Xuventude promove o intercambio europeo entre voluntarios de máis de 50 anos a través do programa Grundtvig

16 Out 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe ao segundo grupo de voluntarios irlandeses que participa na iniciativa

Para tomar parte do proxecto só se require ser maior de 50 anos e un coñecemento básico do inglés

O custe é de balde ofertándose aos voluntarios e voluntarias aloxamento e pensión completa no albergue elixido, o desenvolvemento dun programa de actividades e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil

Este programa enmárcase no III Plan Galego de Acción Voluntaria (2011-2014)

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, está a organizar un intercambio europeo entre voluntarios de 50 ou máis anos a través do programa Ways of Solidarity (Camiños de Solidariedade) subvencionado pola iniciativa Grundtvig dentro dos programas de aprendizaxe permanente da Comisión europea.IRLANDESES

Este programa enmárcase nas accións que contempla a liña estratéxica de promoción do voluntariado establecida polo III Plan Galego de Acción Voluntaria (2011-2014).

O responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe aos dous primeiros voluntarios irlandeses que participan neste proxecto. Procedentes de Belfast, realizarán en Galicia labores de información e colaboración no albergue de peregrinos do Pino e manterán contacto con outras entidades de acción voluntaria de Galicia, onde poderán coñecer de primeira man as actividades realizadas en Galicia e aportar a súa experiencia neste eido.

Dous voluntarias galegas xa viaxaron a Belfast onde compartiron os seus coñecementos e habilidades, ao tempo que participaron en actividades culturais e colaboraron na elaboración de proxectos de voluntariado social.

Neste proxecto poden participar voluntarios ou voluntarias que teñan cumpridos os 50 anos no momento da súa participación e conten cun coñecemento básico do inglés. Non se requiren outras habilidades específicas.

O custe para tomar parte deste programa é de balde, ofertándose aos voluntarios e voluntarias aloxamento e pensión no albergue elixido, o desenvolvemento dun programa de actividades e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Rodeiro destacou que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado puxo en marcha este proxecto para maiores de 50 anos co obxectivo principal de desenvolver un intercambio de aprendizaxe intercultural entre voluntarios e voluntarias sénior de España e Reino Unido. É a primeira experiencia deste tipo en Galicia.

“Con este proxecto queremos animar aos voluntarios maiores a valorar a contribución que poden facer á sociedade e reforzar a mensaxe de que a idade non impide que a xente aprenda”, destacou Rodeiro.