O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na iniciativa que organiza a Consellería de Traballo e Benestar baixo o lema ‘A xestión da acción voluntaria’
O obxectivo é que a actividade se converta nun espazo de encontro e interacción dos axentes de participación social e voluntariado de Galicia
A celebración destes debates enmárcase no III Plan Galego de Acción Voluntaria, un documento que foi consensuado co sector para mellorar a situación actual das persoas voluntarias en Galicia
Os próximos foros terán lugar o 15 de novembro na Coruña e o 13 de decembro en Santiago
O IV Foro Galego de Solidariedade que organiza a Consellería de Traballo e Benestar estase a celebrar hoxe en Ferrol baixo o lema ‘A xestión da acción voluntaria’. Máis de 60 profesionais vinculadas á xestión do voluntariado, tanto de concellos como de entidades sociais como Cruz Vermella, Cogami ou Aspronaga, están a debater sobre os modelos de xestión do voluntariado.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe nesta iniciativa, onde destacou que o obxectivo principal desta actividade é converter estes debates “nun espazo de encontro e interacción dos axentes de participación social e voluntariado de Galicia” para estimular a reflexión e o debate para achegar conclusións compartidas sobre aspectos cruciais para o desenvolvemento das entidades de acción social e solidarias de Galicia.
A dinamización da cuarta edición deste foro está a ser realizada por un grupo composto por técnicos e coordinadores de voluntariado de entidades locais de Galicia, polo que os aspectos de xestión da acción voluntaria orientarase a reflexionar sobre o papel que están a xogar as entidades locais de Galicia na dinamización da acción voluntaria.
Rodeiro indicou que esta iniciativa enmárcase na liña estratéxica de sensibilización do III Plan Galego de Acción Voluntaria, un documento que a Consellería de Traballo e Benestar consensuou co sector para mellorar a situación actual das persoas voluntarias da Comunidade autónoma, así como para definir o seu futuro.
O ciclo destes debates rematará este año coa celebración o 15 de novembro na Coruña do foro ‘A contribución social do terceiro sector’ e o 13 de decembro en Santiago coa actividade titulada ‘O traballo na rede no ámbito da solidariedade e a sustentabilidade das entidades do terceiro sector’. O foro de Ferrol toma o relevo aos celebrados en meses pasados en Ourense, Vigo e Lugo. Como resultado deste traballo participativo, publicarase un documento que achegue ás entidades de acción voluntaria, os resultados e conclusións obtidos nos distintos foros celebrados.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, estivo presente hoxe na final do concurso de grafitti que tivo lugar en Santiago
Ao longo do mes de outubro están tendo lugar as comisións de valoración de cada especialidade
Os gañadores de cada unha das especialidades de Xuventude Crea contarán cos seguintes premios en metálico: 3.000 euros para os premiados en primeiro lugar; 1.500 para os segundos; e 1.000 para os terceiros
O certame de creadores novos ‘Xuventude Crea 2012’ recibiu este ano un total de 245 traballos que representan o arte de máis 300 mozos e mozas galegas que se presentaron este ano ao concurso que convoca a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, superando o número dos 185 traballos presentados na última edición do 2010.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, estivo presente hoxe na final do concurso de grafitti que tivo lugar en Santiago enmarcada no Xuventude Crea. O certame deste ano inclúe un total de 11 especialidades diferentes: teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, deseño de xoias e monólogos. A iniciativa, para mozos e mozas de entre 16 e 30 anos residentes en Galicia, contou neste exercicio cun orzamento de 71.150 euros.
Ao longo do mes de outubro están tendo lugar as comisións de valoración de cada especialidade. Ata o de agora os galardóns que se fallaron foron os correspondentes a relato breve, poesía, banda deseñada e videocreación. Ao longo do mes de outubro terán lugar as finais das modalidades restantes e a inicios do mes de novembro coñeceranse os premiados de todas as categorías.
Os nove finalistas de graffiti realizarán hoxe unha exhibición desde ás 9.30 ata as 18.00 horas no Pavillón municipal de Vite en Santiago. Realizarán en directo os seus traballos Brais Rodriguez Trigo, Iván Cabello Camba, Noel Pérez Fungueiriño, Roberto Escariz Ferreira, David Canosa Barreiro, Felipe Covelo Vázquez, Lois Costa Pereiro e o grupo formado por Tirso Juan Paz Sans, Manuel Seijas Fernández e Adrián Mourenza Pena.
Así mesmo, tamén nesta semana está a celebrarse a final de teatro. No referente á especialidade de música ás actuacións dos seis finalistas está prevista para o sábado 27 de outubro a partir das 20.00 horas no Jazz Club Dado Dadá en Santiago. Actuarán os solistas Carlos Gende Prego de Cerceda e Gustavo Esteban Barragán de Pontevedra e os grupos Verso Libre (Vigo), Tío Phil Jazz Group (Meaño), A máquina de meter medo (A Coruña) e Nagai (Marín).
Na modalidade de artes plásticas a exposición das vinte obras finalistas será na Igrexa da USC en Santiago desde o 30 de outubro ata o 9 de novembro, de luns a sábado. A inauguración terá lugar o martes 30 ás 20.00 horas e exporán os seus traballos en escultura: Oliver Requeijo Fernández, Basilia Fiestras Cachafeiro, Carmen Álvarez Campo, Tania Pérez Arribas e Laura Piñeiro Meana; en pintura: Humberto Loureiro Argullós, Olmo Blanco Fuentes, Aida Pérez Donoso, Aida Estrella Vigo Edreira, Soraya Redondo Taboada, Jacobo Lorenzo Nespereira, Marta López López, Joan Morera Arbones e Luis Iván Estévez Martín; e en fotografía: Fabio Alonso Comesaña, Alicia Seoane Orro, Marta González Suárez, Lis García Calvo, Andrea Velado Díaz e Sara Baños Martínez.
Así mesmo na modalidade de deseño de xoias os traballos dos dez finalistas serán expostos dende o 6 ao 24 de novembro na Fundación Eugenio Granell en Santiago. A inauguración da exposición será o 6 de novembro ás 20.00 horas e os traballos expostos serán os de Cecilia Vidal Vázquez, Mar Batallé Pérez, Inés Sánchez Estévez, Raquel Sánchez Ballesteros, Sabela Correa COmesaña, Iria Martínez Rodriguez, Valentín Amoedo Moreira, Paula García Carballal, Iraya Morales Malla e Daniel Rivas Fernández.
Polo que se refire á modalidade de videocreación os traballos dos gañadores serán reproducidos no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña.
Premios
Os gañadores de cada unha das especialidades de Xuventude Crea contarán cos seguintes premios en metálico: 3.000 euros para os premiados en primeiro lugar; 1.500 para os segundos; e 1.000 para os terceiros.
Ademais, os premiados en teatro e música terán a oportunidade de representar as súas creacións nunha serie de actuacións por diferentes concellos galegos. O gañador participará en dúas actuacións e o segundo e terceiro clasificado nunha. Pola súa banda, os tres primeiros clasificados en artes plásticas poderán participar en exposicións colectivas no Circuíto da creatividade.
Ademais, os finalistas dalgunhas modalidades recibirán unha axuda económica para poñer en valor a súa creatividade. Así, en teatro percibirán 650 euros por grupo; na categoría de música recibirán 600 euros por grupo e 300 euros por solista e en graffiti 350 euros por participante.
Os obxectivos fundamentais desta iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar é que os mozos e mozas poidan manifestar a súa inquedanza artística e cultural a través do certame e ao mesmo tempo fomentar a creatividade xuvenil, como mostra do talento que amosa a mocidade galega.
De feito, a Estratexia Xuventude 2013 dedica ao fomento da creatividade e do espírito empresarial un dos eixos principais de acción, propoñendo 20 medidas concretas para as propias iniciativas dos mozos e mozas galegos.
O obxectivo da iniciativa é analizar a actual situación de desemprego en Galicia e España valorando a situación dos mozos e mozas e as perspectivas socioeconómicas
Desenvolveranse relatorios sobre desemprego xuvenil, un panel de experiencias sobre programas europeos de mobilidade e unha mesa redonda sobre emprendemento, entre outras accións
O prazo de inscrición rematará o próximo 9 de novembro
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado celebrará os próximos 23 e 24 de novembro unhas xornadas sobre desemprego, emprendemento e autoemprego xuvenil en Santiago, unha iniciativa enmarcada dentro do proxecto europeo Xuventude en Acción. Poderán participar representantes de asociacións xuvenís, monitores, técnicos de xuventude de entidades públicas, representantes políticos en materia de xuventude, líderes de organizacións estudantís e mozos e mozas non asociados.
Os interesados en tomar parte das xornadas poderán inscribirse a través do portal http://xuventude.xunta.es , ata o próximo 9 de novembro. Ofértanse un total de 75 prazas.
O obxectivo da iniciativa é analizar a actual situación de desemprego en Galicia e España valorando a situación dos mozos e mozas e as perspectivas socioeconómicas de futuro. Así mesmo, presentaranse boas prácticas para o fomento da empregabilidade e a inserción laboral, ao tempo que se fomentará a inclusión dos mozas e mozas con menos oportunidades no mercado laboral a través dos programas europeos e rexionais.
Ademais, establecerase un espazo de traballo e diálogo para facilitar o labor en rede e a cooperación europea en materia de xuventude e darase a coñecer as posibles vías de financiamento que a Unión Europea e outros organismos dispoñen para o fomento da iniciativa empresarial.
O programa das xornadas prevén relatorios sobre o desemprego xuvenil, un panel de experiencias sobre programas europeos de mobilidade, unha mesa redonda sobre emprendemento e autoemprego xuvenil, unha visita a un viveiro de empresas, así como unha exposición de políticas de emprego xuvenil en varios países europeos (Hungría, Italia, Bulgaria, Romanía, Letonia, Turquía, Polonia, España, Portugal e República Checa). Así mesmo, haberá obradoiros de coaching e liderado empresarial.
As charlas enmárcase no eixo 6 do Plan Estratéxico de Xuventude 2013, unha estratexia para a mocidade galega, dentro do obxectivo que busca establecer mecanismos que faciliten o acceso á información sobre aspectos que lle interesan á mocidade, como poder ser a formación, vivenda, emprego u outros temas de interese para a mocidade.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe esta iniciativa nunha rolda de prensa en Santiago
O proxecto chegará a 200 mozos e mozas galegos con idades comprendidas entre os 15 e 30 anos
A caravana visitará Tui, Pontevedra, Lugo, Ourense, Vigo, Santiago, Ferrol e A Coruña e rematará cun seminario final en Braga (Portugal) que terá lugar entre os días 21 e 23 de novembro
A mocidade galega poderá debater sobre os problemas que afectan á xuventude a través do proxecto Galicia Polis, que será realizado en varias cidades galegas con seminarios preparatorios e un seminario final en Braga (Portugal) que terá lugar entre os días 21 e 23 de novembro.
Este proxecto incide na necesidade de que os mozos e mozas participantes expoñan as súas inquedanzas e ideas sobre os problemas da xuventude, as súas vivencias democráticas, os valores europeos e a dinamización xuvenil da Eurorexión Galicia Norte de Portugal.
Estes seminarios serán organizados de conformidade cos principios de educación non formal, voluntariado, integración, diálogo e debate. O proxecto chegará a 200 mozos e mozas galegos con idades comprendidas entre os 15 e 30 anos. En concreto, a caravana visitará Tui, Pontevedra, Lugo, Ourense, Vigo, Santiago, Ferrol e A Coruña.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe esta iniciativa nunha rolda de prensa en Santiago e indicou que a iniciativa contará con oito seminarios preparatorios a través da organización dunha caravana que visitará varias vilas galegas no sentido de convidar a todos os mozos e mozas galegas a aportar a súa achega á construción de novas políticas de xuventude no ámbito de Braga 2012 Capital Europea da Xuventude.
Rodeiro engadiu que “os seminarios serán desenvolvidos nun clima de tolerancia e convivencia, coa pretensión de desenvolver reaccións de respecto mutuo pola diversidade cultural e diferentes grupos políticos, asociativos e sociais”.
O proxecto culminará coa realización dun encontro en Braga con todos os representantes dos diversos seminarios preparatorios cun espírito de representatividade efectiva e realización dun documento orientador.
Este proxecto incide na necesidade de que os mozos e mozas participantes expoñan as súas inquedanzas e ideas sobre os problemas da xuventude, as súas vivencias democráticas, os valores europeos e a dinamización xuvenil da Euro Rexión Galicia Norte de Portugal.
Braga 2012 Capital Europea da Xuventude entende o diálogo estruturado como unha metodoloxía de educación non formal para a promoción da participación activa e como o motor do cambio e desenvolvemento de procesos democráticos.
Do mesmo xeito pretende abrir unha discusión sobre o proceso democrático, a participación dos mozos e mozas, a cidadanía activa e incrementar a súa participación de forma activa e democrática nas estruturas sociais e nas organizacións xuvenís na Eurorexión Galicia Norte de Portugal.
Está dirixido especialmente aos estudantes de ensino de grao superior e ensino medio, a membros de entidades xuvenís, culturais e deportivas do Norte de Portugal e de Galicia.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe ao segundo grupo de voluntarios irlandeses que participa na iniciativa
Para tomar parte do proxecto só se require ser maior de 50 anos e un coñecemento básico do inglés
O custe é de balde ofertándose aos voluntarios e voluntarias aloxamento e pensión completa no albergue elixido, o desenvolvemento dun programa de actividades e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil
Este programa enmárcase no III Plan Galego de Acción Voluntaria (2011-2014)
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, está a organizar un intercambio europeo entre voluntarios de 50 ou máis anos a través do programa Ways of Solidarity (Camiños de Solidariedade) subvencionado pola iniciativa Grundtvig dentro dos programas de aprendizaxe permanente da Comisión europea.
Este programa enmárcase nas accións que contempla a liña estratéxica de promoción do voluntariado establecida polo III Plan Galego de Acción Voluntaria (2011-2014).
O responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe aos dous primeiros voluntarios irlandeses que participan neste proxecto. Procedentes de Belfast, realizarán en Galicia labores de información e colaboración no albergue de peregrinos do Pino e manterán contacto con outras entidades de acción voluntaria de Galicia, onde poderán coñecer de primeira man as actividades realizadas en Galicia e aportar a súa experiencia neste eido.
Dous voluntarias galegas xa viaxaron a Belfast onde compartiron os seus coñecementos e habilidades, ao tempo que participaron en actividades culturais e colaboraron na elaboración de proxectos de voluntariado social.
Neste proxecto poden participar voluntarios ou voluntarias que teñan cumpridos os 50 anos no momento da súa participación e conten cun coñecemento básico do inglés. Non se requiren outras habilidades específicas.
O custe para tomar parte deste programa é de balde, ofertándose aos voluntarios e voluntarias aloxamento e pensión no albergue elixido, o desenvolvemento dun programa de actividades e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil.
Rodeiro destacou que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado puxo en marcha este proxecto para maiores de 50 anos co obxectivo principal de desenvolver un intercambio de aprendizaxe intercultural entre voluntarios e voluntarias sénior de España e Reino Unido. É a primeira experiencia deste tipo en Galicia.
“Con este proxecto queremos animar aos voluntarios maiores a valorar a contribución que poden facer á sociedade e reforzar a mensaxe de que a idade non impide que a xente aprenda”, destacou Rodeiro.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na entrega de diplomas dun curso de monitor sociocultural na localidade coruñesa e presentou unha iniciativa da Asociación Xuvenil Porta da Vila
A área autonómica está a apoiar a segunda edición das xornadas micolóxicas que organiza este colectivo
Ademais está a ofertar un curso de desenvolvemento comunitario que se impartirá entre outubro e novembro deste ano
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado está a apostar polo mocidade de Betanzos co seu apoio a diversas iniciativas xuvenís nesta localidade e a súa comarca, entre as que destaca a oferta de cursos de formación.
Así o responsable desta área autonómica, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na entrega de diplomas dun curso de monitor sociocultural que impartiu a Consellería de Traballo e Benestar. Neste senso, Rodeiro explicou que entre os meses de outubro e novembro porase en marcha unha nova acción formativa dirixida a mozos e mozas, esta vez, centrada no desenvolvemento comunitario. En concreto, ofertaranse 25 prazas. O prazo de inscrición rematará a próxima semana.
Rodeiro destacou que esta iniciativa, que se leva a cabo no Espazo Xove de Betanzos, forma parte do Plan de Formación da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que se está a desenvolver na actualidade.
Ademais, o director xeral de Xuventude e Voluntariado destacou o apoio da Xunta aos colectivos xuvenís galegos como é o caso das actividades que desenvolve a Asociación Xuvenil Porta da Vila de Betanzos.
Ao respecto, á área autonómica está a apoiar as II Xornadas Micolóxicas de Betanzos co obxectivo de poñer en valor entre a mocidade todos aqueles proxectos positivos vinculados a este ámbito como son a sensibilización ambiental e unha forma de ocio saudable en contacto coa natureza.
Deste xeito, as xornadas contarán cunha exposición fotográfica, un curso teórico e varias saídas ao monte para axudar aos participantes a comprender o valor e funcións ecolóxicas dos cogomelos.
Rodeiro destacou, así mesmo, o potencial económico e de emprego que ofrecen as empresas que se dedican ao cultivo e tratamento de cogomelos con fins gastronómicos e medicinais.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, explicou hoxe en rolda de prensa que “se trata do primeiro programa de mobilidade europeo que pon en marcha unha administración autonómica con medio propios”
Galeuropa vai dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos
Os participantes poderán realizar prácticas laborais durante os meses de novembro e decembro en 6 países diferentes: Alemaña, República Checa, Hungría, Polonia, Irlanda e Holanda
Os interesados poden informarse na páxina web http://xuventude.xunta.es/
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, pon en marcha o programa de mobilidade galega Galeuropa para a realización de prácticas laborais no estranxeiro durante os meses de novembro e decembro deste ano, cunha estancia de catro semanas.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, explicou hoxe en rolda de prensa que “se trata do primeiro programa de mobilidade europeo para a realización de prácticas laborais que pon en marcha unha administración con medios propios”. Galeuropa oferta un total de 50 prazas en seis países diferentes: 10 prazas en Alemaña, 10 na República Checa, 10 en Hungría, 10 en Polonia, 6 en Irlanda e 4 en Holanda.
O programa está destinado a mozos e mozas da nosa Comunidade con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. No caso da estancia en Alemaña o programa vai dirixido a mozos e mozas sen formación académica e en situación de desemprego laboral superior aos seis meses. Para os outros cinco países a convocatoria vai dirixida á mocidade, desempregada ou ocupada, que posúe un título dun ciclo medio de formación profesional, aínda que tamén poderán presentarse mozos que posúan estudos en ciclos superiores de formación profesional ou universitarios.
En concreto, as prácticas realizaranse nos sectores da hostalería, turismo, comercio, administración e servizos á comunidade, como é a atención á terceira idade e a persoas con discapacidade.
Rodeiro destacou que “o obxectivo deste programa é incrementar as posibilidades laborais de mozos e mozas en situación de desemprego á vez que se perfeccionan as habilidades lingüísticas”. Do mesmo xeito que esta actividade impulsa o desenvolvementos de habilidades persoais de autonomía e autoestima.
Así mesmo, o director xeral explicou que o departamento autonómico proporciona a cada un dos participantes a empresa onde realizarán as prácticas, un curso de preparación lingüística, o aloxamento, unha axuda económica de 400 euros para a manutención e para a viaxe de ida e volta, un seguro de responsabilidade civil e unha titorización personalizada durante toda a estancia.
Rodeiro tamén recordou que a Xunta conta desde o ano 2009 cun Plan Estratéxico de Xuventude no que están implicados todos os departamentos da administración, así salientou que “un eixe prioritario das políticas de Xuventude desta administración é o destinado ao fomento da mobilidade xuvenil”.
Con respecto ao prazo de inscrición, está aberto ata o 14 de outubro.
O Máster conta coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado
Xuventude vai facilitar a utilización dos Espazos Xove e do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil para que os estudantes do Máster poidan desenvolver os contidos formativos relacionados co labor que se realiza neles
As prácticas que realizarán os alumnos constarán de 300 horas e computarase un crédito por cada 25 horas de prácticas realizadas
A Consellería de Traballo e Benestar colabora coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) no desenvolvemento do II Master de Xuventude e Sociedade, que comezou hoxe.
Despois da boa acollida das prácticas realizadas polos alumnos do I Master de Xuventude e Sociedade nos Espazos Xove da Rede galega de Centros de xuventude, as dúas institucións renovan o convenio de colaboración para a realización desta segunda edición desta iniciativa. O número de prazas dispoñibles para esta segunda edición do Máster é de 25.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar vai facilitar a utilización dos Espazos Xove da Rede Galega de Centros de Xuventude (casas da xuventude) e do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil para que os estudantes do Máster Universitario en Xuventude e Sociedade poidan desenvolver, nos mesmos, os contidos formativos relacionados coa labor que se realiza neles.
Concretamente serán nos Espazos Xove de Ourense, Tui, Vilagarcía, Lalín, Noia, Betanzos, Curtis, Pontedeume, Carballo, Vilalba, Viveiro e Chantada, así como o Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Galicia, ubicado en Santiago de Compostela.
As prácticas que realizarán os alumnos constarán de 300 horas. Computarase un crédito por cada 25 horas de prácticas realizadas. Parte destes créditos ou na súa totalidade poderanlles ser recoñecidas aos alumnos e alumnas que traballan ou traballaron como informadores xuvenís e teñan traballado máis dun ano continuado. Estes créditos recoñeceranse segundo o estableza o programa de estudo.
A coordinación das prácticas correrá a cargo dunha comisión académica, actuando como supervisores o profesorado universitario responsable das materias conforme ao estipulado no plano de organización docente e a coordinación de ditas prácticas corresponderá aos profesionais que actúen como titores das mesmas. Ao remate de cada período de prácticas, os alumnos deberán elaborar unha memoria final sobre o traballo realizado que deberá ser avaliada polos supervisores responsables.
A Consellería de Traballo e Benestar e a Fundación Banesto colaboran para impulsar o espírito emprendedor entre os mozos e mozas galegos. Ambas partes veñen de firmar un convenio de colaboración co fin de traer o programa Yuzz da Fundación Banesto a Galicia. Esta iniciativa, dirixida á xuventude entre os 18 e os 30 anos, ten como obxectivo estimular ideas innovadoras de base tecnolóxica que poidan ser susceptibles de traducirse nun proxecto empresarial.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a directora da Fundación Banesto Sociedade e Tecnoloxía, Victoria Zuasti, presentaron hoxe en Santiago este proxecto. No acto tamén estivo presente a directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González.
Grazas a esta colaboración, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo entrarán a formar parte das outras 35 localidades españolas onde xa está presente este programa da Fundación Banesto, que funciona como un viveiro de formación e asesoramento.
O programa Yuzz pon a disposición dos seleccionados o soporte necesario para desenvolver a súa idea no mercado: unha rede de expertos, formación empresarial, asesorías e titorías personalizadas, unha plataforma de traballo colaborativo en liña, así como todo o soporte administrativo e xurídico preciso en caso de que a súa idea poida materializarse nun proxecto empresarial.
Serán un máximo de 80 o número de participantes seleccionados en Galicia. A convocatoria de recepción de candidaturas permanecerá aberta do 17 de setembro ao 31 de outubro. Para participar, os interesados deberán enviar os seus datos a través dun formulario localizado na web www.yuzz.org.
Unha vez finalizado o proceso de formación e asesoramento de sete meses de duración que se realiza en todos os centros Yuzz, os mellores participantes realizarán unha viaxe a Silicon Valley, a meca mundial da innovación no eido das novas tecnoloxías.
Ademais, ao concluír o ano, os tres mellores proxectos de entre todos os finalistas a nivel nacional recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para colaborar na materialización da súa idea empresarial.
A conselleira valorou que este proxecto constitúa un “programa especializado, de alto rendemento e innovador”, xa que considerou que a aposta polo emprendemento da mocidade debe ser tamén “de calidade”, de xeito que non sexa só un elemento “para lograr un emprego, senón para plasmar ideas que poidan enriquecer á sociedade e xerar valor engadido”.
Pola súa banda Victoria Zuasti, destacou o resultado do proxecto desde o seu inicio en 2009, "desde que comezou Yuzz, e entre as tres edicións, preto do 60% dos participantes teñen creado a súa empresa ou están en constitución. Ata a data, levan pasado por Yuzz 665 participantes e creáronse 393 empresas. Yuzz é un trampolín de talento, e nesta nova edición 80 mozos e mozas galegos terán a oportunidade de desenvolver as súas ideas, apoiados polos mellores profesionais nun contorno de alto rendemento, para convertelas en proxectos empresariais de futuro.”
Por iso, o Goberno galego está a colaborar con esta iniciativa porque se trata dunha “oportunidade para aproveitar o talento que hai, e moito en Galicia, e para seguir apostando polo desenvolvemento das novas tecnoloxías como impulso transversal á sociedade”, subliñou Mato.
Neste sentido, lembrou que esta iniciativa inscríbese nunha liña de traballo máis amplo desta área autonómica, na que destaca a Estratexia Xuventude 2013, que inclúe entre os seus obxectivos principais o fomento da creatividade e o espírito emprendedor. Nesta mesma liña enmárcanse tamén programas como o Emprende, na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. En total, este ano a Xunta investirá 23,6 millóns no fomento de iniciativas emprendedoras, unha aposta que se complementa agora co programa Yuzz.
Nesta cuarta edición da iniciativa posta en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar, os mozos puideron optar a un total de 12 destinos, en 10 países distintos
O número de participantes galegos por intercambio é de nove, mozos con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade
Un total de 108 mozos e mozas galegos participaron ao longo do 2012 no programa de mobilidade ‘A Xuventude no Mundo’, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Nesta cuarta edición da iniciativa, os mozos puideron optar a un total de 12 destinos, en 10 países distintos: Figueira da Foz (Portugal), Alghero (Italia), Chisinau (Moldova), Trento (Italia), San Petesburgo (Rusia), Abruzzo (Italia), Minsk (Bielorrusia), Budapest (Hungría), Veliko Tarnovo (Bulgaria), Kiev (Ucraína), Estambul (Turquía) e Ceska Trebova (República Checa).
O número de participantes galegos por intercambio é de nove, mozos con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade. Os participantes fixéronse cargo dos custes de desprazamento ata o país de intercambio.
Cada intercambio versou sobre unha temática: asociacionismo e participación xuvenil; autoemprego e emprendedurismo; mobilidade laboral e emprego; voluntariado xuvenil; liderado e creatividade e talento.
Un dos requisitos para a obtención de praza era que cada interesado debía remitir á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un documento cunha extensión mínima dun folio e máximo de tres onde se abordara a temática do intercambio e a súa situación en Galicia, para os efectos da súa exposición nos foros de debate que se celebrarán ao longo da experiencia con mozos e mozas do país de intercambio.
‘A Xuventude no Mundo’ é un programa de mobilidade xuvenil que ten como obxectivo que os mozos e mozas de Galicia poidan desenvolver un programa de actividades de interese para a mocidade noutras partes de Europa, que obteñan experiencias de educación non formal no estranxeiro, amplíen o seu coñecemento doutras linguas, culturas e costumes, ao tempo que incrementan o seu nivel de independencia e responsabilidade.
Un dos eixos do Plan Estratéxico de Xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil. Así a Consellería de Traballo e Benestar xestionará máis de 2.350 prazas neste eido ao longo de 2012 a través de diferentes programas como ‘A Xuventude no Mundo’ ou ‘Xuventude en Acción’.