Xuventude promove a través do seu plan de formación un curso de habilidades de tempo libre aplicadas á empregabilidade

13 Abr 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos 30 participantes desta iniciativa que desenvolve a Escola de Tempo Libre Nordesía en Santiago

Nos últimos 4 anos constituíronse en Galicia 17 novas escolas de tempo libre

O obxectivo desta acción formativa é ofrecer aos mozos e mozas ferramentas para mellorar o seu perfil laboral para avanzar na procura de emprego

O Plan de Formación de Xuventude consta este ano de 153 cursos de diferentes temáticas que beneficiarán a preto de 18.000 persoas

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, está a promover en Santiago a través do seu Plan de Formación un curso de habilidades técnicas do tempo libre para a empregabilidade da mocidade. O responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos 30 alumnos desta iniciativa que está a desenvolver a Escola de Templo Libre Nordesía.

A acción formativa, que comezou o pasado 1 de marzo e rematará este luns, ten como obxectivo ofrecer aos mozos e mozas ferramentas que supoñan unha mellora no seu perfil laboral coas que poidan avanzar na procura de emprego. De feito, o curso fomenta que os seus participantes aprendan a utilizar as habilidades que adquiren monitores e directores de tempo libre no proceso de busca de emprego.

A actuación estrutúrase en catro módulos: o primeiro aborda as habilidades sociais e as técnicas que se desenvolven no tempo libre; o segundo estuda os perfís profesionais e as competencias no mercado laboral; o terceiro eixo promove as ferramentas para a aplicación do tempo libre na procura do emprego; e, finalmente, o cuarto descobre outros instrumentos e técnicas innvodadoras na empregabilidade.NORDESIA

Todos os cursos que se están a impartir no eido do tempo libre a través do Plan de Formación de Xuventude foron propostos por algunha das 49 escolas de tempo libre de Galicia, un sector que está en auxe. Son as únicas que poden expedir os títulos oficiais de monitor ou director e, así, en 2012 expediron 1.419 títulos fronte aos 884 de 2009. Ademais, entre estes catro anos constituíronse en Galicia 17 novas escolas de tempo libre.

O Plan de Formación de Xuventude consta este ano de 153 cursos de diferentes temáticas que beneficiarán a preto de 18.000 mozos e mozas, o que supón 5.800 persoas máis que o ano pasado. A iniciativa consta de 7.000 horas de formación non formal. Os cursos divídense nas áreas de xuventude e voluntariado.