Ribeira recupera unha comparsa de xigantes e cabezudos a través do programa "Xuventude en acción" coordinado por Benestar

26 Mar 2013
  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, celebrou a posta en marcha deste proxecto que permitiu recuperar unha das tradicións máis afamadas da cidade
  • O pasado ano un total de 969 mozos e mozas participaron nos 60 proxectos galegos aprobados polo ‘Xuventude en Acción’
  • Galicia é a terceira comunidade con máis proxectos aprobados
cabezudo_ribeiraA asociación xuvenil Flor de Toxo presentou en Ribeira (A Coruña) a iniciativa europea ‘Mozos con ideas, mozos con cabeza’, que desenvolverán durante os vindeiros meses. Este proxecto, enmarcado no programa europeo ‘Xuventude en Acción’, coordinado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, conta cun orzamento de 5.600 euros e ten como obxectivo a recuperación dunha comparsa de xigantes e cabezudos.

A tradición de pasear durante as festas de Ribeira os xigantes e cabezudos tivo gran importancia durante os dous séculos pasados, se ben se perdeu nos anos 80. O proxecto desenvolverase durante as fins de semana e participarán arredor de 15 mozos e mozas, que nas festas de Ribeira do verán serán os encargados de desfilar coa comparsa.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos integrantes da asociación e celebrou a posta en marcha deste proxecto que permitiu recuperar para toda a sociedade unha das tradicións máis afamadas da cidade. Tamén resaltou “a enorme capacidade que ten a xuventude galega para sacar adiante os seus propios proxectos, como demostraron os membros da asociación Flor de Toxo”.

Por iso, para o director xeral “desde a Administración temos que ser capaces de ofrecerlle á mocidade, con total confianza nela, as ferramentas adecuadas para canalizar o seu talento e a súa capacidade de liderado”. Entre esas ferramentas de participación está o programa europeo Xuventude en Acción, que na nosa comunidade canaliza e coordina a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

O pasado ano un total de 969 mozos e mozas participaron nos 60 proxectos galegos aprobados polo ‘Xuventude en Acción’. Galicia é a terceira comunidade con máis proxectos aprobados, polo que “este elevado índice de participación resalta a forte iniciativa dos mozos e mozas galegos en todas as actuacións que teñan que ver coa adquisición de competencias mediante a aprendizaxe non formal”.