Benestar celebrará a finais de novembro unhas xornadas sobre emprendemento e autoemprego xuvenil en Santiago

19 Out 2012

O obxectivo da iniciativa é analizar a actual situación de desemprego en Galicia e España valorando a situación dos mozos e mozas e as perspectivas socioeconómicas

Desenvolveranse relatorios sobre desemprego xuvenil, un panel de experiencias sobre programas europeos de mobilidade e unha mesa redonda sobre emprendemento, entre outras accións

O prazo de inscrición rematará o próximo 9 de novembro

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado celebrará os próximos 23 e 24 de novembro unhas xornadas sobre desemprego, emprendemento e autoemprego xuvenil en Santiago, unha iniciativa enmarcada dentro do proxecto europeo Xuventude en Acción. Poderán participar representantes de asociacións xuvenís, monitores, técnicos de xuventude de entidades públicas, representantes políticos en materia de xuventude, líderes de organizacións estudantís e mozos e mozas non asociados.

Os interesados en tomar parte das xornadas poderán inscribirse a través do portal http://xuventude.xunta.es , ata o próximo 9 de novembro. Ofértanse un total de 75 prazas.

O obxectivo da iniciativa é analizar a actual situación de desemprego en Galicia e España valorando a situación dos mozos e mozas e as perspectivas socioeconómicas de futuro. Así mesmo, presentaranse boas prácticas para o fomento da empregabilidade e a inserción laboral, ao tempo que se fomentará a inclusión dos mozas e mozas con menos oportunidades no mercado laboral a través dos programas europeos e rexionais.

Ademais, establecerase un espazo de traballo e diálogo para facilitar o labor en rede e a cooperación europea en materia de xuventude e darase a coñecer as posibles vías de financiamento que a Unión Europea e outros organismos dispoñen para o fomento da iniciativa empresarial.

O programa das xornadas prevén relatorios sobre o desemprego xuvenil, un panel de experiencias sobre programas europeos de mobilidade, unha mesa redonda sobre emprendemento e autoemprego xuvenil, unha visita a un viveiro de empresas, así como unha exposición de políticas de emprego xuvenil en varios países europeos (Hungría, Italia, Bulgaria, Romanía, Letonia, Turquía, Polonia, España, Portugal e República Checa). Así mesmo, haberá obradoiros de coaching e liderado empresarial.

As charlas enmárcase no eixo 6 do Plan Estratéxico de Xuventude 2013, unha estratexia para a mocidade galega, dentro do obxectivo que busca establecer mecanismos que faciliten o acceso á información sobre aspectos que lle interesan á mocidade, como poder ser a formación, vivenda, emprego u outros temas de interese para a mocidade.