O Colexio filipense Sagrada Familia de Vilagarcía e o IES de Foz gañan o certame do Parlamento Xove na categoría de ESO e bacharelato

08 Abr 2013

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, participaron hoxe na entrega de galardóns desta iniciativa, na que tomaron parte ata 160 mozos e mozas e 40 coordinadores

O Colexio Internacional SEK Atlántico de Poio resultou subcampión na final do alumnado que procedía da ESO; mentres que o IES A Pinguela de Monforte foi o segundo entre os equipos de bacharelato

Os temas propostos este ano centráronse no papel dos famosos como referentes para as xeracións máis novas, e na estética e culto ao corpo

Só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico dáse a coñecer aos equipos se teñen que posicionarse “a favor” ou “en contra”

Á final chegaron un total de 10 equipos que procedían de Becerreá, Foz, Monforte de Lemos, Ourense, Noia, Fene, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Poio

Mato eloxiou as “gañas de participar” e a implicación dos mozos e mozas, que amosaron a súa “vontade de dialogar, expresar as ideas e debatelas nun escenario de respecto e tolerancia”PARLAMENTO

O colexio Filipense Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa e o IES de Foz veñen de gañar hoxe a final do certame do Parlamento Xove, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar: o primeiro, na categoría da ESO; e o segundo entre os participantes de bacharelato. Na iniciativa, que rematou esta mañá, tomaron parte ata 160 mozos e mozas e 40 coordinadores, dos que 50 chegaron a esta final.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, participaron hoxe na entrega de galardóns deste concurso, un acto no que estivo acompañada polo director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro.

Mato eloxiou as “gañas de participar” e a implicación dos mozos e mozas, que amosaron a súa “vontade de dialogar, expresar as ideas e debatelas nun escenario de respecto e tolerancia”.

Na súa intervención, a responsable da área autonómica tamén felicitou aos 10 centros educativos que chegaron á final: o colexio Filipense Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa), e o colexio internacional SEK Atlántico (Poio) na categoría de ESO; así como os IES de Becerreá; Foz; Laxeiro (Lalín); Virxe do Mar (Noia); Valle Inclán (Pontevedra); A Pinguela (Monforte); Fene; e o Colexio Divina Pastora (Ourense) na categoría de bacharelato.

De todos eles, e ademais dos gañadores, o colexio internacional SEK Atlántico de Poio e o IES A Pinguela de Monforte foron os que acadaron á posición de subcampións nas súas respectivas categorías tralo debate de hoxe.

Os participantes nesta iniciativa empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca do tema proposto pola organización. Deben realizar unha investigación previa, elaborar artigos para un blog, realizar un dossier de investigación e defender no debate a postura que lles toque.

O obxectivo é fomentar entre a xuventude o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias; ao tempo que se potencian as habilidades individuais e grupais promovendo a selección de información, a expresión oral, as competencias básicas ou a argumentación razoada. Tamén se fomenta a tolerancia e respecto polas ideas dos demais.

Na categoría de ESO, este ano o tema de debate foi “Son os famosos cunha presenza destacada nos medios de comunicación un referente para as xeracións máis novas?”, mentres que no bacharelato o tema centrouse na “Estética e culto ao corpo: a sociedade valóranos máis polo que somos ou polo que aparentamos?”.

Só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se dá a coñecer a cada equipo –formado por 4 alumnos máis un profesor- se lles corresponde responder “a favor” ou “en contra” da cuestión formulada. É un xurado, formado por xornalistas, o encargado de decidir o gañador.

Premios
Os gañadores ao mellor artigo e mellor dossier de investigación recibiron cada un unha tablet. Pola súa banda, o equipo campión de ESO ten como premio unha semana de ocio educativo no albergue xuvenil LUG II, cun programa de actividades de multiaventura e ocio educativo, mentres que o subcampión desta categoría disporá dun fin de semana de ocio.

Xa na categoría de bacharelato, o equipo campión poderá disfrutar dunha viaxe valorada en 5.000 euros, e no caso dos subcampións cada un dos membros do equipo recibiu unha tablet.

O certame inclúe un premio especial ao mellor artigo e dossier de investigación, e tamén para os mellores oradores individuais.

A edición de Parlamento Xove 2013 comezou a súa andaina o pasado mes de outubro coa fase de formación, que rematou en xaneiro. Durante estes meses, o alumnado recibiu coñecementos de oratoria enfocada ao funcionamento dos campionatos escolares de debate. A forte implicación dos centros nesta competición fixo necesaria que se celebrasen tres fases preliminais, tanto en ESO coma en Bacharelato que tiveron lugar nos meses de febreiro e marzo.