As comarcas de Bergantiños e Terras de Soneira contan con preto de 700 usuarios de Carné Xove e 18 establecemenos adheridos

26 Feb 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con concelleiros da zona no Espazo Xove de Carballo

Ademais, durante a súa visita expuxo a programación do centro para este ano

A instalación ofrecerá seis cursos que chegarán a preto de 250 mozos e mozas

Tamén se organizarán actividades de lecer entre as que se inclúen ballet, danza moderna baile galego e de salón, pintura e debuxo e iogaBERGANTIOS

Acollerá obradoiros do servizo Quérote+, que se centrarán nas relacións afectivo-sexuais, a imaxe persoal, a prevención da drogodependencia ou o uso seguro das redes sociais

As comarcas de Bergantiños e Terras de Soneira contan con preto de 700 usuarios do carné xove e cun total de 18 establecementos adheridos.

Así o destacou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, que mantivo unha xuntanza de traballo con concelleiros destas dúas bisbarras no Espazo Xove de Carballo. Ademais, durante a súa visita anunciou tamén a programación deste centro para o ano 2013.

Ao longo da reunión, Rodeiro destacou que a promoción do carné xove vai ser un dos obxectivos para os próximos anos. Ademais, tamén abordou outros programas da área da mocidade, como o Iniciativa Xove, Xuventude en acción ou Voluntariado Xuvenil.

Sobre Iniciativa Xove, destacou que disporá de 730.000 euros para proxectos en toda Galicia, un 3,5 por cento máis que en 2012. Precisou tamén que o programa europeo Xuventude en acción priorizará este ano os proxectos que traten os temas de desemprego xuvenil, iniciativa da mocidade ou creatividade.

Polo que se refire ao Voluntariado Xuvenil, a meta este ano é que un total de 3.000 mozos e mozas se sumen aos proxectos voluntarios de asociacións e concellos. Conta cun orzamento de 440.500 euros.

Rodeiro adiantou tamén a programación do Espazo Xove de Carballo, unha instalación que forma parte da rede 12 centros xuvenís que hai en Galicia xunto con Lalín, Vilagarcía, Tui, Vilalba, Viveiro, Chantada, Betanzos, Curtis, Ourense, Noia e Pontedeume.

Ao longo deste ano, o Espazo Xove ofrecerá un total de 6 cursos de educación non formal para a mocidade, que sumarán máis de 450 horas lectivas e poderán chegar ata 250 mozos e mozas. Serán de carácter gratuíto e semipresenciais. Entre eles, destacan o de “animación cultural”, “desenvolvemento comunitario” ou o “teórico de monitor sociocultural”.

Ademais, neste centro tamén se realizarán obradoiros do servizo Quérote+, que se centrarán nas relacións afectivo-sexuais, a imaxe persoal, a prevención da drogodependencia ou o uso seguro das redes sociais. Os técnicos deste servizo prestarán atención os xoves aos mozos e mozas que demanden asesoramento nestas temáticas, sempre individualmente e garantindo a confidencialidade.

A estas actividades, súmanse as de lecer, moitas en colaboración con asociacións xuvenís. Entre elas, inclúense ballet, danza moderna, baile galego, bailes de salón, pintura, debuxo e ioga.

O Espazo Xove de Carballo realiza tamén os trámites para a obtención de carnés para a mocidade como o ISIC, Teacher, Alberguista ou carné xove. Tan só no 2012 expedíronse nestas instalacións 400 destes documentos.