O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, explicou hoxe en rolda de prensa que “se trata do primeiro programa de mobilidade europeo que pon en marcha unha administración autonómica con medio propios”
Galeuropa vai dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos
Os participantes poderán realizar prácticas laborais durante os meses de novembro e decembro en 6 países diferentes: Alemaña, República Checa, Hungría, Polonia, Irlanda e Holanda
Os interesados poden informarse na páxina web http://xuventude.xunta.es/
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, pon en marcha o programa de mobilidade galega Galeuropa para a realización de prácticas laborais no estranxeiro durante os meses de novembro e decembro deste ano, cunha estancia de catro semanas.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, explicou hoxe en rolda de prensa que “se trata do primeiro programa de mobilidade europeo para a realización de prácticas laborais que pon en marcha unha administración con medios propios”. Galeuropa oferta un total de 50 prazas en seis países diferentes: 10 prazas en Alemaña, 10 na República Checa, 10 en Hungría, 10 en Polonia, 6 en Irlanda e 4 en Holanda.
O programa está destinado a mozos e mozas da nosa Comunidade con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. No caso da estancia en Alemaña o programa vai dirixido a mozos e mozas sen formación académica e en situación de desemprego laboral superior aos seis meses. Para os outros cinco países a convocatoria vai dirixida á mocidade, desempregada ou ocupada, que posúe un título dun ciclo medio de formación profesional, aínda que tamén poderán presentarse mozos que posúan estudos en ciclos superiores de formación profesional ou universitarios.
En concreto, as prácticas realizaranse nos sectores da hostalería, turismo, comercio, administración e servizos á comunidade, como é a atención á terceira idade e a persoas con discapacidade.
Rodeiro destacou que “o obxectivo deste programa é incrementar as posibilidades laborais de mozos e mozas en situación de desemprego á vez que se perfeccionan as habilidades lingüísticas”. Do mesmo xeito que esta actividade impulsa o desenvolvementos de habilidades persoais de autonomía e autoestima.
Así mesmo, o director xeral explicou que o departamento autonómico proporciona a cada un dos participantes a empresa onde realizarán as prácticas, un curso de preparación lingüística, o aloxamento, unha axuda económica de 400 euros para a manutención e para a viaxe de ida e volta, un seguro de responsabilidade civil e unha titorización personalizada durante toda a estancia.
Rodeiro tamén recordou que a Xunta conta desde o ano 2009 cun Plan Estratéxico de Xuventude no que están implicados todos os departamentos da administración, así salientou que “un eixe prioritario das políticas de Xuventude desta administración é o destinado ao fomento da mobilidade xuvenil”.
Con respecto ao prazo de inscrición, está aberto ata o 14 de outubro.