A Xunta inicia a segunda fase na formación de persoal voluntario para apoiar e acompañar en Galicia ás vítimas de violencia de xénero e as súas familias

05 Abr 2013

Levarase a cabo un curso presencial e especializado os días 19 e 20 de abril no Centro de emerxencia para vítimas de violencia de xénero en Vigo

O director xeral de Xuventude e Voluntariado lembrou que preto de 2.000 persoas participaron nos dous cursos básicos de voluntariado

López Abella presentou a “Guía para o voluntariado de violencia de xénero” para apoiar a súa acción voluntaria e reforzar a súa implicación en contra da lacra social

secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, informaron esta mañá en rolda de prensa das accións que levarán a cabo durante o 2013 sobre o programa de voluntariado para o acompañamento ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas.

Ambos departamentos puxeron en marcha a finais do pasado ano este programa, que parte da necesidade da implicación de toda a sociedade na loita contra a lacra que supón violencia de xénero.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, lembrou que preto de 2.000 persoas participaron nos dous cursos básicos de voluntariado de acompañamento a vítimas de violencia de xénero, organizados no marco deste programa, un seguimento que “confirma a necesidade de que a Administración oferte medios e programas para canalizar a solidariedade voluntaria no apoio daqueles colectivos que máis sofren”.

Segundo explicou a secretaria Xeral da Igualdade, este ano, despois dunha primeira fase de formación dos voluntarios e voluntarias, pasase á segunda fase, na que se lles formará nun curso máis especializado no Centro de emerxencia para vítimas de violencia de xénero en Vigo, CEMVI.

O curso contará con 30 prazas e realizarase os días 19 e 20 de abril, cunha duración de 8 horas. O seu obxectivo é poñer a disposición do CEMVI unha bolsa de voluntarios e voluntarias que poidan colaborar cos e cas profesionais da institución para darlle unha atención máis integral e máis individualizada ás usuarias do Centro.

Concretamente, formarse ao voluntariado para acompañar e apoiar ás vítimas e ás súas fillas e fillos que residen con elas no centro; acompañalas ás dependencias administrativas, policiais ou xudiciais; apoiar aos nenos e nenas e contribuír en definitiva, a unha mellor atención integral e de recuperación das mulleres e menores que sofren violencia de xénero.

Nese sentido, cabe destacar a importancia do perfil diverso das voluntarias e voluntarios que van participar nesta fase de formación, posto que a súa labor voluntaria poderá posibilitar a realización de actividades complementarias as que se desenvolven no centro: actividades de carácter lúdico, artístico, actividade física, reforzo educativo, etc.

Precisamente por iso, as encargadas de formar aos voluntarios e voluntarias serán as propias traballadoras do Centro de Emerxencia de Vigo, que contarán ademais coa colaboración da Rede de Mediadoras contra os malos tratos de Vigo, entidade que acumula ampla experiencia no acompañamento voluntario de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Os contidos da acción formativa están divididos en seis módulos. O primeiro centrarase en entender psicoloxicamente ás vítimas da violencia de xénero; o segundo, terceiro e cuarto a coñecer os métodos de funcionamento e os recursos da Rede galega de acollemento, da Rede de Mediadoras contra os malos tratos de Vigo e do Centro de Emerxencia de Vigo; o quinto abordará nocións xurídicas básicas -Orde de protección, policía custodio, dereitos das vítimas, confidencialidade, medidas de seguridade- e o sexto e último módulo, dará a coñecer cómo colaborar e as súas funcións e cometidos como voluntarios do CEMVI.

Os participantes obterán unha certificación oficial da súa colaboración e da experiencia adquirida, como recolle a Lei Galega de Acción Voluntaria. Ovidio Rodeiro indicou que se trata dunha acción que encaixa cos obxectivos que marca o Plan Galego de Acción Voluntaria 2011-2014, “unha estratexia xurdida do diálogo e o consenso con máis de 800 entidades sociais de Galicia”.VIOLENCIA

Guía para o voluntariado
Ademais de informar sobre este curso específico, López Abella presentou a “Guía para o voluntariado de violencia de xénero” que, coa finalidade de apoiar a súa acción voluntaria e reforzar a súa implicación en contra da lacra social que supón a violencia contra as mulleres, será entregada a todos/as voluntarios/as que participen nas actuacións formativas.

A Guía explica e informa aspectos como “Que é ser voluntario/a?”, “Que é a violencia de xénero?”,”Tipificación da violencia de xénero”, “A escalada e o ciclo da violencia de xénero”, “Consecuencias da violencia de xénero nas mulleres e nas súas fillas e fillos”, “Mitos e realidades sobre a violencia de xénero”,”Indicadores para a detección dos malos tratos”, “Labor da persoa voluntaria en violencia de xénero” e “Recursos para as vítimas de violencia de xénero e os seus dereitos”.