A Xunta pon en marcha un programa pioneiro de voluntariado en materia de violencia de xénero que conta xa con 1.000 participantes

13 Nov 2012
  • O obxectivo do programa é contar cunha bolsa de voluntarios e voluntarias que realicen tarefas de acompañamento, apoio e información ás mulleres vítimas de violencia de xénero
  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste, salientaron hoxe en rolda de prensa que este programa permite “implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero”
  • O programa iníciase cun curso de básico, que comeza este mércores, e para o que se inscribiron preto de 1.000 persoas

presentacion_violencia_de_xeneroA Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e da Secretaría Xeral de Igualdade, vén de poñer en marcha un programa pioneiro e innovador de voluntariado en materia de violencia de xénero, que xa conta con preto de 1.000 inscritos no primeiro curso básico.

Tratase do primeiro programa destinado a crear unha bolsa de voluntarios e voluntarias que estarán a disposición dos servizos especializados, co obxectivo de realizar tarefas de acompañamento, apoio e información ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Deste xeito, os participantes estarán ao servizo da Rede Galega de Acollemento a Vítimas da violencia de xénero -formada polas casas de acollida e o centro de emerxencia- e da Rede de Centros de Información a Muller.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, Ovidio Rodeiro, e a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral de Igualdade, Belén Liste, explicaron hoxe en rolda de prensa que este programa permite “implicar a toda a sociedade, a través do voluntariado, na loita contra a violencia de xénero”.

Deste xeito, os voluntarios e voluntarias contribuirán nas accións informativas para que as mulleres vítimas de violencia de xénero coñezan como actuar para a súa protección, ao mesmo tempo que exercerán labores de acompañamento, co obxectivo de que as mulleres maltratadas poidan contar co apoio dunha persoa voluntaria á hora de solicitar, por exemplo, un parte de lesións, asistir a un xuízo de trámite ou presentar unha denuncia. Cabe salientar que este acompañamento nunca debe entenderse como un substituto dos recursos profesionais de asistencia legal ou de apoio psicolóxico e social.

Sensibilización

Tamén realizarán tarefas de derivación e sensibilización que consistirán no apoio á persoa á hora de buscar alternativas a súa situación, a través da súa derivación cara aos servizos e programas de apoio e atención especializada. Nesta sentido xoga un papel moi importante a sensibilización, xa que é un problema que atinxe a toda a cidadanía.

O programa comezará este mércores co inicio dun curso básico sobre violencia de xénero, que se desenvolverá ata o 14 de decembro a través da plataforma voluntariadogalego.org, é que xa conta con preto de 1.000 persoas inscritas. O director xeral de Xuventude e Voluntariado salientou a “resposta masiva que tiveron os voluntarios e voluntarias de Galicia ante este programa” como unha mostra da “profunda sensibilización social que hai sobre a violencia de xénero”.

Este curso formativo busca ofrecer aos participantes uns coñecementos básicos para poder identificar e distinguir posibles situacións violentas, fomentando a sensibilización e permitindo unha aproximación aos recursos existentes e ás actuacións que as diferentes administracións están a desenvolver neste ámbito.

Este novo programa posto en marcha pola Xunta responde aos obxectivos de difusión dos valores de acción voluntaria e á promoción do voluntariado en colectivos sociais con circunstancias especiais, como son as mulleres vítimas de violencia de xénero, segundo o III Plan galego de acción voluntaria (2011-2014), e aos valores de igualdade que inspiran o VI Plan Galego para a Igualdade de Mulleres e Homes, Estratexia 2012-2015, que será aprobado en datas próximas.