O programa Iniciativa Xove impulsou seis proxectos de asociacións e grupos informais das comarcas de Eume, Ferrol e Ortegal

14 Feb 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na presentación de actividades do Espazo Xove de Pontedeume e reuniuse con concelleiros das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

As seis actividades que obtiveron financiamento son de entidades e grupos dos concellos de Cabanas, Fene, Ferrol, Narón, Ortigueira e Pontedeume

Nestas tres comarcas, hai actualmente preto de 2.400 usuarios do carné xove e 155 establecementos adheridosferrol

Con respecto á programación do Espazo Xove de Pontedeume, destácase os cursos gratuítos de inglés ou de animación cultural e de lecer

O programa Iniciativa Xove, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, impulsou un total de seis proxectos, a través de asociacións e grupos informais xuvenís, nas comarcas de Eume, Ferrol e Ortegal. Para promover estas actividades, investíronse 24.000 euros.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na presentación da programación para 2013 do Espazo Xove de Pontedeume e, posteriormente, reuniuse con concelleiros das tres comarcas para facer balance e avaliar as liñas estratéxicas en materia xuvenil de cara este ano.

En concreto, os seis proxectos financiados por Iniciativa Xove correspóndense con grupos e asociacións dos concellos de Cabanas, Fene, Ferrol, Narón, Ortigueira e Pontedeume. As iniciativas presentadas centrábanse en temas como a música, ruta de sendeirismo, ou asuntos históricos.

Rodeiro destacou tamén que nestas tres comarcas hai actualmente preto de 2.400 usuarios do carné xove e un total de 155 establecementos adheridos.

Con respecto ao Espazo Xove de Pontedeume, cabe destacar que esta instalación ofrece información xuvenil e asesoramento aos mozos e mozas da zona en materias como o emprego, saídas académicas e profesionais, bolsas e axudas, ou ocio e tempo e libre. Ademais, neste centro realízase tamén o trámite para a obtención do Carné Xove, ou os carnés de Estudante Internacional, Teacher ou Alberguista.

De luns a sábado lévanse a cabo actividades como teatro, artes plásticas, pilates, danza do ventre, hip hop, bailes latinos ou guitarra. Ademais, tamén hai formación relacionada coa informática, xa que o espazo conta cunha aula dotada con dez ordenadores e wifi libre.

Entre as accións formativas previstas para 2013, destaca un curso de inglés para a mocidade de 160 horas; un obradoiro para a elaboración de proxectos de animación sociocultural e turística; e un curso de animación cultural e outro de animación de lecer e tempo libre.

Cada un dos cursos contará con 25 prazas, serán gratuítos, e impartiranse en modalidade semipresencial.

O Espazo Xove disporá tamén da presenza o mércores de persoal técnico do servizo Quérote +, que informará e asesorará en temáticas xuvenís como as relacións afectivo-sexuais, a imaxe persoal, o uso seguro de internet ou a resolución de conflitos. A atención profesional é individual e garante en todo momento a confidencialidade.

Por último, adiantouse que o centro ten previsto organizar tres exposicións nas súas instalacións sobre “o movemento asociativo xuvenil no Espazo Xove de Pontedeume”, “o dereito á información da mocidade”, e “obras gañadoras de artes plásticas do certame Xuventude Crea”.