Benestar expón en Santiago 40 carteis que compiten para ser a imaxe do certame "Xuventude Crea 2013"

15 Mar 2013
  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe a mostra e destacou que este concurso é unha novidade no decurso de todas as edicións da iniciativa
  • Ovidio Rodeiro recordou que este certame é a maior mostra de creatividade xuvenil de Galicia
  • O gañador deste concurso de carteis levará un premio económico de 500 euros

A sala de exposicións do Centro Coordinador de información xuvenil de Santiago acolle desde hoxe a exposición dos 40 carteis que participan no concurso de elaboración da imaxe do certame 'Xuventude Crea 2013'. Puideron participar no concurso mozos e mozas de 18 a 30 anos residentes en Galicia.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe a mostra e destacou que este concurso é unha novidade no decurso de todas as edicións do certame 'Xuventude Crea', e pretende implicar e facer partícipes aos propios novos artistas na xestión desta iniciativa. Tamén adiantou que a publicación posterior ao certame tamén será deseñada por un novo creador, que será elixido despois doutro concurso.

Ovidio Rodeiro recordou que o certame 'Xuventude Crea' é a maior mostra de creatividade xuvenil de Galicia. Nos últimos anos avanzouse cara a unha maior difusión das obras premiadas, xa que os artistas premiados poden expoñer o seu traballo en salas de toda Galicia a través do Circuíto Galego de Creatividade. Deste xeito, as obras das últimas edicións do certame están expostas no Espazo Xove de Carballo e na sede da eurocidade Chaves-Verín. No vindeiro mes as obras exporanse no Espazo Xove e no Concello de Lalín.

O tema e a técnica foron libres, respectando unhas dimensións de 50x70 cm, polo que na exposición pódense ver carteis realizados a man e tamén con medios dixitais. Todas as obras inclúen o texto 'Certame Xuventude Crea 2013' así como as especialidades que o compoñen: artes plásticas, banda deseñada, carteis, deseño de xoias, graffiti, música, poesía, relato breve, teatro e videocreación.

As obras presentáronse cun lema ou pseudónimo, que servirá para preservar a identidade dos artistas ata o fallo do xurado, que se producirá no mes de abril. O gañador deste concurso levará un premio económico de 500 euros.

O certame 'Xuventude Crea 2013' convocarase mediante orde no Diario Oficial de Galicia no vindeiro mes de abril. Esta iniciativa seguirá contando con premios en metálico para os tres gañadores das diferentes especialidades de 3.000, 1.500 e 1.000 euros.