Un total de 34 entidades xuvenís de Vigo, Paradanta, Baixo Miño, O Condado e O Morrazo xestionaron 256.000 euros en programas xuvenís

15 Mar 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a delegada territorial da Xunta, María José Bravo Bosch, mantiveron hoxe en Vigo unha xuntanza de traballo con concelleiros da gran área de Vigo

En concreto, 21 asociacións e grupos informais da zona participaron no programa Iniciativa Xove; e outros 13 foron beneficiarios do programa Xuventude en Acción

Do total das 34 entidades, un total de 18 proceden da cidade olívica

Rodeiro destacou que esta área territorial é onde se concentra “un maior dinamismo do asociacionismo xuvenil”

Ademais, 82 mozos e mozas da área -49 da cidade de Vigo- participaron en dous anos en programas de mobilidade (Leonardo, Mogal ou Galeuropa)

Na cidade de Vigo hai 7.612 usuarios do carné xove e 268 establecementos adheridosVIGO

Un total de 34 asociacións e grupos informais das comarcas de Vigo, Paradanta, o Baixo Miño, o Condado e o Morrazo xestionaron ao longo de 2012 un total de 256.000 euros en distintos programas xuvenís (Iniciativa e Xove e Xuventude en Acción) promovidos pola Consellería de Traballo e Benestar.

Así o informou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, na reunión que mantivo con concelleiros da gran área de Vigo e na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, María José Bravo Bosch. Rodeiro destacou que esta área é “onde se concentra un maior dinamismo do asociacionismo xuvenil en Galicia”.

En concreto, os proxectos que financiou Iniciativa Xove tiveron lugar en Bueu, Cangas, O Covelo, Mos, Nigrán, O Porriño e Vigo. En total, as asociacións xestionaron máis de 70.000 euros para levar a cabo 21 iniciativas. Estas centráronse en diversos temas, que foron desde a organización de festivais de música ou cine, a publicación dun traballo sobre oficios tradicionais, accións de fomento do ocio alternativo ou un obradoiro de relatos de ciencia ficción.

Neste sentido, o responsable da área autonómica informou de que este programa terá en 2013 un orzamento de 730.000 euros para toda Galicia, un 3,55 por cento máis que no exercicio anterior.

Pola súa banda, en Xuventude en Acción participaron 13 entidades dos municipios de A Lama, Marín, Moaña, Mondariz, Redondela, Tomiño e Vigo. En total, xestionaron un total de 186.548 euros, que financiaron proxectos de voluntariado, formación, intercambio internacionais ou difusión de recursos culturais.

Rodeiro destacou que Galicia xestionou en 2012 un total de 60 actividades enmarcadas nestes programa europeo, o que fixo de Galicia a terceira comunidade autónoma española que máis proveito sacou desta liña de actuación.

No que se refire á cidade de Vigo, nestes dous programas, participaron un total de 18 asociacións e grupos informais.

Ademais, os programas de mobilidade (Leonardo, Mogal e Galeuropa) rexistraron un total de 82 participantes da zona de 2010 a 2012, dos que 49 proceden da cidade olívica.

No que respecta á solidariedade, Rodeiro destacou que o pasado ano 4 municipios (Ponteareas, Tomiño, Salceda e Porriño) e 3 asociacións (2 de Vigo e 1 de Porriño) tomaron parte no programa de Voluntariado Xuvenil.

O carné xove foi outro dos temas avaliados na xuntanza. Na cidade de Vigo, un 12,77 por cento da poboación xuvenil conta con este carné, e os usuarios chegan a 7.612 usuarios e 268 entidades adheridas.

No resto da comarca de Vigo, e nas de A Paradanta, Baixo Miño, Condado e O Morrazo son un total de 6.808 os usuarios do carné xove, e hai 179 empresas que ofrecen descontos e vantaxes.