Un total de 50 mozos e mozas galegos participarán en intercambios en Italia, Rusia e Xapón no primeiro semestre deste ano

14 Mar 2013

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, recibiu hoxe en Santiago a un grupo de 15 mozos xaponeses que visitan Galicia a través do programa da Xunta ‘A Xuventude no mundo’

En xullo terá lugar a acollida dun grupo galego en Xapón

A Dirección Xeral de Xuventude promoveu na pasada lexislatura a mobilidade de preto de 9.000 mozos e mozas galegas

O Goberno galego ofertará durante todo 2013 preto de 2.500 prazas de mobilidade para a mocidadeXAPON

Un grupo de 15 mozos e mozas da prefectura de Wakayama, en Xapón, visitan estes días Galicia grazas ao programa de mobilidade da Xunta ‘A Xuventude no mundo’. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, recibiu hoxe a estes novos en Santiago que estarán de intercambio na Comunidade autónoma ata o próximo domingo. En xullo terá lugar a acollida do grupo galego en Xapón.

A titular de Benestar destacou que a Dirección Xeral de Xuventude puxo en marcha ‘A Xuventude no Mundo’ no año 2010, polo que este intercambio ten lugar por cuarto ano consecutivo. Ata o momento, máis de 460 mozos e mozas tomaron parte desta campaña que oferta prazas en diferentes países.

No primeiro semestre deste ano, un total de 50 mozos galegos participarán en intercambios en Italia, Rusia e Xapón. O orzamento para desenvolver esta iniciativa será de 16.000 euros. Ademais, Mato destacou que se levarán a cabo outros programas de mobilidade e, así, ao longo de 2013 ofertaranse preto de 2.500 prazas de mobilidade para a mocidade.

“O Goberno galego segue a apostar por este tipo de actuacións, que ofrecen aos mozos e mozas unha oportunidade única para adquirir coñecementos, experiencia e responsabilidades a través dunha aprendizaxe non formal”, apuntou Mato.

Deste xeito, apuntou que na pasada lexislatura promoveuse desde a Xunta a mobilidade de preto de 9.000 mozos e mozas galegas a través de diferentes programas.

Kumano Kodo
Wakayama e Galicia están irmandados desde hai máis de 15 anos. En 1997 asinouse un documento de irmandamento entre o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, a ruta de peregrinación propia desta rexión xaponesa.

Deste xeito, o Camiño e o Kumano Kodo son as dúas únicas rutas de peregrinación recoñecidas pola Unesco como Patrimonio da Humanidade en todo o mundo.