A Lei de Xuventude garantirá a transversalidade e coordinación das políticas públicas dirixidas aos mozos e mozas en Galicia

23 Xun 2011

A primeira Lei de Xuventude de Galicia garantirá la transversalidade administrativa das políticas da Xunta dirixidas á mocidade, así como a participación directa dos mozos e mozas nas mesmas, segundo lembrou o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, que presentou hoxe a iniciativa nun encontro provincial no Espazo Xove de Ourense.

O anteproxecto de Lei busca a acción unitaria de goberno e a coordinación dos diferentes departamentos da Administración á hora de poñer en práctica medidas que afecten á xuventude. Esta planificación das políticas de mocidade efectuarase a través da elaboración en cada lexislatura dun plan estratéxico de xuventude, que pasará a ter un carácter vinculante xa que se deberá tramitar como orde da Consellería de Traballo e Benestar.

Rodeiro indicou que a mocidade de Galicia está chamada a liderar unha sociedade inmersa en profundos cambios e transformacións, na que existía a necesidade técnica de unificar a dispersión normativa e organizativa actual. Nesta materia, é necesario reforzar a transversalidade e coordinación das políticas públicas destinadas á xuventude.

Así explicou que o anteproxecto de lei conta con dez eixos básicos de transversalidade vinculados ás directrices europeas e ao actual Plan estratéxico da xuventude e que deben ser potenciados a través da coordinación entre todos os axentes implicados. Estes eixos relaciónanse coa educación; emprego; creatividade e espírito emprendedor; vivenda; saúde e deporte; participación e asociacionismo; voluntariado; información e formación; mobilidade e turismo xuvenil; e normalización lingüística.

Doutra banda, o texto propón a creación do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, un órgano colexiado, independente e aberto a todas as asociacións xuvenís e grupos informais de mozos e mozas, que reforza e impulsa a participación da mocidade e da sociedade civil nos temas de interese para a xuventude.

Tamén se facilita e se promove a creación dos consellos locais de xuventude, co obxectivo de achegar o novo modelo de participación e dar máis protagonismo aos concellos. As asociacións xuvenís e mais os consellos locais terán garantido con este anteproxecto unha representación de, polo menos, o 51% dos votos do Consello.

A Dirección Xeral levará a cabo ao longo do mes de xuño a presentación do borrador a través de catro encontros provinciais e trece foros de debate con técnicos, entidades xuvenís, asociacións xuvenís, escolas de tempo libre, grupos informais de mozos e mozas interesados en participar e aportar propostas de mellora ao mencionado borrador.

Despois de presentar esta iniciativa en Gandarío e Ourense, mañá xoves presentarase no Edificio Administrativo da Xunta en Vigo; e, o venres, no LUG II en Lugo. Así mesmo realizaranse 13 foros de debate nos espazos xove da Rede Galega de Centros de Xuventude de Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Ourense, Vilagarcía, Tui e Chantada, así como no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Galicia en Santiago, o día 27 de xuño as 20.00 horas. Á mesma hora, o día 28 os foros celébranse nos espazos xove de Betanzos, Lalín, Vilalba e Viveiro.

Todos os interesados en asistir a estes encontros participativos poden dirixirse aos Servizos Territoriais de Xuventude da súa provincia e aos espazos xove da Rede galega de centros de xuventude mencionados anteriormente