Xuventude organiza máis de 150 cursos de formación que beneficiarán a máis de 18.000 mozos e mozas, preto de 6.000 máis que o ano pasado

25 Feb 2013

Entre outras, haberá actividades de lingua de signos, de acompañamento a vítimas de violencia de xénero, de emprendemento ou de idiomas como o chinés

Nesta edición 2013 os participantes terán a súa disposición un conxunto de accións enfocadas todas elas á adquisición de coñecementos, reciclaxe e actualización das distintas temáticas que se van abordar nos diferentes cursos

Destaca tamén pola conxugación das metodoloxías das clases presenciais, semipresenciais e a distancia

O Plan de Formación da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, constará este ano de 153 cursos de diferentes temáticas que beneficiarán a máis de 18.000 persoas, con máis de 7.000 horas de formación non formal. Isto supón un incremento de preto de 5.800 beneficiarios con respecto a 2012.

Os cursos de formación divídense nas áreas de xuventude e voluntariado. En xuventude o número de horas pasa de 1.249 a 6.638, e de 37 cursos de formación a 128; mentres que no eido do voluntariado case se duplica o número de horas e de persoas que poden beneficiarse desta formación. Programáronse para o 2013 un total de 25 cursos, dos cales cinco son presenciais e 20 en liña. Isto supón 624 horas de formación, e chegar a 14.325 persoas.

No ámbito de voluntariado, haberá cursos de lingua de signos, de acompañamento a vítimas de violencia de xénero, voluntariado ambiental o para persoas maiores, entre outras. No eido de lecer e tempo libre será de animación á lectura, dinamización do asociacionismo, ou novas tecnoloxías.

Desde a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil organizarase un curso de chinés, emprendemento e creación de autoemprego, animación e xestión cultural ou organización de accións socioeducativas. Mentres, os centros Quérote + acollerán cursos de mediación familiar e escolar, de diversidade funcional ou de intervención afectivo-sexual coa mocidade.

Doutra banda, os Espazo Xove de Betanzos, Carballo, Chantada, Curtis, Lalín, Noia, Ourense, Tui, Vilagarcía de Arousa, Vilalba, Viveiro ou Pontedeume terán tamén actividades formativas de idiomas, monitor sociocultural ou recoñecemento de competencias de información xuvenil.

Para o departamento autonómico a educación non formal é unha parte fundamental da formación integral dos mozos e mozas, xa que permite adquirir e asimilar valores, normas de vida, opinións e coñecementos que facilitan a participación na sociedade.

Nesta edición 2013 os técnicos de xuventude, a mocidade galega e os voluntarios terán a súa disposición un conxunto de accións formativas enfocadas todas elas á adquisición de coñecementos, reciclaxe e actualización das distintas temáticas que se van abordar nos diferentes cursos.

Este Plan Formativo 2013, destaca tamén pola conxugación das metodoloxías das clases presenciais, semipresenciais e a distancia. Estas últimas modalidades facilitan o acceso á formación a todos os mozos e mozas que debido ás barreiras xeográficas, de traballo ou de conciliación familiar, non poden asistir aos cursos na modalidade presencial, ao mesmo tempo que a modalidade teleformación, semipresencial e a distancia permiten ofrecer máis formación a un menor custo.

Os distintos cursos do Plan de Formación Xuventude 2013 incrementarán as potencialidades e competencias dos técnicos e mozos e mozas que os realicen, favorecendo o seu desenvolvemento persoal e posibilitándolles aumentar o seu currículo e maiores oportunidades de acceso a un emprego.