Xuventude organiza 165 obradoiros sobre o uso correcto das redes sociais para alumnos de secundaria de toda Galicia

04 Feb 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe nesta iniciativa, que tivo lugar no Instituto de Educación Secundaria Eduardo Pondal de Santiago

Está previsto que poidan participar preto de 10.000 alumnos neste proxecto chamado ‘Convivencia nas redes sociais’

Nalgúns destes obradoiros, como é o caso do Eduardo Pondal, os técnicos do Quérote + contan coa colaboración de funcionarios dos departamentos de investigación de delitos tecnolóxicos da Policía Nacional e da Garda Civil, que informan aos alumnos do que son este tipo de delitos e de cómo se poden denunciar

Mañá, día 5 de febreiro, celébrase o Día Internacional de Internet Seguro, unha xornada para promover o uso responsable de internetquerote

Os centros Quérote+, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar organizan o obradoiro ‘Convivencia nas redes sociais’ de 100 minutos de duración e que se vai impartir nas clases de 3º da ESO de 165 institutos de toda Galicia. Está previsto que poidan participar preto de 10.000 alumnos.

O director Xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe nesta iniciativa, que tivo lugar no Instituto de Educación Secundaria Eduardo Pondal de Santiago. Mañá, día 5 de febreiro, celébrase o Día Internacional de Internet Seguro, unha xornada para promover o uso responsable de internet. Rodeiro indicou que “a día de hoxe a mocidade convive a través de internet, crean e afianzan vínculos, buscan información, comparten imaxes, xogan, estudan, e moitísimas cousas máis. As actuais son xeracións dixitais ou tecnolóxicas, xeracións de rapaces e rapazas que naceron xa inmersos nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación”.

A relación entre a xente nova e internet é “intensa”, pero isto non supón que saiban facer un uso responsable das mesmas, polo que se fai necesario atender esta realidade e falar deste tema nas aulas e outros espazos xoves.

Dende os centros Quérote+ vense traballando con esta temática nas aulas dos centros de ensino de toda Galicia. A través destes obradoiros, foméntase na mocidade o uso responsable de internet, poñendo o acento nas redes sociais.

A través da reflexión trabállanse os beneficios que se poden obter co seu uso, e facendo visibles os posibles riscos aos que se poden ver expostos. Involúcrase aos mozos e ás mozas na construción e uso de ferramentas que garantan a seguridade e a preserven a súa intimidade na Rede.

Tamén se traballa nos comportamentos non adecuados a través das redes sociais, a fin de previr e evitar na medida do posible casos de Cyberbullying entre os alumnos.

É frecuente que nos obradoiros para o alumnado de 3º da ESO haxa mozos e mozas que conten con máis de 500 amigos nos seus perfís das redes sociais, que teñan publicadas máis de 3.000 imaxes, e que compartan os seus contrasinais con outras persoas.

De aí que teña unha gran relevancia a información e a formación no uso destas ferramentas, que teñan espazos onde poder consultar tódalas dúbidas que lle xurdan sobre este tema, así como que saiban a quen poder acudir en caso de atoparse con algunha dificultade.

Nas formacións que ofrecen os centros Quérote+, ademais de dar información, búscase que coñezan tamén un espazo de referencia no que poder formular as dúbidas, curiosidades, preocupacións ou dificultades que lle xurdan en relación a este tema.

Unha das actividades coas que se traballa co mocidade neses obradoiros é que identifiquen certos comportamentos que poden ter no uso de internet como inseguros (vermello), mellorables (laranxa) ou seguros (verde).

Entre os comportamentos vermellos estarían o de deixar sesións abertas nun equipo de acceso público; dar o número de teléfono ou calquera outro dato persoal por Internet, para un fin descoñecido ou por unha vía non segura; ou descargar arquivos de orixe descoñecida ou non fiable. Os comportamentos mellorables son empregar sempre o mesmo contrasinal, aceptar condicións de uso sen mirar ou ter o Bluetooth continuamente activado.

En algúns destes obradoiros, como é o caso do Eduardo Pondal, os técnicos do Quérote + contan coa colaboración de funcionarios dos departamentos de investigación de delitos tecnolóxicos da Policía Nacional e da Garda Civil, que informan aos alumnos do que son este tipo de delitos e de cómo se poden denunciar.