Un total de 15 mozos da rexión de San Petersburgo participa en Galicia nun intercambio bilateral que organiza Xuventude

03 Abr 2013

Galicia está a acoller a un grupo de 15 mozos e mozas procedentes do municipio ruso de Novodevyathinsky, na rexión de San Petersburgo, que está a participar nun intercambio bilateral enmarcado dentro do programa galego de mobilidade ‘A Xuventude no Mundo’ que organiza a Consellería de Traballo e Benestar.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe en Santiago aos participantes desta iniciativa que se enmarca dentro das accións de colaboración que en materia de xuventude manteñen a Xunta e o Concello de Novodevyathinsky. Este mesmo mes, entre os días 22 e 29, serán 15 mozos galegos os que viaxen ata este municipio. Os dous intercambios, segundo destacou Rodeiro, teñen como temática a análise das semellanzas e diferenzas entre os dous países á hora de abordar as posibilidades de emprego na xuventude.SANPETESGURGO

‘A Xuventude no Mundo’ oferta neste primeiro semestre de ano un total de 50 prazas para que os mozos e mozas galegos realicen intercambios en catro países diferentes. Ademais de Novodevyathinsky, os participantes poden desprazarse ata Ossana (Italia), San Petersburgo (Rusia) e Prefectura de Wakayama (Xapón).

Rodeiro sinalou que este programa de mobilidade xuvenil ten como obxectivo que a mocidade poida desenvolver actividades de interese noutras partes de Europa, obter experiencias de educación non formal no estranxeiro, ampliar o seu coñecemento doutras linguas, culturas e costumes, ao tempo que poida incrementar o seu nivel de independencia e responsabilidade.

Os intercambios constan con aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, transporte na cidade e actividades organizadas pola entidade de acollida. A cargo dos participantes correrá o desprazamento ata o lugar, o seguro da viaxe, de accidente e de enfermidade, así como os gastos de obtención do visado para os intercambios a Rusia.