Xuventude e Voluntariado conta con máis de 11.500 seguidores nas redes sociais Facebook, Twitter e Tuenti

28 Mar 2013

Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas con presenza institucional do seu departamento de Xuventude nas redes sociais

En total, en 2012 o portal institucional para a mocidade galega xuventude.xunta.es rexistrou un tráfico de 260.000 usuarios, que visitaron máis de 2,2 millóns de páxinas de información

Estes perfís proporcionan á xuventude.xunta.es máis da metade do seu tráfico total

As seccións máis visitadas son, por este orde, as de novas e anuncios, carné xove, emprego, acción de verán, rede galega de información xuvenil e bolsas e ensino

En canto ás redes sociais, Facebook é a que conta con máis seguidores, cun total de 6.589 fans

O perfil de Twitter da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado conta con 3.866 seguidores e as mensaxes chegan a case 14.000 contas diferentes

O perfil de Tuenti, pola súa banda, conta con 1.134 seguidores

Os perfís que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ten nas redes sociais Facebook, Twitter e Tuenti contan con máis de 11.500 seguidores. Ademais, estes perfís proporcionan á xuventude.xunta.es máis da metade do seu tráfico total.

En 2009 a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, apostou polo reforzo de Internet como vehículo para a información e a interactuación coa mocidade. Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas con presenza institucional do seu departamento de Xuventude nas redes sociais.

En total, en 2012 o portal institucional para a mocidade galega rexistrou un tráfico de 260.000 usuarios, que visitaron máis de 2,2 millóns de páxinas de información. Dos visitantes, un 62 por cento son usuarios que xa visitaron o portal con anterioridade, mentres que o restante 38 por cento son usuarios novos.

As seccións máis visitadas son, por este orde, as de novas e anuncios, carné xove, emprego, acción de verán, rede galega de información xuvenil e bolsas e ensino. Como cabe supoñer, máis do 90 por cento do tráfico procede de Galicia, sendo Madrid e Cataluña as seguintes comunidades con máis accesos. Entre os países estranxeiros que tamén visitan o portal destaca o Reino Unido, Alemaña, Arxentina e Portugal.

En canto ás redes sociais, Facebook é a que conta con máis seguidores, cun total de 6.589 fans. Unha media de máis de 300 usuarios interactúan todas as semanas no perfil, ben premendo “me gusta”, ben comentando un estado ou compartindo os contidos. O 63 por cento dos seguidores son mulleres, un 35 por cento homes e o resto colectivos. Por idades, máis do 80 por cento dos seguidores que publican a súa data de nacemento teñen entre 18 e 34 anos.

O perfil de Twitter da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado conta con 3.866 seguidores, as mensaxes teñen unha media de 138 retweets mensuais e chegan a 10.584 contas diferentes. O número de listas nas que foron incluídos os Twitts da Xuventude é de 85, mentres o índice Klout de influencia social sitúa este perfil nun 59 sobre 100. O perfil de Tuenti, pola súa banda, conta con 1.134 seguidores.