Galicia executou en 2012 o 10 por cento do total de proxectos estatais do programa europeo Xuventude en Acción

14 Feb 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe en Pontevedra nunha charla sobre programas europeos, que foi organizada pola Asociación galega de formación do profesorado e a Asociación galega de percutas OMAR

A comunidade autónoma acolleu un total de 60 programas que chegaron a preto dun milleiro de mozos e mozasxuventude_en_accion

Adiantou que en 2013 priorizaranse, entre outras, as iniciativas centradas no desemprego xuvenil ou no estímulo do espírito creativo ou empresarial

Galicia executou durante 2012 o 10 por cento do total dos proxectos estatais que se desenvolveron ao abeiro do programa europeo “Xuventude en Acción”. Deste xeito, Galicia foi a terceira comunidade autónoma onde máis actividades de puxeron en marcha o pasado ano, ata un total de 60, que chegaron a preto dun milleiro de mozos e mozas. O orzamento manexado polas entidades e asociacións para esas actividades foi de máis de 818.000 euros.

Así o salientou hoxe o director xeral de Xuventude e voluntariado, Ovidio Rodeiro, que participou en Pontevedra nunha charla sobre programa europeos, que foi organizada pola Asociación galega de formación do profesorado e a Asociación galega de percutas OMAR. Ambas entidades están a participar nesta liña europea de participación e mobilidade.

Rodeiro destacou que en 2013 cambiaranse os prazos e prioridades para participar nesta liña de axudas, que contará cun orzamento superior aos 9 millóns de euros e medio para repartir entre todas as comunidades autónomas.

En canto aos prioridades, este ano primaranse aqueles proxectos que traten o tema do desemprego xuvenil, así como os que se destinen a fomentar a mobilidade entre os mozos e mozas. Tamén se promoverán os que aborden a pobreza e a marxinación; ou que estimulen o espírito empresarial e de creatividade, e animen aos mozos e mozas a ser cidadáns activos.

No que se refire aos prazos, para aquelas iniciativas que empezan entre o 1 de maio e o 31 de outubro, o período de solicitude xa finalizou o 1 de febreiro. Pola súa banda, para os proxectos que se desenvolvan entre o 1 de agosto e o 31 de xaneiro de 2014, o data límite de presentación é o 1 de maio. Xa por último, para aqueles que empezarán entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2014, o prazo esténdese ata o 1 de outubro de 2013.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado encárgase de informar, asesorar, avaliar e facer seguimento de todos os proxectos de Xuventude en Acción. Este programa europeo ten como obxectivo principal promover a mobilidade e o diálogo e a empregabilidade, co fin de fomentar un sentimento de cidadanía europea activa, así como de solidariedade e tolerancia.

A Asociación galega de formación do profesorado organiza un intercambio bilateral entre mozos e mozas galegos e chipriotas do 10 ao 18 de febreiro. Neste proxecto participan 16 persoas de cada país, que estudarán os problemas ambientais de rías e ríos como posibles xacementos de emprego.

Pola súa parte, a Asociación galega de percutas OMAR está a desenvolver un proxecto de participación xuvenil, que comezou en febreiro e que se prolongará ata setembro. O obxectivo desta iniciativa é crear un espazo de encontro musical, onde o eixo vertebrador é a percusión.