A Consellería de Traballo e Benestar pon en valor o traballo voluntario do movemento scout galego

18 Dec 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, puxo hoxe en valor o traballo voluntario que realiza nesta comunidade autónoma o movemento Scout.image_gallery

Así o resaltou durante a súa participación nos actos que conmemoran os cen anos de presenza en Galicia deste movemento. No transcurso desta celebración, Rodeiro recibiu un cheque simbólico no que se lle ofrece á sociedade galega as horas de traballo voluntario realizadas este ano polos Scouts.

O responsable autonómico valorou que os scout xa levan aplicando con éxito durante máis de cen anos conceptos como a “educación non formal, a liberdade de acción responsable ou a participación voluntaria”.

Neste sentido, fixo fincapé en que asociacións como esta, que levan moito tempo traballando coa mocidade, inspiraron a posta en marcha do novo modelo de participación xuvenil da Xunta de Galicia. Entre outras iniciativas levadas a cabo, Rodeiro destacou os programas de Iniciativa Xove, o Servizo de Voluntariado Xuvenil, e a nova Lei de Xuventude de Galicia.

O primeiro grupo Scout galego constituíuse en 1912. Actualmente, o movemento está presente en toda Galicia mediante 6 grupos nas cidades de Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, e conta con preto de 500 asociados.