O Espazo Xove de Noia ofrecerá en 2013 cursos de formación para 250 mozos e mozas de xeito gratuíto

31 Xan 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou as actividades deste centro e mantivo unha xuntanza de traballo cos concelleiros da área das comarcas de Fisterra, Muros, Noia e Barbanza

Nesta instalación tamén se realizarán obradoiros do servizo Quérote+, centrados nas relacións afectivo-sexuais, a imaxe persoal, a prevención de drogodependencias ou o uso seguro das rede sociais

Desenvolveranse tamén actividades de lecer, moitas delas en colaboración con asociacións xuvenís, así como exposicións sobre distintas materias

Con respecto ao carné xove, unha iniciativa que se seguirá fomentando este ano, hai actualmente 71 establecementos adheridos a este servizo e 1.483 usuarios nestas catro comarcas

O Espazo Xove de Noia ofrecerá en 2013 un total de 12 cursos de educación non formal para a mocidade, que sumarán máis de 500 horas lectivas e poderán chegar ata a 250 mozos e mozas. Os cursos serán de carácter gratuíto e impartiranse de xeito semipresencial.

O directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe as actividades deste centro para este ano. A continuación mantivo unha xuntanza de traballo cos concelleiros desta área das comarcas de Fisterra, Muros, Noia e Barbanza.

O espazo de Noia forma parte da rede de 12 instalacións xuvenís que hai en Galicia xunto con Lalín, Vilagarcía, Tui, Vilalba, Viveiro, Chantada, Betanzos, Carballo, Curtis, Ourense e Pontedeume.

Entre os cursos que se impartirán en 2013, destacan entre outros o de “inglés para información xuvenil”, a “formación en emancipación xuvenil e orientación laboral”, ou o “fomento do tecido asociativo”.

Ademais desta oferta, na instalación noiesa tamén se realizarán este ano obradoiros do servizo Quérote+, que se centrarán nas relación afectivo-sexuais, a imaxe persoal, a prevención de drogodependencia ou o uso seguro das redes sociais. Os técnicos do Quérote atenderán os martes, individualmente e garantindo a confidencialidade, aos mozos que demanden asesoramento nestas temáticas.

Toda esta programación estará acompañada pola organización de actividades de lecer, moitas deles en colaboración con asociacións xuvenís, entre as que se inclúen ballet clásico, danza moderna, baile galego, sevillanas, bailes de salón, breakdance, teatro, xadrez, percusión, pandeireta, gaitas, violín, ioga, pilates, bailoterapia e apoio escolar.

O Espazo Xove acollerá tamén distintas exposicións sobre o movemento asociativo xuvenil vinculado a este centro, ou o dereito á información da mocidade; así como a mostra fotográfica de alumnos do ciclo medio Virxe do Mar ou das obras gañadoras na modalidade de artes plásticas do certame Xuventude Crea.

Neste centro realízanse tamén os trámites para a obtención de carnés para a mocidade como o ISIC, Teacher, Alberguista e o carné xove. Tan só no 2012 expedíronse nestas instalacións un total de 190 carnés xove.

Cabe destacar tamén que o centro conta con wifi libre e un aula de informática con 14 equipos, aos que acoden diariamente unha media de 45 rapaces e rapazas de entre 12 e 25 anos. Este ano espérase superar as 8.360 visitas a aula de informática que se rexistraron en 2012.

A toda esta programación hai que sumar outras actividades que xurdirán ao longo do ano en colaboración cos concellos e asociacións xuvenís da zona.

Por outra banda, na xuntanza cos concelleiros das comarcas de Fisterra, Noia, Muros e Barbanza, o director xeral de Xuventude e Voluntariado fixo fincapé en diversos programas autonómicos que estarán en marcha en 2013.

Neste sentido, salientou que se seguirá potenciando en toda Galicia o carné xove. Ao respecto, informou de que nestas catro comarcas hai un total de 71 establecementos adheridos que ofrecen beneficios e descontos, e 1.483 usuarios de entre 12 e 30 anos.

Entre outras iniciativas, Rodeiro tamén mencionou o programa de Iniciativa Xove que permite a posta en marcha de proxectos liderados pola propia mocidade. En 2012 financiáronse en Lousame, Noia e Ribeira un total de 5 proxectos ao abeiro desta liña de axudas.

Tamén destacou o proxecto de Voluntariado Xuvenil (en 2012 participaron nel os concellos de Ribeira, Lousame e Porto do Son), ou outras iniciativas como os intercambios xuvenís con Europa, ou a campaña de verán.