Un total de 11 grupos de mozos e mozas da provincia de Ourense recibiron axudas en 2012 para executar os seus propios proxectos

30 Xan 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, reuníronse hoxe cos concelleiros da provincia para coordinar e impulsar o traballo conxunto coa mocidade entre a Xunta e os municipios galegos.

Esta é a primeira dunha serie de 12 xuntanzas que o responsable autonómico ten previsto manter cos edís dos municipios galegos.

O ano pasado tomaron parte no programa “Iniciativa Xove” grupos de Barbadás, Xinzo de Limia, Maside, Ribadavia e Ourense.

Ademais, no exercicio anterior incorporáronse ao programa de Voluntariado Xuvenil da Xunta un total de 5 asociacións e 10 concellos da provincia.

En 2013, o Espazo Xove de Ourense ofertará 350 horas de formación para a mocidade, entre as que se inclúen cursos de animación sociocultural e turística, ou sobre programas como Autocad ou Photoshop.

Un total de 11 grupos informais e asociacións xuvenís da provincia de Ourense recibiron financiamento durante o ano 2012 a través do programa de participación “Iniciativa Xove”, unha actuación que ten como obxectivo apoiar proxectos liderados, executados e protagonizados por grupos de mozos e mozas. En concreto, os beneficiarios procedían de Barbadás, Xinzo de Limia, Maside, Ribadavia e Ourense capital (7 grupos).

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, reuníronse hoxe cos concelleiros de xuventude nunha reunión que serviu para coordinar e impulsar as políticas de mocidade na provincia. Esta é a primeira dunha serie de 12 xuntanzas de traballo que o responsable autonómico ten previsto manter cos edís dos municipios galegos. O responsable autonómico animou a difundir a través dos gobernos locais os distintos programas e recursos para a mocidade que porá en marcha a Consellería de Traballo e Benestar en 2013.

Ademais de referirse ao programa Iniciativa Xove, que disporá en 2013 de 730.000 euros para toda Galicia –un 3,5% máis que en 2012-, Rodeiro fixo fincapé na promoción da incorporación da mocidade a labores voluntarias.

Neste sentido, destacou que o obxectivo é incorporar este ano, a través do programa de Voluntariado Xuvenil, un total de 3.000 mozos e mozas a proxectos voluntarios de asociacións e concellos, cun orzamento de 440.500 euros que se destina a sufragar os custos de transporte e mantenza dos voluntarios, así como a xestión e seguro das entidades. En 2012 participaron nesta iniciativa un total de 5 asociacións e 10 concellos da provincia.

Durante a xuntanza, que tivo lugar no Espazo Xove de Ourense, tamén se expuxo a programación deste centro para o ano vixente. Entre outras actuacións, destacou a oferta de máis de 350 horas de formación para a mocidade, entre as que se atopan cursos de desenvolvemento comunitario, de animación sociocultural e turística, de Autocad ou de Photoshop.

Rodeiro salientou tamén que a maioría das actividades deste espazo realízanse en colaboración co movemento asociativo xuvenil da cidade, como poden ser 24 horas de teatro, os obradoiros de DJs, as xornadas de CREA-tividade, a iniciativa A Xuventude Baila, os torneos de xadrez ou a VI edición do Espazo Rock, que programa concertos nas noites dos venres do mes de agosto para grupos noveis da provincia.

Durante a reunión tamén se abordaron outros programas do departamento autonómico como o Galeuropa de mobilidade xuvenil, o Xuventude en Acción, as axudas para o mantemento das oficinas municipais de información xuvenil, a Campaña de Verán, o Carné Xove, ou o plan de formación.