A Xunta abre o prazo para participar na cuarta edición de Xuventude Mentoring. Trátase dun programa de formación e orientación promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas tres universidades galegas para apoiar e acompañar os mozos e mozas que se atopan nun momento de inicio laboral tras remataren os seus estudos de grao ou de FP superior. Con esta iniciativa preténdese que os/as participantes potencien as súas habilidades e competencias a través dunha rede de mentores do eido empresarial galego.
Poden participar as persoas de entre 18 e 30 anos inscritas e beneficiarias do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil con estudos finalizados de grao, de FP superior ou de ensinanzas de réxime especial. O prazo de inscrición vai do 28 de agosto ao 18 de setembro.
O programa artellarase en catro bloques de accións que se desenvolverán, fundamentalmente, entre outubro e decembro:
1.Actividades de asesoramento e acompañamento polos titores/as. Estas persoas acompañarán de xeito individualizado a cada participante durante o programa.
2.Actividades de mentoría a cargo de persoas profesionais procedentes do sector empresarial. Cada participante terá asignada unha persoa mentora procedente do sector económico ou profesional do seu interese que lle aconsellará, apoiará e guiará na súa busca de emprego por conta allea ou propia, así como lle axudará a crear e ampliar unha rede de contactos de interese.
3.Actividades formativas de apoio ao desenvolvemento do perfil competencial de cada participante. Estas divídense entre actividades formativas obrigatorias e contidos formativos voluntarios, podendo desenvolverse de maneira presencial, semipresencial ou en liña.
4.Actividades de networking e visitas a empresas. Ao longo do programa organizaranse diversas actividades de interacción e networking a través de eventos presenciais e de visitas a empresas destinadas a mellorar a empregabilidade e establecer unha rede de contactos que apoien as demais tarefas do programa. A participación nestas actividades será voluntaria.
O programa está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa FSE+, nun 60%, con cargo ao Programa FSE+Galicia 2021-2027, no obxectivo político 4, prioridade 5, obxectivo específico ESO4.1, medida 5.A.06
Toda a información pódese consultar nas bases do programa, así como acceder ao formulario de inscrición.