A Coruña acolle hoxe a quinta edición do Foro Galego de Solidariedade que está a organizar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado en distintas cidades galegas. Máis de 60 dirixentes e responsables de entidades de acción voluntaria de Galicia participará na iniciativa que se celebrará ao longo de toda a mañá no Fórum Metropolitano.
O obxectivo deste programa é converterse nun espazo de encontro e interacción dos axentes de participación social e voluntariado de Galicia. O que se pretende é estimular e promover o debate e a reflexión sobre os aspectos cruciais para o desenvolvemento da acción das entidades sociais e solidarias galegas.
Como resultado do traballo participativo, editarse un documento coas conclusións do labor desenvolvido que sirva de guía para as persoas que non puideran participar no encontro. É o quinto foro galego que se celebra este ano, despois dos de Lugo, Ourense, Vigo e Ferrol.
O V Foro Galego de Solidariedade que se celebra na Coruña comezará ás dez da mañá coa presentación dos actos por parte do subdirector xeral de Voluntariado, Alberto Otero. A continuación, terá lugar o primeiro relatorio ‘A contribución social das entidades solidarias e de voluntariado: o discurso do propio sector’, que será impartido por Carlos Susías Rodado, presidente da Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-España) e vicepresidente da plataforma do terceiro sector.
Ás 11,00 horas haberá unha mesa redonda sobre a contribución social das entidades solidarias e de voluntariado e sobre o diálogo entre o sector coas administracións e empresas. Participarán o subdirector xeral de Dependencia, Jorge Rubén Sampedro,; o director da área de Servizos Sociais do Concello da Coruña, José Luis Quintela; a responsable do departamento de Responsabilidade Social Corporativa da Confederación de Empresarios da Coruña, María Botana; e o vicepresidente da Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia), Xosé Cuns Traba.
A continuación, sobre as 12,30 horas, organizaranse dúas entrevistas sobre a contribución social das entidades solidarias e de voluntariado: a visión doutras formas de intervención social e a perspectiva das persoas voluntarias e beneficiarias.