O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na entrega de diplomas dun curso de monitor sociocultural na localidade coruñesa e presentou unha iniciativa da Asociación Xuvenil Porta da Vila
A área autonómica está a apoiar a segunda edición das xornadas micolóxicas que organiza este colectivo
Ademais está a ofertar un curso de desenvolvemento comunitario que se impartirá entre outubro e novembro deste ano
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado está a apostar polo mocidade de Betanzos co seu apoio a diversas iniciativas xuvenís nesta localidade e a súa comarca, entre as que destaca a oferta de cursos de formación.
Así o responsable desta área autonómica, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na entrega de diplomas dun curso de monitor sociocultural que impartiu a Consellería de Traballo e Benestar. Neste senso, Rodeiro explicou que entre os meses de outubro e novembro porase en marcha unha nova acción formativa dirixida a mozos e mozas, esta vez, centrada no desenvolvemento comunitario. En concreto, ofertaranse 25 prazas. O prazo de inscrición rematará a próxima semana.
Rodeiro destacou que esta iniciativa, que se leva a cabo no Espazo Xove de Betanzos, forma parte do Plan de Formación da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que se está a desenvolver na actualidade.
Ademais, o director xeral de Xuventude e Voluntariado destacou o apoio da Xunta aos colectivos xuvenís galegos como é o caso das actividades que desenvolve a Asociación Xuvenil Porta da Vila de Betanzos.
Ao respecto, á área autonómica está a apoiar as II Xornadas Micolóxicas de Betanzos co obxectivo de poñer en valor entre a mocidade todos aqueles proxectos positivos vinculados a este ámbito como son a sensibilización ambiental e unha forma de ocio saudable en contacto coa natureza.
Deste xeito, as xornadas contarán cunha exposición fotográfica, un curso teórico e varias saídas ao monte para axudar aos participantes a comprender o valor e funcións ecolóxicas dos cogomelos.
Rodeiro destacou, así mesmo, o potencial económico e de emprego que ofrecen as empresas que se dedican ao cultivo e tratamento de cogomelos con fins gastronómicos e medicinais.