Un total de 180 rapaces e rapazas de entre 11 e 13 anos pasarán, en diferentes quendas e durante este verán, polo campamento da Illa de Ons. Esta actividade está enmarcada na campaña de verán que organiza a Consellería de Traballo e Benestar.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe as instalacións deste campamento.
Na quenda actual están a participar un total de 60 mozos e mozas de 12 a 13 anos. A actividade denomínase “Aventura na illa” e inclúe actividades como: sendeirismo guiado, orientación, bicicleta, natureza mariña, astronomía, iniciación á canoa e ao kaiak de mar, e unha travesía en barco para coñecer a illa desde o mar.
Entre os obxectivos destas actividades, sitúase recoñecer a importancia do medio natural no desenvolvemento social, cultural e histórico da illa, e aproveitar os recursos locais; ao tempo que se fomentan hábitos de vida saudábeis, de convivencia e de integración.
Cabe destacar que as instalacións da Illa de Ons tamén forman parte da oferta concertada que organiza Xuventude para permitir que asociacións xuvenís e outras entidades sen ánimo de lucro conten cos medios e instalacións axeitadas para desenvolver os seus programas de lecer e tempo libre. A oferta concertada nestas instalacións desenvolverase entre o 18 e o 29 de agosto.
A campaña de verán oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para isto, a Consellería de Traballo e Benestar está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permite a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.
Valdoviño (A Coruña) e Catoira (Pontevedra) acollen estes días un intercambio xuvenil entre mozos e mozas de Galicia e a Illa A Martinica na que están a participar 20 mozos e mozas que forman parte da asociación Union des jeunes de Monnerot e do colectivo galego Futura XXI.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe en Santiago aos protagonistas desta iniciativa, que baixo o título ‘Voluntariado e medio ambiente: oportunidades contra a pobreza e a marxinación’ busca fomentar actitudes cotidiás de respecto e conservación do medio ambiente; a posta en valor do patrimonio ambiental dos pobos como medio para combater a pobreza; e entender os proxectos de voluntariado como unha forma de compromiso activo e ferramenta para aumentar ou mellorar as competencias cara ao desenvolvemento persoal, social e profesional.
A convivencia permitirá durante 15 días que os 20 mozos e mozas, pertencentes a dúas comunidades, descubran as súas similitudes e diferenzas e coñezan os proxectos de voluntariado ambiental.
Rodeiro destacou que os intercambios xuvenís son “unha gran oportunidade” para a mocidade e, por iso, indicou que un dos eixos do Plan Estratéxico de Xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil. Así, apuntou que a Consellería de Traballo e Benestar xestionará máis de 2.350 prazas neste eido ao longo de 2012 a través de diferentes programas como ‘Xuventude no mundo’, unha iniciativa que a Xunta puxo en marcha en 2010 para que os mozos poidan realizar un programa de actividades noutras partes de Europa. O seu principal obxectivo é obter experiencias de educación non formal no estranxeiro, ampliar o coñecemento doutras linguas, culturas e costumes e incrementar a responsabilidade e potenciar valores como a solidariedade, o voluntariado e a tolerancia.
A cuarta edición deste programa, que vai dirixido a mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos, ofertou este ano 108 prazas para realizar intercambios en 10 países diferentes.
Por último, e no eido do voluntariado, o director xeral destacou que o departamento autonómico puxo en marcha en 2011 o servizo de voluntariado xuvenil, un proxecto piloto inspirado no servizo de voluntariado europeo que en 2012 permitirá a 1.000 mozos e mozas galegos, de entre 18 e 30 anos, incorporarse a proxectos de voluntariado que leven a cabo entidades e os concellos de Galicia que estean inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
Os proxectos que se subvencionen teñen de media unha duración de entre 15 días e dous meses e financiarase un máximo de 8 persoas voluntarias por iniciativa. Ao rematar cada actuación, os seus participantes poden obter unha certificación oficial da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que lles servirá para acreditar curricularmente a experiencia adquirida.
Un total de 40 mozos de 9 nacionalidades diferentes están a participar nesta primeira quincena de agosto nos dous campos de traballo internacionais que se están a celebrar na provincia de Ourense: un na capital ourensá e outro en Celanova.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron hoxe aos mozos e mozas que están a tomar parte nas diferentes actividades de voluntariado e mobilidade e destacou que estas actuacións supoñen “crear un espazo de convivencia e solidariedade xuvenil, onde os participantes reciben a través desta experiencia uns valores moi positivos a través dun proceso de educación non formal que é de gran utilidade para o futuro”.
Rodeiro desprazouse en primeiro lugar ao campo de traballo que se está a celebrar na capital ourensá, que está centrado na dinamización social e cultural. O seu obxectivo fundamental é fomentar a participación dos voluntarios nas actuacións de servizo á comunidade a través do deseño, planificación e posta en marcha de iniciativas relacionadas co patrimonio e o turismo da cidade de Ourense e os seus arredores.
Para elo, os mozos e mozas realizan actividades de difusión na rúa, creación de performances turísticas e de documentais turísticos. Neste campo de traballo están a tomar parte mozos e mozas de Taiwán, República Checa, Francia, Rusia, Brasil, Cuba, Galicia, Andalucía e Canarias.
Pola súa banda, o campo de traballo de Celanova é de carácter sociocultural e as súas actividades xiran ao redor da programación da asociación Terras de Celanova e da residencia da terceira idade da mesma localidade. Ademais, tamén se levan a cabo actuacións coa Fundación Curros Enríquez e o propio Concello de Celanova, entre as que destaca a sinalización do xacemento arqueolóxico de Castromao, un dos principais referentes da cultura castrexa do noroeste peninsular.
A visita a este xacemento permite coñecer como foron os primeiros asentamentos sociais no noroeste da península na Idade de Bronce, así como a súa evolución no tempo, ademais do proceso de adaptación das estruturas aos novos tempos e ás novas necesidades construtivas.
Nesta iniciativa están a participar mozos de Italia, Francia, Rusia, México, Brasil, Galicia, Castela e León, Andalucía, Madrid, País Vasco, Estremadura e Aragón.
Os dous campos de traballo de Ourense forman parte da campaña de verán da Consellería de Traballo e Benestar, que oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para isto, o departamento autonómico está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permitirá a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.
Preto de 220 mozos e mozas participarán durante este verán nas actividades do campamento xuvenil “Furelos” e no campo de traballo “Babelia”, ambos situados en Melide.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe ambas instalacións.
No campamento xuvenil de Furelos terán participado, ao final do verán, 180 rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos, repartidos en quendas de 60 participantes. Nesta quenda, están a tomar parte nas actividades mozos e mozas de entre 12 e 14 anos.
O programa que se desenvolve nestas instalacións denomínase “En bicicleta e cabalo na natureza”, e comprende actividades lúdicas e de aventura co obxectivo de promover a educación e participación social na conservación dos recursos.
Entre as distintas actividades que se están a levar a cabo, inclúese a de iniciación á equitación, sendo este o único campamento galego desta campaña de verán que inclúe este recurso. Tamén se organizan saídas en bicicleta de montaña en grupos reducidos, rutas de orientación, iniciación ao tiro con arco e rutas interactivas de sendeirismo.
Pola súa banda, o campo de traballo “Babelia” é unha actividade de voluntariado e mobilidade de dinamización social, baseado na inmersión lingüística e na importancia histórica das diferentes linguas e culturas traídas polos peregrinos a través dos séculos.
Os participantes nesta actividade realizarán actividades de dinamización e apoio lingüístico a peregrinos e veciños de Melide. Está dividida en dúas quendas, con 20 participantes cada unha. A primeira delas comezou onte, con participantes de entre 18 e 30 anos procedentes de 9 nacionalidades distintas: República Checa, Francia, Italia, España, Arxentina, Holanda, Eslovaquia, Estados Unidos e Turquía. Entre os participantes españois, hai galegos, andaluces, castelán leoneses e canarios.
Na segunda quenda participarán outros 20 mozos e mozas que virán de Alemaña, Reino Unido, Grecia, Turquía, Rusia, Italia, Arxentina, Aragón, País Vasco, A Rioxa e Galicia.
A campaña de verán oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para isto, a Consellería de Traballo e Benestar está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permitirá a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.
A carpa de xuventude empezou a súa andaina no 2010 e foise consolidando no 2011 e 2012. Así cada vez son máis as entidades e os concellos galegos que se suman a esta iniciativa, que responde ao obxectivo de fomentar e promover actividades de educación non formal para que a xuventude desenvolva todas as súas capacidades de emprender accións de participación social, creatividade, asociacionismo, voluntariado ou empregabilidade. Entre os meses de xullo, agosto e setembro, este escenario móbil desprazarase ata 33 concellos galegos
En cada concello ofrecerase información e asesoramento sobre os recursos e os programas para a xuventude: Iniciativa Xove, a liña de axudas para a obtención do carné de conducir, voluntariado xuvenil e ambiental, os programas de mobilidade xuvenil, os distintos carnés de desconto para a mocidade as prestacións do servizo Quérote +, os proxectos de cooperación tranfronteirizos Galicia – Norte de Portugal, ente outros.
Durante o mes de agosto, a carpa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado estará presente nos seguintes Concellos.
Os/as participantes na “Ruta en Kaiak de Mar 2012: Illa de San Simón” acudiron a visitar o conxunto do Castelo de Soutomaior dentro das actividades socioculturais que o mencionado programa desenvolve polas tardes en alternancia coa navegación da mañán.
O acto contou coa presenza de diversas autoridades locais e autonómicas. Por parte da Consellería de Traballo e Benestar, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato, a delegada da Xunta en Vigo , María José Bravo Boch, e a xefa do Servizo de Xuventude e Voluntariado de Pontevedra, Belén Queizán Piñeiro. Do Concello de Soutomaior estivo presente o seu alcalde, Agustín Reguera Ocampo, así como a concelleira de Educación, Fátima Vidal. As autoridades asistentes interesáronse pola opinión dos/as participantes, supervisando a labor do equipo técnico.
Asemade, amosaron o importancia de iniciativas como as “Rutas en Kaiak de Mar 2012: Illa de San Simón” onde a colaboración entre concellos e a Consellería de Traballo e Benestar, permiten ofertar propostas de lecer novidosas á mocidade galega.
A Consellería de Traballo e Benestar, no marco da Campaña de Verán 2012, desenvolve durante os meses de xullo e agosto o programa “Acción dVerán’12”, orientado a mozos/as entre os 18 e os 35 anos, nos que oferta un amplo abano de actividades que van desde “Rutas coñece Galica ” ata “Aventura e deporte”, pasando por “A Coruña Express ” (estadías de 4-5 días por grupos e parellas desenvolvendo actividades de lecer e culturais) ou “H2o+” (actividades deportivas e de coñecemento do medio fluvial e marítimo).
Dentro desta programación atópase a “Ruta en Kaiak de Mar” que percorre nestas embarcacións as Rías Baixas. A convocatoria do 2012 corresponde á denominada “Illa de San Simón” que, dende o xoves 2 ao luns 6 de agosto percorre a Ría de Vigo pasando polo Concello de Soutomaior.
Os/as 25 participantes, que teñen como único requisito previo (xunto ca idade) saber nadar, disfrutan dunha actividade de
aventura, con tránsitos en diferentes portos e illas. O programa está orientado para todos aqueles/as que queiran vivir a navegación recreativa polas Rías Baixas en kaiak de mar, combinando esta con actividades de tempo libre.
Deste xeito, os/as participantes desfrutarán dunha xornada de navegación durante a mañán e pola tarde visitan as diferentes localidades polas que se navegan, descubrindo as súas paisaxes e xentes.
O programa é produto da colaboración entre a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e os diferentes concellos polos que se transita, así como da Fundación Illa de San Simón, contribuído á divulgación e promoción da nosa cultura mariña entre os/as máis novos/as. A idea non é tanto desenvolver unha actividade estritamente deportiva, senón máis ben mesturar esta co lecer propio destas datas recorrendo ao marco privilexiado das Rías galegas e todas as posibilidades que a este respecto ofrecen.
Durante a navegación, que se realiza en embarcacións individuais e dobres, os/as mozos/as contan coa asistencia dun equipo técnico formado por un director titulado en tempo libre, dous guías de kaiak (un deles tamén monitor de actividades de tempo libre) así como un terceiro técnico de tempo libre de apoio. Compre facer mención á colaboración da Fundación Illa de San Simón e de todo o seu equipo de traballo implicados activamente no desenvolvemento da actividade.
Seguindo os criterios rigorosos de asistencia e seguridade dos/as intervintes , a navegación é asistida tamén por terra con vehículos (furgoneta) e técnicos/as que seguen o percorrido en permanente comunicación co equipo en navegación. Aos medios antes reseñados súmase un remolque para as embarcacións da Federación Galega de Piragüismo que colabora, como en anos anteriores, no programa.
Na presente convocatoria navégase en kaiaks de mar (individuais, K1, e dobres, K2) e lévase como acompañamento e asistencia unha embarcación de apoio. Polas tardes particípase en visitas programadas a lugares de interese (museos, rutas de sendeirismo, visitas guiadas a lugares históricos, eventos locais,…) coa colaboración do departamento de mocidade do Concello de Soutomaior. A todo isto súmanse actividades recreativas e deportivas como snorkel, banana acuática, sendeirismo, esquimotaxe, dinámicas de rol, playing e actividades alternativas.
A “Ruta Illa de San Simón”, dividida en cinco xornadas comeza cunha etapa de aclimatación ás embarcacións así como de posta en práctica de nocións básicas de navegación. O segundo día a travesía encárase ao veciño Concello de Soutomaior, visitando pola tarde o seu Castelo. O sábado a navegación dirixiuse a San Adrián de Cobres, Ponte de Rande e Meira. A cuarta xornada retornouse a Arcade, remontando o río ata a ponte colgante e realizando prácticas de rescate e esquimontaxe. A actividade remata o luns tras unha visita cultural.
Un total de 281 rapaces de idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos pasarán este verán polo campamento xuvenil Penedos de Xacinto, da localidade ourensá de Entrimo, dentro da campaña de verán organizada pola Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial de dita consellería, José Selas, visitou esta mañá aos 86 mozos e mozas que participan na quenda do 2 ao 13 de agosto neste campamento. Durante a súa estadía en Entrimo os rapaces poderán participar en actividades de aventura e deporte que inclúen escalada en rocódromo, piscina, sendeirismo, rutas ecolóxicas e en bicicleta, piragüismo....Tamén se realizarán competicións deportivas, obradoiros, excursións, xogos e unhas xornadas de astronomía.
A Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado oferta campamentos de intercambio con outras comunidades autónomas, que contempla a participación de mozos galegos nos albergues xuvenís de Cantabria, País Vasco, Estremadura, Castela León, Rioxa e Navarra. Pola súa banda, mozos destas seis comunidades tamén participan na Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Concretamente, no campamento de Entrimo nesta quenda hai quince rapaces rioxanos e o resto son galegos.
Campaña de verán
Nesta campaña de verán a Xunta de Galicia oferta na totalidade da comunidade máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo. O orzamento total desta iniciativa ascende a preto de 2,4 millóns de euros. Este investimento permite que as empresas de ocio e tempo libre poidan contratar este verán a ´máis de novecentos monitores, na súa gran maioría xente nova.
Preto de 470 mozos e mozas de entre 9 e 17 anos participarán durante este verán nos campamentos que se están a levar a cabo no albergue xuvenil de Portomarín e na instalación “Os Chacotes” de Palas de Rei.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, desprazouse hoxe ata estes dous centros, para coñecer de preto as súas actividades.
No caso do campamento xuvenil “Os Chacotes”, durante esta quenda están a participar no mesmo 60 mozos e mozas de entre 12 e 14 anos. O programa, que se denomina Aventura-T, propón actividades de escalada en rocódromo, bicicleta todoterreo, rotas de sendeirismo, actividades ao aire libre e piscina.
Pola súa banda, o albergue de Portomarín acolle nesta primeira quincena de agosto a 50 nenos e nenas de entre 9 e 11 anos. O campamento leva por título “Xogando no encoro. A nosa primeira aventura”, e conta con actividades con kaiak por augas bravas no río Ferreira, iniciación á escalada, minigolf, rotas en bicicleta todoterreo, piscina activa e sendeirismo.
Rodeiro lembrou que a provincia de Lugo é a segunda galega con máis prazas na campaña de verán, cun total de 1.818. Ademais destas dúas instalacións, na provincia tamén se organizan actividades no albergue xuvenil de Area (Viveiro), no campamento xuvenil da Devesa (Ribadeo), e no complexo xuvenil Lug II da capital.
A campaña de verán oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para isto, a Consellería de Traballo e Benestar está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permitirá a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.
A Consellería de Traballo e Benestar abre hoxe o prazo de inscrición para que os mozos e mozas galegas, de entre 18 e 30 anos, podan acudir ás actividades programadas en Braga, a cidade lusa elixida este ano como a Capital Europea da Xuventude.
Para elo, a Dirección Xeral de Xuventude oferta un total de 90 prazas distribuídas en tres fins de semana diferentes, unha iniciativa que inclúe aloxamento en Braga e servizo de transporte desde as cidades de Santiago, Pontevedra e Vigo. Deste xeito, ofértanse 30 prazas para os fins de semana do 12 de agosto e 1 e 8 de setembro. Os interesados poden cursar xa a súa solicitude a través da web www.xuventude.net.
Os participantes poderán acudir o 12 de agosto, con motivo do Día Internacional da Xuventude, a diversas actividades de animación na praia fluvial de Adaúfe. Haberá 6 horas de música ininterrompidas coa presenza de bandas musicais emerxentes e DJ’s relevantes do panorama musical actual.
A música tamén será a protagonista nas actividades do 1 de setembro. Celebrarase a ’Ponte party People’ con grupos musiciais e DJ’s no parque de Braga. E o 8 e 9 de setembro descorrerá a ‘Noite Branca’, un evento de 24 horas que ten como obxectivo principal transformar Braga nunha gran instalación artística, abrindo ininterrompidamente todas as áreas de entretemento, tanto espazos públicos e privados. Este evento permitirá a animación continua das rúas da cidade de Braga, con distintos espectáculos de artes performances e circenses, música e proxección multimedia, entre outros.
A posta en marcha destas prazas para a mocidade galega é unha iniciativa enmarcada dentro do proxecto Emprende, financiado polo programa de cooperación transfronteiriza galicia-Norte de Portugal (Poctep). Un dos obxectivos principais deste proxecto é a mobilidade xuvenil e o intercambio de experiencias entre mozos de Galicia e o norte de Portugal.
Consulta as normas de participación
Formulario de inscripción PRAZAS ESGOTADAS (Actualización 06/08/2012)
Sete prazas de Santiago converteranse nos próximos días en sete ‘Teatros de Pedra’, onde 9 mozos e mozas creadores desenvolverán diferentes representacións artísticas para dinamizar estes lugares emblemáticos da cidade e, desta forma, dar a coñecer a Europa Atlántica e a cultura galega.
Trátase da iniciativa ‘Imaxina Atlántica: Teatros de pedra’ que organiza a Dirección Xeral de Xuventude ata o 13 de agosto, cuxa programación presentou hoxe no Concello de Santiago o responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, acompañado polo concelleiro de Xuventude, Adrián Varela.
Entre as actividades programadas destaca, así, a creación dun percorrido turístico alternativo na cidade a través das artes da música, escultura, grafiti, expresión corporal ou a danza, entre outros, nas prazas de San Finz, A Sal, Oliveira, Teatro, San Roque, San Miguel e Inmaculada e en Entremuros e rúa Campás de San Xoán. Deste xeito, nos distintos emprazamentos mostraranse aos viandantes a través da da luz, o son e doutras expresións artísticas os aspectos máis peculiares da cultura galega e doutras partes da Europa Atlántica.
“O que pretendemos é promover e estimular a creación de artistas novos dentro dos parámetros da arte actual e promover o intercambio urbano a través dos artistas”, apuntou Rodeiro, ao tempo que resaltou a importancia de crear actividades artísticas relacionadas coa mocidade e fomentar un punto de encontro entre mozos e mozas creadores e non creadores, “pero con inquedanzas artísticas que fagan unha posta en común”.
Rodeiro sinalou, ademais, que esta actividade está enmarcada no proxecto ‘Imaxina Atlántica: espazo atlántico, territorios creativos innovadores’, aprobado ao abeiro do proxecto ‘Espazo Atlántico’, no que participan rexións de España, Francia, Reino Unido e Portugal.
“As actividades que compoñen o proxecto, ademais de seminarios técnicos internacionais, apostan polo intercambio de mozos e mozas profesionais e a creación de circuítos turísticos e culturais”, afirmou o director xeral.
Os diferentes teatros
O teatro da Praza de San Finz recollerá unha mostra de escultura en papel maché e ganchillo con tres temáticas diferentes: a chegada do Apóstolo Santiago na barca; o avistamento da estrela polo monxe Paio; e, por último, haberá unha recreación das mulleres na Praza de Abastos con referencias á cultura gastronómica galega.
Na Praza da Sal, a través do grafitti, os artistas levarán a cabo unha recreación da maxia e misterio da cultura galega a través do túnel do tempo e na Praza da Oliveira, dedicada á especialidade de videocreación, usarase o olivo como fondo para realizar unha recreación da historia do aceite de oliva en Galicia.
Continuando co percorrido artístico e turístico, en Entremuros establecerase unha instalación interactiva co espectador que poderá aportar un elemento diario á rede de comunicación que se exporá: fotografías, notas ou cartas, entre outros. Ao final de cada xornada, todas elas serán expostas nun blog. Ademais, os viandantes poderán contemplar unhas proxeccións de sombras de personaxes que atravesaban as sete portas da cidade de Santiago. Este teatro prolongarase ata a Agalia de Abaixo e a Praza do Teatro.
Na Praza de San Roque a temática será a música e a pintura a través de grandes murais que embelecerán os muros e a fonte, de onde emanarán personaxes musicais que lembran as cancións do Camiño de Santiago.
A canción tradicional será a protagonista na Praza de San Miguel a través dunha participante de orixe arxentina e a expresión corporal destacará na rúa Campás de San Xoán cunha performance que ensinará o paso do tempo no Camiño de Santiago.
Por último, na Praza da Inmaculada haberá unha intervención multidisciplinar de todos os participantes do programa. O resumo de todas as creacións artísticas converterase nun gran soño atlántico.