Xuventude impulsa o compromiso social e o voluntariado entre escolares a través do ‘Pasaporte Solidario’

11 Abr 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, achegouse hoxe ata ao centro plurilingüe Pepe Xan da Baña de Santa Comba

Un total de 24 centros de Galicia e máis de 2.000 estudantes están a participar nesta actividade desde o pasado mes de outubro

Ademais do ‘Pasaporte Solidario’, que está enfocado cara os máis novos, a Dirección Xeral tamén promove a adscrición dos institutos á Rede de centros escolares solidarios

O programa pretende establecer vínculos entre as organizacións sociais e os centros educativos, e amosar que os mozos e mozas son capaces de ofrecer un servizo solidario, que aporta valor á sociedade

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, ten por obxectivo promover valores de solidariedade, participación, compromiso social e voluntariado entre a comunidade educativa (pais, nais, profesorado e alumnado), e favorecer que os escolares se comprometan como voluntarios, a través da iniciativa ‘Pasaporte Solidario’.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, achegouse hoxe ata ao centro plurilingüe ‘Pepe Xan da Baña’ de Santa Comba (A Coruña) para participar nunha actividade de dinamización deste programa que consta dunha metodoloxía activa e participativa para achegar ao alumnado á realidade do voluntariado.

Un total de 24 centros de Galicia e máis de 2.000 estudantes están a participar nesta actividade desde o pasado mes de outubro. Entre as accións que teñen que certificar os participantes para cubrir o pasaporte atópanse tarefas como acompañar aos maiores, colaborar na casa, ou axudar aos compañeiros de clase.

Ovidio Rodeiro aproveitou a súa visita a este centro para escoitar suxerencias e propostas para mellorar o Pasaporte Solidario, unha iniciativa que cumpre o seu terceiro ano de vida; así como para saudar a todos os alumnos participantes e manter con eles varias reunións para coñecer de primeira man como foron desenvolvendo as distintas actividades.

O Pasaporte Solidario é un documento cuxas páxinas conteñen propostas de actividades solidarias pensadas tanto para alumnos de primaria como de secundaria. Cada estudante que o solicita –coordinados polos centros- ten que encher o seu pasaporte con certificados que acrediten o cumprimento da actividade solidaria antes de finais de maio.

Rede de centros escolares solidarios
Ademais do Pasaporte Solidario, que está enfocado cara os máis novos, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado tamén promove a adscrición dos institutos á Rede de centros escolares solidarios, que pretende descubrir o voluntariado ao alumnado de educación secundaria, bacharelato, formación profesional e de adultos de Galicia e animalos a comprometerse.

O programa pretende establecer vínculos entre as organizacións sociais e os centros educativos, e amosar que os mozos e mozas, xa desde a escola ou o instituto, son capaces de ofrecer un servizo solidario, que aporta valor á sociedade.

Cada centro escolar pode desenvolver con liberdade o seu proxecto solidario ou programa propio de voluntariado, cun proxecto único que repercute no mesmo centro ou no seu alumnado, ou ben a participación en proxectos realizados en colaboración cunha entidade inscrita no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, de xeito que os alumnos realicen actividades solidarias a favor da entidade.