A Xunta premia traballos en Moda e Deseño de xoias dentro do programa Xuventude Crea 2022

07 Dec 2022

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado premia varios traballos en Moda e Deseño de xoias do programa Xuventude Crea 2022

O santiagués Brais Albor Rodríguez obtivo o primeiro premio en Moda pola súa creación ‘Touro Galego’; e a obra titulada ‘Tick-Tock Collection’, de Rebeca García Martínez, da Pobra do Caramiñal, gañou na categoría de Deseño de Xoias

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á fase final destas especialidades, na que se deron a coñecer os gañadores

O resto das premiadas nesta fase final de Moda, na que se deron cita sete aspirantes, foron Antía Vieiro Fernández, de Brión, que coa confección titulada ‘Vaya huevos’ quedou en segundo lugar; e a terceira clasificada foi a pontevedresa Laura Barrós Chans, con ‘Novo Pentaerion’.

Na especialidade de Deseño de Xoias obtivo o segundo lugar Aldara Hernaiz Sánchez, de Padrón, autora de ‘Una vuelta más’; e en terceira posición quedou Evelyn Cacabelos Lores, natural de Vilagarcía de Arousa, coa obra titulada ‘La chica del espejo’. A esta final chegaron seis creacións.

Todas as obras finalistas nestas dúas categorías estarán expostas na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o vindeiro 29 de decembro, agás domingos e festivos.

Podes ver obras premiadas noutras edicións no Museo dixital de Xuventude Crea