O primeiro Programa de voluntariado ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas organizado pola Xunta empeza mañá

01 Abr 2013

Esta iniciativa está organizada de xeito experimental pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestucturas

As primeiras quendas, con 8 voluntarios cada unha, serán desde mañá, 2 de abril, ata o sábado 6 de abril; do 8 ao 12 de abril; do 15 ao 19 de abril; e do 22 ao 26 de abril

Os participantes obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado de acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrito no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestucturas, organiza este ano de xeito experimental o primeiro programa de Voluntariado Ambiental, que terá lugar no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

As primeiras quendas, con 8 voluntarios cada unha, serán desde mañá, 2 de abril, ata o sábado 6 de abril; do 8 ao 12 de abril; do 15 ao 19 de abril; e do 22 ao 26 de abril. A intención dos departamentos implicados neste proxecto é continuar a realizar este programa nos meses de primavera, outono e inverno.

Este programa de voluntariado nace co obxectivo principal de sensibilizar e infundir nos participantes criterios e coñecementos básicos sobre a concienciación medioambiental e a recuperación de ecosistemas no Parque Nacional.

As actividades a realizar polos participantes no programa están establecidas polos técnicos do propio parque, e centraranse especialmente en traballos de apoio relacionados coa oceanografía e recursos mariños, fauna, flora e biodiversidade destas illas.

O programa desenvólvese en quendas de 5 días, de luns a venres, e está concibido como un campo de traballo, no que grupos de 8 persoas voluntarias, xunto cun monitor, realizarán actividades de eliminación de especies invasoras, avistamento de cetáceos, recollida de datos paramétricos da auga do mar (temperatura, osíxeno....) e pequenas plantacións de especies autóctonas.

Para os voluntarios, este programa contén o aloxamento e pensión completa no albergue da illa de Ons, o programa de actividades e monitores e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil. Os voluntarios deberán desprazarse por conta propia ata o peirao de Bueu, desde onde serán recollidos en barco para o seu traslado á Illa.

Poden participar no programa voluntarios e voluntarias que teñan cumpridos os 18 anos no momento da súa participación. As persoas voluntarias que desexen participar, deberán ter en conta que a indumentaria que leven ten que ser axeitada ás actividades a realizar ao aire libre, e deben levar saco de durmir e utensilios persoais de aseo.

Os participantes obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado de acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrito no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.