Máis de 300 mozos o mozas galegos participan nos 245 proxectos artísticos do certame de creadores novos ‘Xuventude Crea 2012’

24 Out 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, estivo presente hoxe na final do concurso de grafitti que tivo lugar en Santiago

Ao longo do mes de outubro están tendo lugar as comisións de valoración de cada especialidade

Os gañadores de cada unha das especialidades de Xuventude Crea contarán cos seguintes premios en metálico: 3.000 euros para os premiados en primeiro lugar; 1.500 para os segundos; e 1.000 para os terceirosCREA

O certame de creadores novos ‘Xuventude Crea 2012’ recibiu este ano un total de 245 traballos que representan o arte de máis 300 mozos e mozas galegas que se presentaron este ano ao concurso que convoca a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, superando o número dos 185 traballos presentados na última edición do 2010.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, estivo presente hoxe na final do concurso de grafitti que tivo lugar en Santiago enmarcada no Xuventude Crea. O certame deste ano inclúe un total de 11 especialidades diferentes: teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, deseño de xoias e monólogos. A iniciativa, para mozos e mozas de entre 16 e 30 anos residentes en Galicia, contou neste exercicio cun orzamento de 71.150 euros.

Ao longo do mes de outubro están tendo lugar as comisións de valoración de cada especialidade. Ata o de agora os galardóns que se fallaron foron os correspondentes a relato breve, poesía, banda deseñada e videocreación. Ao longo do mes de outubro terán lugar as finais das modalidades restantes e a inicios do mes de novembro coñeceranse os premiados de todas as categorías.

Os nove finalistas de graffiti realizarán hoxe unha exhibición desde ás 9.30 ata as 18.00 horas no Pavillón municipal de Vite en Santiago. Realizarán en directo os seus traballos Brais Rodriguez Trigo, Iván Cabello Camba, Noel Pérez Fungueiriño, Roberto Escariz Ferreira, David Canosa Barreiro, Felipe Covelo Vázquez, Lois Costa Pereiro e o grupo formado por Tirso Juan Paz Sans, Manuel Seijas Fernández e Adrián Mourenza Pena.

Así mesmo, tamén nesta semana está a celebrarse a final de teatro. No referente á especialidade de música ás actuacións dos seis finalistas está prevista para o sábado 27 de outubro a partir das 20.00 horas no Jazz Club Dado Dadá en Santiago. Actuarán os solistas Carlos Gende Prego de Cerceda e Gustavo Esteban Barragán de Pontevedra e os grupos Verso Libre (Vigo), Tío Phil Jazz Group (Meaño), A máquina de meter medo (A Coruña) e Nagai (Marín).

Na modalidade de artes plásticas a exposición das vinte obras finalistas será na Igrexa da USC en Santiago desde o 30 de outubro ata o 9 de novembro, de luns a sábado. A inauguración terá lugar o martes 30 ás 20.00 horas e exporán os seus traballos en escultura: Oliver Requeijo Fernández, Basilia Fiestras Cachafeiro, Carmen Álvarez Campo, Tania Pérez Arribas e Laura Piñeiro Meana; en pintura: Humberto Loureiro Argullós, Olmo Blanco Fuentes, Aida Pérez Donoso, Aida Estrella Vigo Edreira, Soraya Redondo Taboada, Jacobo Lorenzo Nespereira, Marta López López, Joan Morera Arbones e Luis Iván Estévez Martín; e en fotografía: Fabio Alonso Comesaña, Alicia Seoane Orro, Marta González Suárez, Lis García Calvo, Andrea Velado Díaz e Sara Baños Martínez.

Así mesmo na modalidade de deseño de xoias os traballos dos dez finalistas serán expostos dende o 6 ao 24 de novembro na Fundación Eugenio Granell en Santiago. A inauguración da exposición será o 6 de novembro ás 20.00 horas e os traballos expostos serán os de Cecilia Vidal Vázquez, Mar Batallé Pérez, Inés Sánchez Estévez, Raquel Sánchez Ballesteros, Sabela Correa COmesaña, Iria Martínez Rodriguez, Valentín Amoedo Moreira, Paula García Carballal, Iraya Morales Malla e Daniel Rivas Fernández.

Polo que se refire á modalidade de videocreación os traballos dos gañadores serán reproducidos no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña.

Premios
Os gañadores de cada unha das especialidades de Xuventude Crea contarán cos seguintes premios en metálico: 3.000 euros para os premiados en primeiro lugar; 1.500 para os segundos; e 1.000 para os terceiros.

Ademais, os premiados en teatro e música terán a oportunidade de representar as súas creacións nunha serie de actuacións por diferentes concellos galegos. O gañador participará en dúas actuacións e o segundo e terceiro clasificado nunha. Pola súa banda, os tres primeiros clasificados en artes plásticas poderán participar en exposicións colectivas no Circuíto da creatividade.

Ademais, os finalistas dalgunhas modalidades recibirán unha axuda económica para poñer en valor a súa creatividade. Así, en teatro percibirán 650 euros por grupo; na categoría de música recibirán 600 euros por grupo e 300 euros por solista e en graffiti 350 euros por participante.

Os obxectivos fundamentais desta iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar é que os mozos e mozas poidan manifestar a súa inquedanza artística e cultural a través do certame e ao mesmo tempo fomentar a creatividade xuvenil, como mostra do talento que amosa a mocidade galega.

De feito, a Estratexia Xuventude 2013 dedica ao fomento da creatividade e do espírito empresarial un dos eixos principais de acción, propoñendo 20 medidas concretas para as propias iniciativas dos mozos e mozas galegos.