Benestar organiza unha nova edición do Parlamento Xove cun debate sobre consumo responsable no Pazo de Mariñán

16 Feb 2013

Trátase dun proxecto que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade galega

Hoxe terá lugar o debate da fase preliminar para o grupo de Educación Secundaria (ESO) e o 2 de marzo será a quenda dos estudantes de Bacharelato

Parlamento Xove é unha competición de debate, a maior de toda España, na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca dun tema proposto pola organización

O equipo gañador de ESO terá como premio unha semana de multiaventura e actividades culturais no centro LUG II, dependente da Consellería de Traballo e BenestarMARIAN

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organiza hoxe unha nova edición do Parlamento Xove cun debate sobre consumo responsable entre a mocidade, que terá lugar no Pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña).

Trátase dun proxecto que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade galega. Hoxe terá lugar o debate para o grupo de Educación Secundaria (ESO) e o 2 de marzo será a quenda dos estudantes de Bacharelato.

Parlamento Xove é unha competición de debate, a maior de toda España, na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca dun tema proposto pola organización. Os participantes de cada equipo (formado por catro alumnos e un profesor) investigarán, escribirán e, finalmente, debaterán sobre o tema proposto, incluíndose tamén a elaboración de artigos en blog e a realización dun dossier de investigación.

Nesta edición a temática elixida é o consumo responsable entre a xuventude e así os debates preliminares xirarán sobre a interrogante: ‘Está a servir a crise económica global para que a xuventude tome conciencia dun consumo responsable?’.

A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, “a favor” ou “en contra”, en relación a cuestión formulada. Os equipos levaron a cabo unha labor de investigación previa e despois contrapoñen e discuten datos e ideas.

Ante o elevado número de centros participantes, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado decidiu incrementar a duración total da actividade e facer dúas categorías diferenciadas por idades, ampliando o tramo educativo: unha para alumnado de 3º e 4º da ESO e outra para o de 1º e 2º de Bacharelato. Esta última terá dúas fases.

Na competición relativa á categoría de ESO, que celebra os debates hoxe no Pazo de Mariñán, participarán 16 equipos dos seguintes centros educativos: IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), IES Alfonso X O Sabio (Cambre), IES Melide, CPI Conde Fenosa (Ares), IES Porto do Son, IES Saturnino Montojo (Ferrol), IES Mugardos, CPI Vicente Otero Barcalcel (Lugo), IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo). IES montecastelo (Burela), IES A Pinguela (Monforte de Lemos), Colexio Internacional Sek Atlántico (Poio), IES Pintor Colmeiro (Silleda), Colexio Filipense Sagrada Familia (Vilagarcía), Ies de Rodeira (Cangas) e IES Valle Inclán (Pontevedra).

O equipo gañador desta categoría terá como premio unha semana de multiaventura e actividades culturais no centro LUG II, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

A fase preliminar de Bacharelato terá lugar o vindeiro 2 de marzo, na Deputación da Coruña, no que debaterán 24 equipos de 1º e 2º curso, dos que 8 serán os que debaterán na fase final que descorrerá o 5 e 6 de abril no Salón do Pleno do Parlamento de Galicia.

A edición de Parlamento Xove 2013 empezou a súa andaina coa fase de formación no mes de outubro do ano anterior estendéndose ata o mes de xaneiro, formación na que que participaron un total de 56 centros educativos e na que os alumnos participantes recibiron coñecementos de oratoria enfocada ao funcionamento dos campionatos escolares de debate.

Parlamento Xove, como actividade na que participa alumnado e profesorado de centros educativos, contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas: competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita; e compresión oral e escrita): Competencia matemática: en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación. Tratamento da información e competencia dixital. Competencia social e cidadá: contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo. Competencia cultural e artística: nos debates esíxese o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica. E competencia para aprender a aprender e iniciativa persoal