todos os esforzos, bo comportamento e exemplo que demostraron durante este tempo.

A conselleira de Política Social, Fabiola García celebrou durante a inauguración da exposición de Xuventude Crea no Mercado Municipal de Ribeira “os referentes novos cheos de talento e creatividade” dos que pode presumir Galicia. A mostra, que ten carácter intinerante, fai un percorrido polos últimos dez anos do certame e poderá visitarse en diferentes localizacións ata abril de 2022.

A exhibición, que se poderá ver cada mes nun lugar diferente ata chegar ás doce localizacións previstas, comeza en Ribeira, onde estará todo o mes de maio, e continuará en Lalín, onde permanecerá o mes de xuño; Vigo, en xullo; Tui, en agosto; Noia, en setembro; Lugo, en outubro; Ourense, en novembro; e, por último, estará en Santiago de Compostela todo o mes de decembro. De cara ao 2022 especificaranse as datas nas que recalará nos seus seguintes destinos: as cidades da Coruña, Pontevedra, Ferrol e Chantada.

Durante o acto inaugural da exposición, a conselleira de Política Social explicou que os obxectivos principais deste programa son, por unha banda, coñecer algunhas das mostras máis senlleiras da creatividade xuvenil e, por outra, permitir aos seus artífices amosar o seu talento en varios lugares da comunidade.

Récord de participación

Fabiola García recordou que o pasado ano medio milleiro de mozas e mozos se presentaron ao certame, o que supuxo un récord de participación do programa. Este feito, xunto ao compromiso do Goberno galego de seguir a fomentar a creatividade e o talento da mocidade galega, leva á Xunta de Galicia a continuar apoiando estas iniciativas, posto que se trata dun dos principais escaparates para “demostrar ao mundo enteiro que as xeracións máis novas teñen unha enorme puxanza”, recalcou.

Neste sentido, a titular de Política Social lembrou que nos últimos anos se foron incorporando novas categorías ao abano inicial, ata chegar ás 14 actuais. Entre outras disciplinas, o certame organizado pola Consellería premia os mellores traballos en artes plásticas, banda deseñada, cociña, danza moderna, deseño de xoias, fotografía, graffiti, moda, música, poesía, teatro e videocreación. As últimas en sumarse ao programa foron as de creación de videoxogos e novela curta.

Xa podes ver a entrevista con Dani a través do programa TalentoMozo,  en instagram de Xuventude ⁣⁣⁣⁣DANI2

 

⁣⁣⁣⁣Descubrirás unha historia de música, inspiración e emoción da man de Dani; que nos contará a súa experiencia como artista @danic0stas

 

Canle IGTV de Xuventude

 

 

A Xunta de Galicia impulsará as iniciativas e comercios integrados na Federación Galega de Xoves Empresarios (Fegaxe-Aje Galicia) a través da súa adhesión ao Carné Xove. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asinou esta mañá o convenio nun dos negocios que se sumou a esta iniciativa, Nela Biosense, situado no polígono de San Cristovo de Cea. Este acordo permitirá incluír os establecementos da entidade de ámbito autonómico nos descontos e vantaxes desta axuda destinada a mozas e mozos de entre 12 e 30 anos.

Trátase dunha das iniciativas postas en marcha polo Goberno galego o pasado mes de decembro para dar continuidade a este carné con tanta tradición na Comunidade e que inclúe descontos no ámbito cultural, no aloxamento, nos transportes, no comercio ou no ensino. Unhas vantaxes que son recoñecidas en toda España e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo.

Fabiola García sinalou, entre outras novidades desta axuda, que pasará a ser gratuíta, indefinida e accesible ao 100% da xuventude galega. De feito, nas últimas semanas xa está comezando a chegar ás casas das 400.000 mozas e mozos galegos. Así mesmo, a Xunta porá en marcha unha aplicación móbil que permitirá ter acceso a un listado de descontos e promocións xeolocalizados.

Impulso ao comercio local

A conselleira puxo en valor o traballo realizado desde a Federación Galega de Xoves Empresarios impulsando o emprendemento da xuventude e promocionando a súa creatividade e cultura empresarial.

Neste sentido, destacou que con este convenio trátase de achegar o Carné Xove ao comercio local, pero tamén de promover e axudar a estes novos empresarios que se adherirán a lista doutros 1.000 locais xa integrados do ámbito da educación, o ocio, os transportes ou o aloxamento.